O 21 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Esta lei ten como finalidade a recuperación das terras agrarias de Galicia para uso agrícola, gandeiro e forestal, de xeito que non só enuncia estes valores con carácter xenérico, senón que ademais os incorpora como parte fundamental das medidas e das propostas contidas no seu articulado. Así, o apoio á actividade agrícola e aos ingresos das explotacións agrarias familiares e, concretamente, ás mulleres agricultoras, o fomento da aplicación de prácticas agrícolas que contribúan ao mantemento dos ecosistemas e incrementen a capacidade de adaptación ao cambio climático, o fomento da xestión forestal sustentable e activa, e a loita contra a degradación e o abandono dos solos agrarios son á vez cuestións transversais presentes na lei e eixes fundamentais do Pacto verde europeo, moi especialmente da Estratexia da granxa á mesa, incluída nel, así como da Acción polo clima e da nova Estratexia forestal da Unión Europea.
O obxectivo final da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.
Galicia debe corrixir canto antes os desequilibrios existentes no medio rural, como son os graves problemas da súa estrutura territorial agraria, composta por pequenas parcelas dispersas pertencentes a propietarios, na súa maioría, desligados do rural, un forte incremento do abandono das terras agrarias, as cales, en moitos casos, son terras de alta ou moi alta produtividade, a excesiva fragmentación e mestura dos diversos usos agroforestais, xunto coa súa localización en terreos que non son sempre os óptimos para eses usos, os importantes problemas ambientais e socioeconómicos, entre os que destacan a vulnerabilidade fronte aos incendios e a baixa eficiencia das actividades agrarias e, por último, o baixo índice de mobilización das terras agrarias mediante compravendas ou arrendamentos.
Pois ben, este conxunto de factores negativos pódese traducir nunha oportunidade para dar resposta á demanda de terra produtiva dos diferentes usos agrícolas, gandeiros e forestais que procede das explotacións actualmente existentes e tamén dun crecente número de novos emprendedores e de persoas e colectivos dispostos a investir no sector.
Co fin de dar cobertura a esta demanda e, en particular, co fin de intensificar a mobilización e recuperación da terra agraria, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia inclúe instrumentos e/ou procedementos de mobilización e recuperación de terras. Dentro dos procedementos de mobilización de terras defínense as permutas de especial interese agrario como un mecanismo especialmente adecuado para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas, calquera que sexa a súa localización no territorio. Por outra parte, propóñense novos mecanismos para a recuperación da terra agraria, como é o caso dos polígonos agroforestais, que permiten recuperar as terras agrarias en situación de abandono ou infrautilización e pór de acordo as persoas titulares e as interesadas na posta en produción a través do recurso do arrendamento voluntario, da permuta ou da compravenda.
O capítulo VI do título IV da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia regula as permutas de especial interese agrario. No marco desta regulación, o artigo 62.1 prevé, con carácter xeral, que a consellería competente en materia de medio rural incentive a mellora das estruturas das propiedades agrarias mediante permutas de predios agroforestais consideradas como de especial interese agrario. E o artigo 66 regula, de xeito específico, medidas de fomento das permutas de especial interese agrario, entre as que se encontra o establecemento de liñas de axudas específicas que cubran os gastos notariais e de inmatriculación rexistral dos predios, segundo a redacción dada a este artigo pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Por outra banda, no título V da citada Lei de recuperación da terra agraria de Galicia regúlase a figura dos polígonos agroforestais. En concreto, o artigo 71 prevé que o desenvolvemento dos polígonos agroforestais se poida realizar a través da iniciativa dos axentes promotores produtivos definidos no artigo 4, é dicir, persoas físicas ou xurídicas interesadas na explotación de parcelas que voluntariamente promovan a súa consideración como unidades produtivas coa finalidade de recuperar as parcelas con vocación agroforestal que se encontren en situación de abandono ou de infrautilización.
A excepcionalidade do réxime de concorrencia non competitiva prevista nas bases reguladoras xustifícase porque neste caso non é necesaria a comparación de solicitudes entre si e polo interese especial en promover procedementos sinxelos de mobilización de terras que, cumprindo os requisitos especificados nas bases reguladoras, poidan levarse adiante en Galicia.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Desde o punto de vista da normativa de axudas públicas, as axudas para as persoas beneficiarias que realicen actividades económicas que se poidan conceder ao abeiro desta resolución están amparadas, segundo o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L) e no Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, serie L), modificado polo Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE do 22.2.2019, serie L) e polo Regulamento (UE) 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE do 13.12.2024, serie L).
