Mediante a Resolución do 11 de xuño de 2024 establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e procedeuse á súa convocatoria para o curso 2024/25 (DOG núm. 119, do 20 de xuño). Nesta resolución establecíanse catro tipoloxías de bolsas: as ordinarias tipo I, as ordinarias tipo II, as de excelencia académica e as destinadas a persoas galegas residentes no exterior. Estas últimas supoñían un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e o desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido. Destas bolsas, 10 eran para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.
No artigo 23 da mencionada resolución indicábase a duración das bolsas, as condicións aplicables ao desfrute da bolsa e a renovación e indicábase que as bolsas para estudar o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras se concedían para a primeira matrícula dos cursos da titulación, pero engadíase que podían ser concedidas nos cursos posteriores sempre que se cumprisen certos requisitos. No caso concreto das bolsas para persoas galegas residentes no exterior sinalábase que debían renovarse en tempo e prazo e sempre que a nota media no expediente académico do curso do/da bolseiro/a fose igual ou superior ao 10 % da nota media de todos os expedientes dos/das alumnos/as matriculados/as no curso polo que foi concedida a bolsa, que se cumprisen os requisitos para matricularse no curso completo e que o/a bolseiro/a cumprise os requisitos académicos previstos para o seu mantemento.
Mediante a Resolución do 27 de decembro de 2024 establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e procedeuse á súa convocatoria como anticipado de gasto para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D) (DOG núm. 40, do 27.2.2025). As bolsas convocadas eran unicamente de nova adxudicación para os/as alumnos/as que se matriculasen por primeira vez nunha titulación do CSHG, obviando o alumnado que xa tiña concedida a bolsa no curso anterior e que, de cumprir os requisitos, tería dereito á renovación desta.
Polo tanto, e co obxecto de respectar o establecido na Resolución do 11 de xuño de 2024 e poder atender o alumnado galego residente no exterior que ten dereito á renovación da bolsa, é preciso modificar a Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).
De conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar o artigo 2 do anexo I da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D), que quedará redactado como segue:
«Artigo 2. Tipoloxía e número de bolsas
1. As bolsas poderán ser de nova adxudicación ou de renovación.
2.1. As bolsas serán de nova adxudicación para os/as alumnos/as que se matriculen por primeira vez nunha titulación do CSHG.
O número de bolsas será de:
• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.
• 12 bolsas curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.
2.2. Estas bolsas supoñen:
• Un desconto do 80 % no prezo da matrícula ordinaria e un desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, modificada pola Orde do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 110, do 7 de xuño).
• Unha axuda para a viaxe desde o país de residencia do alumnado por unha contía máxima de 500,00 €, se procede dun país de Europa, ou de 1.000,00 €, se procede dun país do resto do mundo.
3. As bolsas serán de renovación para o alumnado galego residente no exterior que obtivera bolsa no curso anterior e que cumpra os requisitos exixidos na súa convocatoria.»
Segundo. Modificar o artigo 6 do anexo I da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D), que quedará redactado como segue:
«Artigo 6. Requisitos específicos segundo a titulación
1. Para estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:
• Homologación do título de bacharelato.
• Vinculación con Galicia (persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou fillos/as dunha persoa nacida en Galicia ou netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia).
2. Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:
• Acreditar 6 meses de experiencia laboral en hostalaría e/ou estudos en Cociña de nivel básico ou medio.
• Vinculación con Galicia (persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou fillos/as dunha persoa nacida en Galicia ou netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia).
3. Para o alumnado galego residente no exterior que curse o grao de Xestión de Empresas Hostaleiras e que teña que renovar a bolsa:
– A nota media no expediente académico do curso do/da bolseiro/a ten que ser igual ou superior ao 10 % da nota media de todos os expedientes dos/das alumnos/as matriculados/as no curso polo que foi concedida a bolsa, cumprir os requisitos para matricularse no curso completo e que o/a bolseiro/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento».
Terceiro. Modificar o artigo 8 do anexo I da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D), que quedará redactado como segue:
«Artigo 8. Documentación complementaria
1. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:
a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).
b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.
c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:
1º. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.
2º. Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/s concello/s galego/s onde residiron.
3º. Descendentes por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.
e) Se a solicitude é para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, deberán achegar o título de bacharelato homologado.
f) Se a solicitude é para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, deberán acreditar 6 meses de experiencia laboral en hostalaría, mediante certificado do organismo público competente do país ou certificado emitido pola empresa onde prestou os servizos, ou achegar un certificado de estudos en Cociña de nivel básico ou medio.
g) Orzamento da viaxe de ida desde o país de residencia da persoa beneficiaria a Santiago de Compostela. As viaxes en avión desde o país de residencia serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia.
2. No caso das persoas solicitantes que aspiren á renovación da bolsa para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras deberán achegar a solicitude (anexo II).
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia».
Cuarto. Modificar o artigo 9 do anexo I da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D), que quedará redactado como segue:
«Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade representante.
– Nota media obtida no curso anterior, no caso de renovación da bolsa.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes».
Quinto. Modificar o artigo 17 do anexo I da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D), que quedará redactado como segue:
«Artigo 17. Comisión Avaliadora
1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:
– Presidente/a: a persoa titular da Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia.
– Secretario/a: a persoa que ocupe a xefatura da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará con voz e voto.
– Vogais:
• A persoa responsable da Área de Docencia e Formación Continua do CSHG.
• O/a director/a do CSHG.
• A persoa responsable do Departamento de Márketing do CSHG.
2. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.
3. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elaborará un informe en que constarán:
– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior propostas para o alumnado do 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.
– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.
– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior propostas para o alumnado do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras que renoven a bolsa, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.
– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.
– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.
O informe coa puntuación provisional, en que se detallarán as bolsas concedidas, a tipoloxía e as persoas beneficiarias, publicarase no portal web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG. As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días para presentar as reclamacións oportunas dirixidas ao órgano instrutor.
Logo de resolver as reclamacións presentadas ao informe de puntuacións provisionais, o órgano instrutor emitirá o informe coa puntuación definitiva, que se publicará no portal web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG.
O órgano instrutor, á vista do antedito informe, elevará unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia».
Sexto. Modificar o anexo II da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).
O anexo II queda redactado nos termos indicados no anexo desta resolución.
Sétimo. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional única. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde a publicación desta resolución. Este novo prazo non afectará a admisibilidade das solicitudes xa presentadas; só afectará o alumnado galego residente no exterior que ten dereito a renovar a bolsa no CSHG.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
