O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental dos traballadores en defensa dos seus intereses o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais, entre os que se atopa o servizo de salvamento marítimo.
Neste sentido, pronunciouse o Tribunal Constitucional, na súa STC 26/1981, na que considera que «un servizo non é esencial tanto pola natureza da actividade que se desprega como polo resultado que coa devandita actividade se pretende. Máis concretamente, pola natureza dos intereses a cuxa satisfacción dirixe a prestación. Para que o servizo sexa esencial deben ser esenciais os bens e os intereses satisfeitos. Como bens e intereses esenciais hai que considerar os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionalmente protexidos».
No servizo de salvamento marítimo está implicada a protección de bens xurídicos tan relevantes como a vida e a seguridade das persoas e das cousas e no que se dirixe a prestación a supresión do seu funcionamento como consecuencia dunha folga podería producir danos de imposible reparación. Por ese motivo o exercicio público de prestación do servizo de salvamento marítimo non se pode ver afectado polo lexítimo dereito á folga, xa que é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, máxime cando está en xogo o dereito á vida e á integridade física das persoas. Así o considerou a sección 7ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, na súa Sentenza do 28 de outubro de 2003 (rec. núm. 57/02), ao sinalar que «a seguridade marítima é un valor esencial e básico para a convivencia», confirmando o carácter esencial para a comunidade, non só das actividades estritas de salvamento marítimo, senón de actividades complementarias ou accesorias daquel.
O artigo 29.3 do Estatuto de autonomía de Galicia configura o salvamento marítimo como unha competencia de execución da lexislación do Estado que presta a Consellería do Mar en colaboración coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar).
O Real decreto 508/2002, do 10 de xuño, polo que se garante a prestación de servizos esenciais na Sociedade de Salvamento Marítimo e Seguridade Marítima en situacións de folga, establece no seu artigo 2.2, que os buques, embarcacións e unidades aéreas que prestan o servizo público de salvamento da vida humana no mar e de loita contra a contaminación mariña deberán permanecer operativos na súa totalidade, debendo garantirse as subministracións asistenciais ás devanditas embarcacións e aeronaves, co obxecto de poder facer fronte, con suficientes garantías, ás emerxencias marítimas que puidesen xurdir nas zonas de responsabilidade española.
A Consellería do Mar ten subscrito coa empresa Avincis Aviation Technics, S.A.U. un contrato administrativo de servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia desde o 23 de outubro de 2023.
A folga convocada polo Comité de Empresa afecta a totalidade do persoal de mantemento das aeronaves adscritas aos servizos e a todos os centros de traballo e bases operativas de aeronaves sitas en todo o territorio nacional.
O contrato subscrito para a prestación do servizo de salvamento marítimo ten como obxecto a dispoñibilidade de dous helicópteros, así como a tripulación, as operacións de voo e o mantemento necesarios para garantir a prestación do servizo.
Os helicópteros teñen base en Vigo e Celeiro. Para que cada aeronave poida levar a cabo os labores de salvamento que ten encomendadas necesita estar dotada dunha tripulación mínima composta por 2 pilotos, un rescatador, un operador de guindastre e un mecánico, que deben estar dispoñibles permanentemente as 24 horas do día para atender calquera requirimento, xeralmente de evacuación de persoas accidentadas ou de rescate de náufragos por sinistro de embarcacións.
É imprescindible que cada aeronave conte con dous pilotos, xa que o manual de voo das aeronaves adscritas ao contrato determina a necesidade da participación de dous pilotos no manexo de cada unha delas. Na mesma liña, o Decreto 750/2014, do 5 de setembro, que regula as actividades aéreas de loita contra incendios, procura e salvamento e que establece requisitos de aeronavegabilidade e licenzas para outras actividades aeronáuticas, exixe, ao regular a composición da tripulación de voo, a necesidade dunha tripulación mínima de 2 pilotos en voos nocturnos ou helicópteros en IFR.
Por outra banda, o operador de guindastre e o rescatador deveñen imprescindibles para a realización dos rescates, posto que o primeiro opera o instrumento necesario para o descenso e o rescatador é o membro da tripulación que toma contacto coa persoa en perigo e desenvolve a actuación necesaria para o seu rescate.
É igualmente necesario contar cun técnico de mantemento aeronáutico (TMA), un xefe de frota con licenza LMA tipo C e B13 e un aviónico con licenza B2. Este persoal é tamén imprescindible, pois por normativa de seguridade aérea, o persoal de mantemento é responsable de certificar que a aeronave se atopa lista para voar e, no caso de calquera erro detectado no recoñecemento prevoo, é este persoal o que pode diagnosticar, reparar e certificar se se pode voar ou non.
É indispensable que as dúas aeronaves estean operativas ao mesmo tempo, xa que cada unha delas cobre unha parte do litoral, garantindo así a total cobertura do noso espazo costeiro. As operacións de salvamento que se desenvolven tanto en mar como en terra requiren unha resposta rápida e inmediata porque o que está en xogo en moitos casos é a vida das persoas, e chegar a tempo ao lugar do accidente, do sinistro ou da emerxencia é decisivo para poder salvar esas vidas. O funcionamento de tan só unha base podería supoñer que a aeronave acuda á prestación do servizo de salvamento cun atraso que podería resultar fatal. Proba da necesidade dunha resposta inmediata atopámola no tempo de resposta exixido por contrato á empresa contratista que non excederá os 10 minutos.
Os servizos mínimos incluirán os voos de adestramento para as tripulacións asignadas aos servizos mínimos, de forma que poidan seguir estando preparados e en disposición de realizar as misións de rescate ou loita contra a contaminación mariña que se lles encomende, co obxectivo de garantir o servizo sen diminución para a seguridade e debido á especialización que este tipo de misións require.
Igualmente deben garantirse na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, posta a punto e reparación, co obxecto de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan xurdir nas zonas ás que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia, polo que deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, toda vez que deles depende a operatividade das bases e dos medios aéreos.
O artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, habilita a autoridade gobernativa para a fixación de servizos mínimos que garantan o dereito da comunidade para recibir a prestación deses servizos esenciais.
Pola súa banda, o artigo 3 do Decreto 155/1988 faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.
En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, e vista a proposta de servizos mínimos remitida por Avincis Aviation Technics, S.A.U.,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga convocada polo Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U., con carácter indefinido e ininterrompido a partir das 00.00 horas do día 11 de agosto de 2025, afecta a totalidade do persoal das bases de liña dos servizos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia da empresa adxudicataria do contrato subscrito coa Consellería do Mar para a adecuada realización do servizo de salvamento marítimo e enténdese condicionada pola cualificación de servizos esenciais, conforme o establecido no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación de servizos esenciais en caso de folga e polo mantemento dos servizos mínimos, que, como consecuencia da devandita cualificación e polas razóns que quedan expresadas na parte expositiva desta orde, se fixan no artigo segundo.
Artigo 2
Establécense como servizos mínimos durante os días e as horas de folga a que fai referencia o artigo anterior os que se relacionan no anexo desta orde.
Artigo 3
A designación nominal do persoal que deberá cubrir o servizo, garantíndose a súa cobertura total, faraa a dirección da empresa adxudicataria Avincis Aviation Technics, S.A.U.
Artigo 4
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para manter a prestación dos devanditos servizos considéranse ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
Artigo 5
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora de folga lle recoñece ao persoal nesta situación.
Disposición derradeira. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
ANEXO
Servizos mínimos nas bases operativas de Vigo e Celeiro
Base operativa de Vigo:
2 pilotos por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
1 operador/a de guindastre por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
1 rescatador/a por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
1 mecánico/a (técnico de mantemento con licenza B1.3) por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
Base operativa de Celeiro:
2 pilotos por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
1 operador/a de guindastre por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
1 rescatador/a por quenda, en horario de 00.00 a 24.00 horas.
1 mecánico/a (técnico de mantemento con licenza B1.3) por quenda, en horario de 00.00 a 24 horas.
O xefe de frota (técnico de mantemento con licenza tipo C e B1.3) e o aviónico (técnico de mantemento con licenza B.2) adscritos ao servizo deberán realizar a súa xornada habitual de traballo.
Os servizos mínimos incluirán os voos de adestramento para as tripulacións asignadas aos servizos mínimos, de forma que poidan seguir estando preparados e en disposición de realizar as misións de rescate ou loita contra a contaminación mariña que se lles encomende, co obxectivo de garantir o servizo sen mingua para a seguridade e debido á especialización que este tipo de misións require.
Igualmente deben garantirse na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, posta a punto e reparación, co obxecto de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan xurdir nas zonas ás que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia, polo que deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, sitos en Albacete, Salamanca e Mutxamel (Alacante), tendo en conta que deles depende a operatividade das bases e dos medios aéreos.
