A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevé no punto segundo do seu artigo 43 a posibilidade de que a sinatura electrónica do persoal ao servizo das administracións públicas poida referirse, por razóns de seguridade pública, ao número de identificación profesional do/da empregado/a público/a.
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.
Pola súa banda, no artigo 73 prevese a posibilidade de emitir certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.
A Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo da habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
No ámbito competencial da Axencia Galega de Infraestruturas, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece no artigo 73.1 que o persoal funcionario adscrito ás funcións de explotación das estradas terá a condición de axente da autoridade cando se atope no exercicio das ditas funcións.
Así mesmo, no parágrafo 2º do dito artigo establécese que os feitos constatados polo persoal funcionario ao cal se lle recoñece a condición de autoridade, e que se formalicen nun documento público observando os requisitos legais pertinentes, terán valor probatorio sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar as persoas administradas.
De acordo co previsto no artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, mediante esta resolución habilítase para o emprego da sinatura dixital con pseudónimo o colectivo de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas, dependentes da Axencia Galega de Infraestruturas, no exercicio das funcións en que teñan a condición de axentes da autoridade.
O emprego de pseudónimo na súa sinatura constitúe unha medida necesaria e eficaz para a protección dos axentes no exercicio das súas funcións, pois evita eventuais inxerencias no ámbito persoal do persoal empregado público. Pola súa vez, esta protección serve ao interese público facilitando que as funcións dos axentes en exercicio da súa condición de autoridade poidan ser desenvolvidas con maior eficacia.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 13 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto
A presente resolución ten por obxecto habilitar un determinado colectivo de empregados públicos, dependentes da Axencia Galega de Infraestruturas, para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.
Segundo. Colectivo de empregados públicos da Axencia Galega de Infraestruturas que se habilita para o uso do certificado dixital con pseudónimo
A Axencia Galega de Infraestruturas habilita o persoal funcionario da escala de axentes de inspección, especialidade vixilancia de estradas, dependentes desta e dos seus servizos provinciais, para o uso do certificado dixital de pseudónimo exclusivamente para o desenvolvemento de funcións de explotación de estradas en cuxo exercicio teñen a consideración de axentes de autoridade.
Terceiro. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo
1. A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexeranse polo establecido na Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.
En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, actas ou documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control ou no desempeño daquelas outras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal a que fai referencia o artigo 2, por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida.
2. O persoal empregado público que dispoña do certificado dixital de pseudónimo terá a responsabilidade de custodialo e utilizalo de modo persoal e intransferible para o fin previsto na norma, conforme as instrucións e os medios facilitados, sen que en ningún caso a Axencia Galega de Infraestruturas responda do uso fraudulento, indebido, incorrecto ou neglixente por parte do seu titular.
3. O mal uso ou o uso do certificado dixital de pseudónimo por unha persoa distinta do seu titular dará lugar á responsabilidade disciplinaria, civil ou penal que corresponda.
4. O cesamento do persoal empregado público na prestación dos servizos para os cales foi emitido o certificado suporá a obriga de cesar no uso deste.
Cuarto. Eficacia
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
O director da Axencia Galega de Infraestruturas
P.D. (Resolución do 7.9.2017)
Yago Borrajo Sánchez
Secretario xeral técnico da Consellería
de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