Tendo en conta o anterior, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 11 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2023 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta resolución é aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para promover calquera instrumento e/ou procedemento de mobilización e recuperación da terra agraria de Galicia, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada, así como convocar as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios 2025 e 2026.
2. As axudas consisten en subvencións de capital.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia é o MR709B.
Artigo 2. Financiamento
1. As axudas que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a Axencia) para os exercicios 2025 e 2026, nos cales están previstos trinta mil euros (30.000 €) na anualidade 2025 e setenta mil euros (70.000 €) na anualidade 2026, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 15.A1.712A.781.0 [22.500 € (ano 2025); 55.000 € (ano 2026)] e 15.A1.712A.770.0 [7.500 € (ano 2025); 15.000 € (ano 2026)], código de proxecto 2023-00005.
No caso de que sexa necesario, para axustarse ao carácter das persoas beneficiarias das axudas, mudaranse as contías inicialmente imputadas a estas aplicacións orzamentarias, de xeito que se poida dar cobertura con eles, sen variar a contía inicial de 30.000 € na anualidade 2025 e 70.000 € na anualidade 2026, ao maior número de persoas beneficiarias.
2. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo recolle o artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. O aludido incremento debe publicarse no DOG e na páxina web da Axencia (https://agader.xunta.es).
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas correspondentes ás permutas de especial interese agrario xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras as persoas físicas ou xurídicas, as agrupacións de persoas xurídicas e as comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que conten coa resolución da persoa titular da Dirección da Axencia que declare o especial interese agrario da permuta de que se trate ou que teñan presentado o proxecto de permutas que inclúa os requirimentos establecidos no artigo 62 e seguintes da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
b) Ser titulares dalgún dos predios a que se refira a permuta de que se trate.
2. En relación coas axudas correspondentes á posta en marcha de polígonos agroforestais de iniciativa privada ou outras iniciativas de recuperación e mobilización de terras, xestionadas tamén a través destas bases reguladoras, poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, sempre que se cumpran os seguintes requisitos, en liña co establecido nos artigos 68 e 71 da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia:
a) Que se acredite a disposición do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % das terras incluídas no perímetro proposto de polígono agroforestal.
b) Acreditar mediante informe técnico que existe unha situación produtiva que permita presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras no ámbito de actuación.
c) Ter remitido á Axencia a documentación necesaria para a posible aprobación do polígono agroforestal e para dar cumprimento ao artigo 103 da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia (https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/poligonos-agroforestais/).
En caso de participación dun monte veciñal en man común, segundo os termos establecidos no artigo 18.1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, no proceso de constitución do polígono agroforestal o monte veciñal en man común de que se trate terá dereito de veto sobre a resolución definitiva do citado polígono. Quedarán excluídos desta particularidade, salvo acordo favorable coas maiorías establecidas no artigo 18.1 da citada Lei 13/1989, os montes veciñais en man común que estean xestionados preventivamente pola Administración ou mediante contratos de xestión pública.
d) Que acordase o inicio do expediente a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
3. As persoas beneficiarias deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase antes de ditar a proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 13 desta resolución.
4. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que estean afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 4. Gastos subvencionables
1. Gastos de asesoramento técnico e xurídico, traballos técnicos e de acondicionamento dos terreos, ata un máximo de 15.000 €.
2. Gastos notariais, rexistrais e de inscrición necesarios, ata un máximo de 3.000 €.
3. Serán subvencionables todos os gastos xustificados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 1 de novembro de 2026.
4. Non será subvencionable o IVE cando sexa recuperable pola persoa beneficiaria da axuda.
Artigo 5. Intensidade da axuda
1. A axuda será do 100 % dos gastos subvencionables.
2. As axudas concedidas ao abeiro desta resolución para as persoas beneficiarias que realicen actividades económicas que se concedan ao abeiro destas bases reguladoras están amparadas, segundo o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L) e no Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24.12.2013, serie L), modificado polo Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE do 22.2.2019, serie L) e polo Regulamento (UE) 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE do 13.12.2024, serie L).
3. A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida por un Estado membro a unha empresa determinada non poderá superar os seguintes límites máximos:
a) A axuda de minimis concedida en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831 non pode ser superior a 300.000 euros durante nun período dos 3 anos previos.
b) A axuda de minimis concedida en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2024/3118, da Comisión, non pode ser superior a 50.000 euros nun período dos 3 anos previos.
Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
Artigo 6. Compatibilidade e acumulación de axudas
1. As subvencións reguladas nesta resolución serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei de subvencións de Galicia, os límites aplicables sinalados nos regulamentos 2020/2831 e 1408/2013, tal e como se sinala no artigo 5.3, ou os límites aplicables segundo a normativa de axudas de Estado.
2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.
3. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas de minimis ou outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo I).
Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes, dirixidas á Axencia presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/ (inclúese como anexo I).
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregadas públicas.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2026. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito aprobado na convocatoria.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria (se procede):
a) Copia da escritura notarial da permuta xunto coa acreditación da correspondente liquidación do imposto de transmisións patrimoniais. De ser o caso, nota simple da inscrición da permuta de que se trata ou da inmatriculación dos predios afectados.
b) Facturas relativas aos gastos para os cales solicita a axuda debidamente desagregadas por conceptos.
c) Xustificantes bancarios do pagamento das facturas:
No xustificante bancario do pagamento debería constar a data de pagamento, o número da factura, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento (que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda) e a identificación da persoa destinataria do pagamento (que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura).
No caso de empregar efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado, deberán acompañarse da documentación bancaria en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria da axuda dentro do prazo de xustificación.
Todos os xustificantes de pagamento deberán estar validados co selo da entidade bancaria.
No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.
A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período subvencionabilidade.
Non se admitirán pagamentos en metálico.
d) Documentación acreditativa da non suxeición ou exención do IVE, de modo que se constate que é efectivamente soportado pola persoa beneficiaria e que non é recuperable.
e) No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá achegar debidamente cuberto o anexo II (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola persoa designada como representante.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código do procedemento e o órgano responsable del, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos que estean en poder da Administración actuante ou que elaboren as administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante, de ser o caso.
c) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
d) NIF da entidade representante, de ser o caso.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Concesión de axudas recibidas pola regra de minimis.
i) Concesión de subvencións e axudas.
j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 10. Emenda das solicitudes
Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.
2. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Instrución do procedemento
Actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei de subvencións de Galicia, a Subdirección de Mobilidade de Terras, á cal lle corresponde realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales debe tramitarse e resolverse o procedemento.
En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes presentadas, a instrución e o requirimento ás persoas solicitantes da emenda ou achega da documentación necesaria que resultase de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte co procedemento recollido no artigo 20.5 da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 13. Resolución do procedemento
A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, por proposta do órgano instrutor e por delegación do Consello de Dirección, resolverá o procedemento. No caso de concesión da axuda a persoas beneficiarias que desenvolvan unha actividade económica, a resolución mencionará o importe da axuda, o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación.
O prazo para ditar resolución expresa e notificala será de dous meses, contado desde o día seguinte á data de presentación das solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou a resolución expresa.
Artigo 14. Recursos contra a resolución das solicitudes de axuda
A resolución das solicitudes de axuda pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente, cabe interpor os seguintes recursos:
a) Recurso potestativo de reposición, ante o Consello de Dirección da Axencia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Se o acto administrativo for presunto, a persoa solicitante e as posibles persoas interesadas poderán interpolo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza. Todo iso, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se a resolución for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 15. Notificacións e publicación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por estes medios, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. Publicarase no DOG, de conformidade co artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, a relación de axudas que se concedan cando sexan de 3.000 euros ou máis. Así mesmo, todas as axudas, calquera que sexa a súa contía, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Axencia: https://agader.xunta.gal/
Artigo 16. Modificación da resolución
Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para conceder a axuda poderá dar lugar á modificación da axuda concedida, conforme o que dispón o artigo 17.4 da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación da Axencia e a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das subvencións.
Artigo 18. Reintegro da axuda
Procederá o reintegro total da axuda e dos xuros de demora desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos en que as persoas beneficiarias incumpran as condicións establecidas para a concesión da axuda ou, de ser o caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 19. Pagamento da axuda
Para o pagamento da axuda non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria distinta da presentada xunto coa solicitude.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberán cumprirse as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da Lei de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Disposición adicional primeira. Recursos contra esta resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición, ante o Consello de Dirección da Axencia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional segunda. Información sobre o procedemento
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
1. Na páxina web da Axencia: https://agader.xunta.gal/
2. Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo:
https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
3. No teléfono 881 99 71 93 da Axencia.
4. De xeito presencial na Axencia (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 881 99 71 93.
Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición adicional cuarta. Habilitación para o desenvolvemento
A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia poderá ditar as resolucións, acordos, instrucións e aclaracións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación destas bases reguladoras.
Disposición derradeira única. Aplicación da resolución
Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025
María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
