Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Comunal de Barxa, pertencente á CMVMC de Barxa, e mais o MVMC Comunal de Pentes, pertencente á CMVMC de Pentes, no concello da Gudiña, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 21 de febreiro de 2025, a CMVMC de Barxa presentou un escrito (Rexel 2025/498645), en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Pentes.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Solicitude de conciliación presentada no Xulgado de Paz da Gudiña.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Memoria e planos.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 3 de marzo de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Comunal de Barxa, pertencente á CMVMC de Barxa, e mais o MVMC Comunal de Pentes, pertencente á CMVMC de Pentes, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata o vértice 13 (o situado máis ao L).
Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:
• O punto 1, situado na intersección de varios cortalumes, determina tamén a confluencia co MVMC San Lourenzo.
• Entre os puntos 5 e 6, o linde segue unha traxectoria non rectilínea que se corresponde co curso dun regato ou rego, cuxa liña non vén representada no mapa topográfico nacional, na cartografía hidrolóxica oficial nin no catastro.
• Os puntos 7, 12 e 13 teñen realmente a condición de puntos auxiliares cuxa función sería:
– Punto 7: determinar un cambio de dirección do linde entre os puntos 6 e 8, na zona excluída correspondente á veiga do Regueiro de Barxa.
– Punto 12: determinar a dirección do linde, xa na zona estremeira con particulares, a partir do vértice 11, o cal constitúe formalmente o último punto do deslindamento.
– Punto 13: continuar determinando a dirección do linde na zona estremeira con particulares.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de marzo de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de xuño de 2025:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Comunal de Barxa, pertencente á CMVMC de Barxa, e mais o MVMC Comunal de Pentes, pertencente á CMVMC de Pentes, no concello da Gudiña.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 18 de xuño de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense
