DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 14 de xullo de 2025 Páx. 39547

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 9 de xullo de 2025, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, polo que se somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de decembro de 2024.

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, así como nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.

1. Antecedentes:

1º. O 9.12.2024 o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., para implantar no concello de Dumbría (A Coruña), foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

2º. O 21.2.2025 a promotora presenta a documentación exixida pola normativa aplicable. Unha vez completa a documentación e de acordo co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal, que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña), mediante un anuncio que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 5 de maio de 2025.

3º. O 8.7.2025 a promotora presentou un escrito ante a Secretaria Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético en que expón que se levaron a cabo axustes nalgunha das naves, co obxectivo de garantir a compatibilidade das instalacións cos requirimentos técnicos dos equipos de secado e optimizar a eficiencia operativa da planta, así como nas rasantes inicialmente propostas para adaptarse á topografía natural do terreo.

4º. Unha vez examinada a documentación presentada e comprobada a entidade dos cambios realizados, resulta procedente publicar un novo anuncio polo que se somete a información pública o proxecto dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., que se implantará no concello de Dumbría (A Coruña), declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de decembro de 2024.

2. Datos do proxecto.

• Solicitante/promotora: Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.

• NIF: A80420516.

• Domicilio social: Diego de León, 59, 2º C, 28006 Madrid.

• Denominación do proxecto: implantación dunha planta de conversión de madeira en carbón vexetal.

• Concello afectado pola industria: Dumbría (A Coruña).

• Situación da industria: estrada de Muros, s/n, lugar de Hospital, 15151 Dumbría.

• Actividade: 2410. Fabricación de produtos básicos de ferro, aceiro e ferroaliaxes.

• Categoría principal da actividade: categoría 2.5.a) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, onde se inclúen as instalacións para a produción de metais en bruto non ferrosos a partir de minerais, de concentrados ou de materias primas secundarias mediante procedementos metalúrxicos, químicos ou electrolíticos.

• Descrición do proxecto: este proxecto propón a mellora ambiental e de eficiencia da planta de Dumbría coa execución dunha planta de fabricación de carbón vexetal, substituíndo 15.000 t/ano de carbón mineral (hulla) consumido na actualidade. A planta terá unha capacidade de produción anual de entre 11.000 e 14.000 t/ano a partir do consumo de aproximadamente 70.000 toneladas de madeira. A nova planta construirase nas parcelas propiedade da empresa.

• Investimento: 27.675.342,16 €.

• Principais instalacións da planta:

– Toradora de troncos de disco, con dúas liñas para procesamento de leña:

- Unha liña de só corte para madeira delgada.

- Unha liña para corte e fendedura de leña.

– Secadoiro: cámaras de secado convencional, de carga frontal. O fluído térmico empregado para o proceso de secado será auga quente. O sistema de intercambio térmico realizarase mediante serpentíns de aluminio conectados a colectores de aceiro inoxidable.

– Fornos de carbonización de tipo dobre retorta.

– Pontes guindastre.

– Cintas transportadoras.

– Sistema virador baseado en mecanismo hidráulico.

– Moegas.

– Sistema de carro de transporte de gaiolas.

– Caldeiras de biomasa.

– Cámaras de secado.

– Equipamento de recuperación de calor.

– Sistema de protección contra incendios.

– Sistema de climatización e ventilación

a) Sistema de captación de auga.

A fábrica de Xeal en Dumbría ten una concesión para a captación de auga do río Xallas. A subministración de auga realizarase desde a rede que abastece as instalacións actuais.

b) Enerxía eléctrica da planta.

O esquema estará baseado nunha distribución radial simple en baixa tensión (BT) a 400/230 V con subministración en media tensión (MT) proveniente da rede de MT da planta de ferroaliaxes.

Acometida eléctrica: a planta de ferroaliaxes existente conta cunha rede en media tensión (MT), que dará servizo eléctrico a un novo centro de transformación. A rede de MT executarase de forma subterránea ou aérea mediante bandexas eléctricas.

Centro de transformación (CT): novo centro de transformación (CT) de superficie.

Rede de baixa tensión (BT): a rede de subministración en BT parte desde o cadro xeral de baixa tensión (CGBT), alimentado desde o CT. A tensión de subministración será de 400/230 V. A distribución executarase con liñas aéreas canalizadas a través de bandexas portacables cando os equipamentos estean dentro de edificacións e con liñas subterráneas cando os equipamentos estean localizados no exterior.

Cadros eléctricos: rede de cadros eléctricos alimentados desde o CGBT para:

• Sistema de equipamentos de proceso (plantas de picado, cámaras de secado, fornos, pontes guindastre, cintas, vagóns, etc.)

• Sistema de iluminación, forza e clima.

Sistema de iluminación: disporase de iluminación xeral e iluminación de emerxencia.

c) Sistema de xestión de efluentes.

O sistema de evacuación de augas será separativo, con tres redes independentes:

• Rede de pluviais: estará formada por canlóns, cazoletas e baixantes para a recollida das augas pluviais das distintas cubertas. As baixantes descargarán en arquetas de pé, que irán conectadas á rede de pluviais da fábrica.

• Rede de residuais de fecais: os aparellos sanitarios dos aseos da sala de control conectaranse aos colectores da rede de residuais da fábrica mediante ramais, arquetas e pozos de rexistro.

• Rede de residuais industriais: dado que as augas residuais derivadas do proceso poden conter aceites de corte, estas conduciranse a un depósito de recollida, que baleirará un xestor autorizado.

3. Obxecto da información pública.

O proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Planta de produción de conversión de madeira en carbón vexetal de Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. para os efectos das autorizacións administrativas que procedan, de conformidade co disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

Documentación que se expón:

• Memoria do proxecto.

• Planos do proxecto.

• Anexo I. Proxecto de execución Planta carbón vexetal.

• Anexo I. Proxecto de execución Planta carbón vexetal. Estudo de seguridade e saúde.

• Anexo I. Proxecto de execución Planta carbón vexetal. Estudo xeotécnico.

• Anexo II. Estudo de impacto e integración paisaxística.

• Anexo III. Estudo de impacto sobre o patrimonio cultural. Prospección arqueolóxica.

• Anexo IV. Estudo de tráfico.

• Anexo V. Análise de compatibilidade estratéxica (ACE).

• Anexo VI. Informe Prospección Dryopteris nos terreos que van estar afectados pola construción da nova planta de produción de carbón vexetal na fábrica de Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U., no término municipal de Dumbría.

O anterior faise público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía e Industria a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético