A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo da Xunta de Galicia que, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O obxectivo da Axencia é consolidar o sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a difusión e comercialización de bens e servizos culturais de calidade.
A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, establece no capítulo III que a Xunta de Galicia velará pola pervivencia das salas de exhibición cinematográfica sitas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade e fomentará a exhibición de cine mediante axudas outorgadas conforme os criterios que se determinen regulamentariamente.
Os cambios de hábito de consumo, a irrupción das plataformas de vídeo baixo demanda e a excesiva dependencia de películas de grandes estudos non europeos condiciona en enorme medida a programación das carteleiras, polo que fan preciso establecer unha convocatoria de axudas directas para o deseño e execución de accións dirixidas a diversificar a oferta de contidos, fidelizar públicos e garantir a pervivencia das salas de exhibición cinematográfica que desenvolvan a súa actividade de xeito habitual na Comunidade Autónoma de Galicia.
Por todo isto, en consonancia cos obxectivos inmediatos da Axencia Galega das Industrias Culturais,
RESOLVO:
1. Convocatoria e bases reguladoras.
1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas de carácter comercial situadas en Galicia e procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207C).
1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se van conceder quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.
Informarase ao beneficiario sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) nº 2023/283.
A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
2. Persoas beneficiarias.
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias desta subvencións as persoas físicas (autónomas) e as persoas xurídicas privadas que, desenvolvendo a súa actividade habitual en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, teñan a consideración de xestoras dunha sala de exhibición cinematográfica independente situada na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
3. Financiamento.
O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 465.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770 do orzamento do ano 2025 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2025 00002.
4. Solicitudes.
4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican.
4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase transcorridos 10 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará transcorrido un mes desde a súa apertura. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao día da apertura do prazo de presentación de solicitudes.
5. Prazo de duración do procedemento de concesión.
As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia non competitiva que non poderá ter unha duración superior aos catro meses contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria.
6. Información ás persoas interesadas.
6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: industriasculturais.gal
b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.
c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo:
http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
7. Réxime de recursos.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
8. Base de datos nacional de subvencións.
En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).
9. Rexistro público de subvencións.
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
ANEXO I
Bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas de carácter comercial situadas en Galicia para proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207C)
Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións de concorrencia non competitiva a actividades desenvolvidas por empresas de exhibición cinematográfica de carácter comercial situadas en Galicia que contribúan a diversificar a oferta de contidos e garantir a viabilidade das salas e proceder á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207C).
2. Estas axudas teñen como finalidade contribuír á permanencia e consolidación dos espazos cinematográficos como lugares de exhibición do audiovisual, recoñecendo a súa importancia como espazos culturais representativos, socializadores e integradores, particularmente ás salas situadas en poboacións de carácter rural.
3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023 serie L), en virtude do cal as subvencións que se van a conceder quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.
Informarase ao beneficiario sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) nº 2023/2831.
A aplicación do réxime de minimis implica que o total das axudas concedidas baixo este, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos seus organismos dependentes.
5. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto obxecto de subvención.
6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as persoas físicas (autónomas) e as persoas xurídicas privadas que, desenvolvendo a súa actividade habitual en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, teñan a consideración de xestoras dunha sala de exhibición cinematográfica independente situada na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que concorran as seguintes condicións:
a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas, no suposto de persoas xurídicas.
b) Estar dados de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe 963.1, cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Contar cun establecemento ou ser arrendatario del na Comunidade Autónoma de Galicia habilitado como sala cinematográfica, de conformidade coa definición que destes establecementos se determina no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia (punto III.1.1 do anexo).
d) De ser o caso, contar cun acordo o cun contrato en vigor de adxudicación de servizo por parte dunha Administración, cando se trate da explotación dunha sala de titularidade pública.
e) Realizar o proxecto no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2026.
f) Desenvolver o proxecto na sala cinematográfica habilitada segundo as letras c) e d), deste artigo.
g) As salas cinematográficas terán que estar en funcionamento continuado durante o período subvencionable.
h) Ter programado, cando menos, un 20 % de títulos de cine europeo ou de terceiros países con baixa cota de pantalla, sobre a programación de títulos totais durante o ano 2024.
2. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
O órgano xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.
3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións:
a) As entidades públicas e os seus organismos dependentes.
b) As asociacións, fundacións e outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que carezan de personalidade xurídica propia.
c) As persoas e as entidades en que concorran algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) As persoas solicitantes que conten con salas de exhibición cinematográfica con proxección de películas cualificadas «X».
3. Só se poderá presentar unha única solicitude por solicitante e sala cinematográfica. As persoas solicitantes titulares de salas cinematográficas que conten con máis dunha sala poderán presentar un máximo de tres solicitudes.
Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade de axudas
1. O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 465.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770 do orzamento do ano 2025 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2025 00002 distribuído en dúas anualidades:
|
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
|
232.500 euros |
232.500 euros |
2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ata o esgotamento do crédito, sen necesidade de prelación de solicitudes entre si, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O criterio de repartición farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia sempre que reúnan os requisitos establecidos nestas bases para ser persoa beneficiaria, de conformidade co disposto no artigo 14 destas bases.
5. A contía máxima de axuda poderá chegar ao 100 % do custo das actividades e quedará suxeita aos seguintes límites:
– Salas cinematográficas de 1 e 2 pantallas: ata 12.000 euros.
– Salas cinematográficas de 3, 4 e 5 pantallas: ata 15.000 euros.
– Salas cinematográficas con 6 ou máis pantallas: ata 18.000 euros.
Estas contías poderanse incrementar nos seguintes casos:
– Para as salas cinematográficas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes, a cantidade máxima establecida poderá acadar 3.000 euros máis.
– Para as salas cinematográficas en que máis do 50 % das películas non nacionais programadas durante o período subvencionable e computadas segundo o número de sesións durante o período de execución se proxecten en versión orixinal subtitulada, a cantidade máxima establecida poderá acadar 3.000 euros máis.
Artigo 4. Proxectos subvencionables
1. Poderán ser obxecto de subvención aqueles proxectos que teñan por obxecto ou estean relacionadas con algunha das propostas que se indica a continuación:
1.1. Campañas orientadas á dinamización e captación de público: estudos de impacto, campañas individuais ou colectivas de comunicación e márketing, deseño e realización dos materiais utilizados nas ditas campañas, compra de espazos publicitarios e outras accións dirixidas ao fin proposto.
1.2. Programacións especiais ou regulares de cine galego (autoría e/ou produción galega) de ficción, animación ou documental, na súa versión orixinal de rodaxe. Nas accións relacionadas coa cinematografía galega terán cabidas os eventos de presentación de películas, a organización de coloquios, a presenza de autores/as e/ou membros do equipo de produción e outras actividades de similar natureza que fomenten a interacción entre as películas e o público e a súa fidelización.
1.3. Programacións especiais ou regulares, de cinema europeo ou de cinema de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual por número de sesións.
1.4. Campañas de promoción dirixidas especificamente ao público infantil ou xuvenil e ao colectivo de persoas xubiladas.
Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables
1. Son gastos subvencionables os que, de forma indubidable, respondan á natureza das actividades subvencionadas, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento destas e se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.
2. A persoa beneficiaria deberá xustificar, en tempo e prazo, o custo total das actividades que conforman o proxecto subvencionado. Todos os gastos efectuados imputables a estas deberán concordar co descrito no orzamento de gasto expresado na solicitude ou as modificacións que, de ser o caso, procedan.
3. Para os efectos desta convocatoria son gastos subvencionables:
3.1. Gastos de contratación de películas de produción europea ou de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual, cun límite de 300 euros por copia.
3.2. Gastos de promoción, difusión e publicidade entendendo como tales os relacionados coa divulgación da programación do proxecto subvencionado: cartaces, dípticos, anuncios en medios de comunicación (en papel ou dixitais), promoción en redes sociais e outros de similar natureza.
3.3. Gastos relacionados coas actividades de promoción da cinematografía galega e/ou coa presenza dos equipos de produción dos filmes que se van promocionar.
3.4. Gastos derivados da posta en marcha de campañas de promoción dirixidas ao público infantil e xuvenil e ao colectivo de xubilados, exceptuando os relacionados con descontos sobre o prezo habitual das entradas.
3.5. Gastos de persoal ou servizos profesionais asociados ao desenvolvemento das actividades que conforman o proxecto subvencionado e realizados durante o período subvencionable. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico laboral ou mercantil, conforme unha categoría laboral asignada para a realización das actividades que conforman o proxecto subvencionado, así como os contratos de profesionais de carácter mercantil realizados para a execución das tarefas vinculadas ao proxecto.
3.6. Gastos de persoal con limitacións. Consideraranse tamén como subvencionables os custos de persoal do cadro de persoal da persoa beneficiaria que non teñan subscrito un contrato específico para o proxecto obxecto da subvención durante o período subvencionable. Neste caso, o importe máximo imputable non poderá superar o 30 % do custo total do proxecto.
3.7. Gastos indirectos. A persoa beneficiaria poderá imputar como gasto do proxecto en concepto de gastos indirectos ata o 7 % do custo total do proxecto, sen que se requira unha xustificación adicional, en aplicación do artigo 42.6 do Decreto 11/2009 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Enténdese por gastos indirectos os relacionados con alugamentos, subministracións e servizos correntes do espazo ou espazos onde se realiza o proxecto subvencionado e polo tempo de execución deste dentro do período subvencionable.
Os custos indirectos sempre que os imputen a persoa beneficiaria á actividade subvencionada faranse de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
4. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a:
a) Os xuros debedores das contas bancarias.
b) O imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.
c) A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.
Artigo 6. Subcontratación
1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.
2. Nestas bases admítese a subcontratación de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.
3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.
b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.
c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concédente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.
e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtiveron subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.
Artigo 7. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No anexo II constará a seguinte declaración responsable que se deberá cubrir:
– Declaración responsable de ter programado, cando menos, un 20 % de títulos de cine europeo ou de terceiros países con baixa cota de pantalla, sobre a programación de títulos totais durante o ano 2024.
Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes e emenda
1. O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase transcorridos 10 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará transcorrido un mes desde a súa apertura. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao día da apertura do prazo de presentación de solicitudes.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
No obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade á publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal web da axencia: https://industriasculturais.xunta.gal
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
1.1. Documentación administrativa:
1.1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.1.4. Escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito, que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.
1.5. Licenza municipal de apertura do espazo.
1.2. Documentación específica:
1.2.1. Ficha coa proposta do proxecto (anexo III).
1.2.2. Orzamento do proxecto (anexo IV).
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Notificación das resolucións e actos administrativos
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 14. Instrución do procedemento
1. A Dirección de Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:
1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.
2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.
3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.
2. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta provisional de resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
3. En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo de solicitude establecido nas presentes bases.
4. Na concesión destas subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola persoa titular da dirección da Axencia, elevándoos á presidencia da Axencia para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse, e serán outorgadas, sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria, por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro, considerándose como data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.
5. Ao tratarse dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada ao seu financiamento, publicarase esta circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. As solicitudes que se reciban con posterioridade serán inadmitidas, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 15. Resolución da convocatoria
1. Tras a comprobación polo órgano instrutor do cumprimento dos requisitos por cada solicitude, elevará a proposta de resolución concesión definitiva á Presidencia de Agadic para ditar a resolución de concesión que deberá estar debidamente motivada.
2. A Presidencia do Consello Reitor de Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.
3. A resolución de concesión expresará, cando menos, os seguintes datos:
a) A identificación da persoa beneficiaria da axuda.
b) O importe global da axuda.
4. A Presidencia do Consello Reitor tamén deberá ditar resolución expresa, tras a proposta do órgano instrutor, das solicitudes inadmitidas e desestimadas, en ambos os casos deberase reflectir a causa da non admisión e da desestimación.
5. En todo caso, deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos ás accións que se deberán desenvolver coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución.
6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.
7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de catro meses, contados a partir do día seguinte á presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://agadic.gal, con indicación da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.
Artigo 16. Aceptación e renuncia da subvención
1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán a Agadic, por escrito, a aceptación da subvención concedida nun prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.
2. No caso de que a subvención concedida sexa inferior ao importe solicitado, as persoas beneficiarias poderán remitir a Agadic un novo orzamento estimado de gastos (anexo III) adaptado á subvención concedida que, como máximo, se reaxustará pola diferenza entre ambas as cantidades. A reformulación do orzamento deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os requisitos exixibles para a súa concesión. Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.
