Mediante a Orde do 30 de xullo de 2015 autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música da Coruña (DOG núm. 152, do 12 de agosto). Mediante a Resolución do 31 de xullo de 2017 (DOG núm. 154, do 14 de agosto), a Resolución do 29 de xullo de 2019 (DOG núm. 155, do 19 de agosto), a Resolución do 6 de agosto de 2021 (DOG núm. 158, do 18 de agosto) e a Resolución do 10 de agosto de 2023 (DOG núm. 158, do 22 de agosto) prorrogouse a antedita sección bilingüe.
Así mesmo, a través da Orde do 29 de agosto de 2017 (DOG núm. 171, do 8 de setembro), autorízase a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia. Mediante a Resolución do 29 de xullo de 2019, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (DOG núm. 155, do 19 de agosto), a Resolución do 6 de agosto de 2021 (DOG núm. 158, do 18 de agosto) e a Resolución do 10 de agosto de 2023 (DOG núm. 158, do 22 de agosto) prorrogaranse as anteditas seccións bilingües.
Á súa vez, a Orde do 28 de outubro de 2019 autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña (DOG núm. 213, do 8 de novembro). Esta foi prorrogada pola Resolución do 6 de agosto de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 158, do 18 de agosto), e pola Resolución do 10 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 158, do 22 de agosto).
Posteriormente, a través da Orde do 24 de agosto de 2023, foi autorizada a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua portuguesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e de lingua inglesa e alemá no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra (DOG núm. 165, do 31 de agosto).
No artigo 9 das correspondentes ordes de autorización establécese que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido e tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha, e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.
Igualmente, na disposición derradeira primeira das citadas ordes, autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.
Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 das citadas ordes,
RESOLVO:
Primeiro. Prorrogar, por un período de dous cursos académicos e coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, as seguintes seccións bilingües:
– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
– A sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
– A sección bilingüe de lingua francesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
– A sección bilingüe de lingua inglesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
– A sección bilingüe de lingua portuguesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.
– A sección bilingüe de lingua alemá no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.
– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025
María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional
