Marta Villaverde Acuña, en calidade de conselleira do Mar, nomeada a través do Decreto 35/2025, do 4 de xuño, polo que se nomea conselleira do Mar a Marta Villaverde Acuña, publicado o 5 de xuño de 2025,
Declara responsablemente:
1. Que o proxecto MaruxIA se lanzou co obxectivo de presentarse á convocatoria de axudas da liña de fomento da innovación desde a demanda (liña FID) para o ano 2025, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Feito público e iniciado o proceso mediante a publicación da consulta preliminar ao mercado, o día 4 de abril de 2025, no perfil do contratante da Consellería de Mar, dentro da Plataforma de contratos públicos de Galicia.
A participación na convocatoria de axudas públicas no marco da liña FID para a compra pública de innovación (CPI) comporta a realización de xestións e trámites administrativos que requiren tanto coñecementos en innovación como axilidade administrativa, co fin de cumprir cos diferentes prazos.
2. Que a actividade administrativa da Consellería do Mar comporta unha concentración de funcións na súa persoa titular cuxo volume aconsella, naqueles asuntos que non exixan a súa atención directa e persoal, recorrer á delegación de competencias en favor dunha maior axilidade da actuación que beneficie tanto á Administración como aos administrados.
Neste sentido, o artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recoñece a posibilidade de actuar por medio de representante, entendéndose con este as actuacións administrativas cando se acredite a dita representación por medios válidos en dereito.
3. Que esta atribución lle corresponde á persoa titular da Consellería, segundo dispón o artigo 3 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, ao sinalar que «A persoa titular da Consellería do Mar é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle asignan as normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia».
4. Polo exposto, a representación do proxecto MaruxIA levarase a cabo coas instrucións directas da persoa titular da Consellería, facendo uso das facultades que lle confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, do disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación.
Por iso,
DISPOÑO:
1. Que se deleguen na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar todos os asuntos relacionados co proxecto MaruxIA, entre os cales se encontran os trámites necesarios para a solicitude da axuda e participación na convocatoria do ano 2025 da liña de fomento da innovación desde a demanda do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, así como durante o inicio, a execución, o peche e a xustificación do proxecto.
2. As ditas facultades correspóndenlle á persoa titular da Consellería do Mar, segundo o establecido no artigo 3 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, así como no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
3. En consecuencia, disponse que lle sexa recoñecida á persoa que teña o cargo de secretaria xeral técnica a capacidade de representar a Consellería no relativo á súa participación no proxecto MaruxIA no marco da liña FID 2025, de acordo coas atribucións recollidas na normativa aplicable, cargo que actualmente recae sobre Marta Barreiro Castro.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