3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias da subvención adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:
a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia.
b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de persoas que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concédente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas.
Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia, dispoñible no enlace web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade.
Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.
Artigo 18. Modificación da resolución de concesión
1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, debendo obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.
2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitar á Axencia a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.
Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concédente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros e non se altere o importe total da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.
3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos nesta resolución, así como aquelas que danen os dereitos de terceiros. Tampouco serán tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento que que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a esta.
4. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedida nas diferentes anualidades, sempre que se realice, como mínimo, cun mes de antelación á data de xustificación da anualidade en que se pretende facer efectiva á redistribución.
5. A solicitude de redistribución de cantidades deberá ser motivada e ir acompañada dunha memoria de estado de execución das actividades.
6. O órgano xestor valorará a solicitude de redistribución unha vez comprobada a dispoñibilidade orzamentaria e realizará unha nova proposición de redistribución para a emisión da correspondente resolución que terá a consideración de modificación da resolución de concesión.
7. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Axencia poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións, de ser o caso.
Artigo 19. Xustificación da subvención
1. As persoas beneficiarias terán que xustificar a totalidade do custo das actividades a través dunha conta xustificativa que deberá incluír todos os gastos vinculados á solicitude presentada.
Os prazos para a xustificación son os seguintes:
Primeira anualidade: desde a resolución definitiva de concesión ata o 30 de novembro de 2025.
Segunda anualidade: desde o 1 de decembro de 2025 ata o 10 de xullo de 2026.
2. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza das actividades subvencionadas e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións, de ser o caso, autorizadas.
3. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.
4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. As persoas beneficiarias deberán entregar a seguinte documentación:
– Memoria xeral da actividade realizada,
– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento (anexo IV).
– Documentación xustificativa dos gastos de persoal: incluiranse nesta partida os gastos derivados do pagamento de retribucións ao persoal vinculado á empresa mediante contrato laboral, fixo ou eventual, así como as retribucións dos socios traballadores da empresa, de ser o caso. Incluiranse, igualmente, as cotas de seguros sociais a cargo da empresa. Achegaranse as nóminas individuais, os xustificantes do ingreso na facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os documentos de cotización e os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.
– Facturas ou documentos de valor probatorio imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria por importe igual ou superior á subvención concedida de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.
– Unha copia en calquera formato electrónico dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.
– Declaración de axudas: relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo V).
Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.
Artigo 20. Pagamento da subvención
1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta para o que se estará ao establecido na Lei 972007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu regulamento por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais unha declaración das axudas públicas solicitadas ou recibidas para o proxecto e unha declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo V).
3. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.
4. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que se atopan ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedores por resolución de procedencia de reintegro.
Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen pida esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 9.2 das bases reguladoras.
Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor dan como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presente por si mesmas os correspondentes certificados.
5. Pagamentos anticipados.
As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. E terá que ser solicitado cunha antelación mínima dun mes da data de xustificación da anualidade correspondente.
6. Pagamentos á conta.
Poderanse realizar pagamentos á conta ata un 50 % da subvención concedida respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
7. O importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, ao abeiro do artigo antes citado.
8. Para a realización dos pagamentos á conta ou dos pagamentos anticipados deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas ou aboadas á conta, na forma establecida no artigo 67.3 do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da subvención
1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.
2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.
3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.
Artigo 22. Causas de reintegro
1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.
2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.
3. Son causas de reintegro as seguintes:
a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.
c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 17 desta resolución.
e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.
g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.
Artigo 23. Gradación dos incumprimentos
1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.
2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.
3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:
1. Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.
2. Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.
A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.
No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.
Artigo 24. Procedemento de reintegro
1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 22 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.
2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.
4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.
5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.
Artigo 25. Control
1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.
2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.
3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 26. Medidas antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con accións ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeneral de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:
https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)
ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf»
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
Artigo 27. Normativa aplicable
A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a actividades desenvolvidas por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a diversificar a oferta de contidos e garantir a viabilidade das salas, e se convocan para o 2025 e adicionalmente:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
e) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
f) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
g) Demais normativa de xeral aplicación.
Artigo 28. Publicidade
No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Artigo 29. Réxime de recursos
A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante os xulgados co contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
