O 12 de maio de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215C).
No artigo 4 da orde mencionada prevese un crédito de oitenta mil euros (80.000 €) para o financiamento destas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 13 03 432B 770 0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
No artigo 1.4 das citadas bases prevese que as subvencións obxecto da devandita orde poderán ser obxecto de ampliación de crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Dado que o importe inicial establecido na Orde do 30 de abril de 2025 non é suficiente para pagar todas as solicitudes e actualmente na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que se poderán conceder ao abeiro da referida orde, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posibles.
Segundo se establece no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.
De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único
Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215C), por un importe de 24.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 13 03 432B 770 0, proxecto 2015 00374. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a cento catro mil euros (104.000 €).
Esta modificación non dá lugar a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
