No Diario Oficial de Galicia número 125 , do 2 de xullo de 2025, publicouse a orde referida pola que se convocan o proceso selectivo de acceso por oposición libre e o de provisión por mobilidade, nos corpos da Policía Local de Galicia.
O 7 de xullo de 2025 presentouse un recurso de reposición contra esta orde no cal se solicitaba a corrección do anexo III en relación co número de prazas do Concello de Ferrol, reservadas á provisión mediante o sistema de mobilidade. Este recurso foi estimado xa que, por erro no cómputo das prazas, o Concello non cumpría nesta convocatoria a porcentaxe das reservadas a mobilidade, de acordo co indicado no artigo 43 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
Pola súa vez, con posterioridade á publicación da Orde do 26 de xuño de 2025, o Concello de Arteixo comunicou que se debía modificar no referido anexo III o relativo á praza de provisión por mobilidade nese concello, xa que xa fora cuberta por esa entidade.
Finalmente, dada a necesidade de realizar esta modificación, considérase oportuno tamén incluír unha praza de provisión por mobilidade no Concello de Pontedeume, comunicada con posterioridade á publicación da Orde do 26 de xuño de 2025.
Consonte o exposto con anterioridade e de conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG número 222, do 22 de novembro), a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificar a relación de prazas convocadas no anexo III da dita Orde do 26 de xuño de 2025 no relativo aos concellos de Ferrol, Arteixo e Pontedeume, de xeito que a convocatoria de prazas destes tres concellos queda establecida como indica o cadro seguinte:
|
Concello |
Provisión por mobilidade PR461D |
Acceso por oposición libre PR461B |
|
Arteixo |
0 |
1 |
|
Ferrol |
3 |
8 |
|
Pontedeume |
1 |
0 |
Segundo. Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes de vinte días (20) hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta Orde de modificación da Orde do 26 de xuño de 2025 no Boletín Oficial del Estado, para as solicitudes de provisión de prazas mediante os sistemas de mobilidade e de acceso por oposición libre convocadas por todos os concellos.
Terceiro. Considéranse válidas, para todos os efectos, as solicitudes presentadas, en tempo e forma, durante o prazo comprendido entre o 5 de xullo de 2025 e o 31 de xullo de 2025, polo que non será necesario presentar novas solicitudes. Non obstante, no caso de presentar unha nova solicitude con posterioridade á dita data, só se considerará válida a última presentada en tempo e forma.
Cuarto. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
