Ao dar cumprimento ao disposto na disposición derradeira primeira do Regulamento de réxime interior do CdCG, publicado mediante a Resolución do 27 de febreiro de 2017 (DOG nº 46, do 7 de marzo) en relación coa disposición derradeira do Acordo do Pleno do 28 de xullo de 2025 polo que se regulan as actuacións previas procedimentais derivadas da presentación de denuncias e comunicacións e a súa tramitación no Consello de Contas de Galicia,
RESOLVO:
Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 28 de xullo de 2025, polo que se regulan as actuación previas procedimentais derivadas da presentación de denuncias e comunicacións e a súa tramitación no Consello de Contas de Galicia, que figura como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia
ANEXO
Acordo do 28 de xullo de 2025 do Pleno do Consello de Contas de Galicia polo que se regulan as actuacións previas procedimentais derivadas da presentación de denuncias e comunicacións e a súa tramitación no Consello de Contas de Galicia
A Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, regula no seu artigo 24.3 a posibilidade de iniciarse de oficio, por acordo do Pleno do Consello de Contas, o procedemento para o exercicio da función fiscalizadora, logo da comunicación presentada por persoa física ou xurídica. O Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, publicado pola Resolución do 27 de febreiro de 2017, do Parlamento de Galicia, recolle a mesma posibilidade no seu artigo 35.1, da sección segunda relativa ao procedemento de exercicio da función fiscalizadora, e nos seus artigos 64, 65 e 66 regula estas actuacións previas procedimentais derivadas da presentación de denuncias e comunicacións e a súa tramitación.
En cumprimento destas disposicións o Pleno do Consello de Contas de Galicia aprobou con data do 3 de xullo de 2017, un Protocolo para a tramitación de denuncias. O transcurso do tempo, as modificacións normativas derivadas da implantación da administración electrónica, e a experiencia destes anos na materia, aconsellan a reelaboración da citada disposición que pasará a ser reemprazada polas presentes actuacións previas. En consideración ao principio de seguridade xurídica, enténdese como máis correcta a elaboración dun novo texto da disposición na materia, e non a modificación do orixinal para permitir a súa consulta e acceso pola cidadanía, aínda que, se conservan aquelas determinacións concretas do texto inicial que demostraron a súa validez e eficacia.
Na súa virtude, o Pleno do Consello de Contas de Galicia aprobou as actuacións previas procedimentais derivadas da presentación de denuncias e comunicacións e a súa tramitación no Consello de Contas de Galicia, que figuran a seguir.
Artigo 1. Presentación de denuncia ou comunicación ante o Consello de Contas
Consonte o previsto no artigo 65 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, a presentación de denuncias ou comunicacións no Rexistro do Consello poderá ser realizada de maneira presencial ou mediante a súa remisión utilizando calquera dos medios físicos ou electrónicos legalmente válidos, dispoñibles para ese efecto. O exercicio destas actuacións atenderase sen menoscabo do cumprimento do plan anual de traballo. As comunicacións ou denuncias non confiren a quen as formula a condición de interesado no procedemento fiscalizador que, de ser o caso, se inicie en virtude de acordo do Pleno. Ordinariamente a presentación no Rexistro, polos medios legalmente previstos, e a comunicación do acordo adoptado, suporá o remate da relación do Consello de Contas de Galicia co denunciante ou comunicante, agás nos supostos en que sexa de aplicación o artigo 66 do Regulamento de réxime interior e se decida a realización de actuacións complementarias.
Artigo 2. Requisitos formais
1. A denuncia ou a comunicación poderá ser presencial ou mediante o emprego de medios electrónicos legalmente válidos. En ambos os supostos, a persoa denunciante achegará todos os datos precisos para a súa identificación. A denuncia ou comunicación poderá ser efectuada de palabra ante o persoal do Rexistro, que recollerá as manifestacións realizadas e as presentará ao denunciante para a súa sinatura por calquera dos medios legalmente válidos, ou por escrito. Será presentada ben polo propio denunciante ou comunicante, ben por medio de mandatario con poder especial. En todos os casos deberá conter unha narración circunstanciada do feito.
2. No caso de ser o denunciante ou comunicante unha persoa xurídica, deberá identificarse tamén a persoa física que presenta a denuncia ou comunicación e xustificará, polos medios legalmente válidos, a súa representación. Deberá constar o lugar, data e sinatura legalmente válida, do denunciante ou comunicante, e representante, se é o caso.
Artigo 3. Contido
A denuncia ou comunicación deberá conter:
a) Unha relación circunstanciada dos feitos denunciados.
b) No caso de ser coñecida, deberá conter a identificación das persoas intervenientes neles ou de quen a puidese facilitar.
c) Indicará a existencia de calquera fonte de coñecemento da que o denunciante teña nova, que poida servir para esclarecer o feito denunciado ou comunicado.
d) Se se tratase de persoa física que desexe permanecer no anonimato por poder ser obxecto de represalias, ou supoñerlle prexuízos, como consecuencia da denuncia ou comunicación, esta poderá solicitar que a súa identidade non sexa revelada a terceiras persoas e se lle apliquen as medidas previstas para este fin no Acordo do Pleno desta institución, do 3 de outubro de 2023, de aprobación do Sistema interno de información do Consello de Contas de Galicia.
e) Un enderezo postal ou electrónico.
Artigo 4. Avaliación inicial
Debidamente rexistrada a comunicación ou denuncia remitirase pola Secretaría Xeral á Asesoría Xurídica para realizar unha valoración inicial do contido desta, particularmente do cumprimento dos requisitos formais, os feitos que recolle e a súa posible relevancia como indicios da existencia de responsabilidade contable, penal ou administrativa, e unha proposta de actuación de acordo co establecido no artigo seguinte. O persoal auxiliar da asesoría asumirá a tramitación electrónica do expediente, e recibirá comunicación e copia das actuacións realizadas polos demais órganos do Consello, para os efectos de conformar as bases de datos na materia, baixo a coordinación e dirección da secretaría xeral. O informe da Asesoría Xurídica, xunto coa documentación presentada pola persoa comunicante ou denunciante, remitirase á Consellería Maior, no prazo de dez días, que poderá ampliarse en cinco días máis polo conselleiro ou conselleira maior por petición da asesoría xurídica.
Artigo 5. Repartición e análise
Posta á súa disposición a documentación, o conselleiro ou conselleira maior, adoptará unha das seguintes resolucións:
a) Poñerá en coñecemento do conselleiro ou conselleira do departamento responsable a existencia da comunicación ou denuncia, para a realización das actuacións previas, e ordenará á Asesoría Xurídica a posta á disposición electrónica do expediente.
b) Porporá ao Pleno o arquivamento da comunicación ou denuncia por non se tratar dunha materia da competencia do Consello de Contas, ou por non constar evidencias ou indicios, ou por seren estes insuficientes sen que exista xeito de atopar outros, ou seren repetición doutros existentes e arquivados con anterioridade.
Artigo 6. Actuacións previas
Logo da posta á disposición do expediente electrónico, de acordo co disposto no artigo 64 do Regulamento de réxime interior, e no artigo 55.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as actuacións previas serán ordenadas polo conselleiro ou conselleira ao persoal da súa área.
Rematadas as actuacións previas, o conselleiro ou conselleira encargado/a elevará á Sección de Fiscalización unha proposta de resolución nalgún, ou nalgúns, dos seguintes sentidos:
a) Solicitar ao denunciante a presentación de documentación complementaria co fin de aclarar ou ampliar o contido da denuncia.
b) No caso de considerar que existen indicios de responsabilidade contable, a posta en coñecemento do Tribunal de Contas.
c) No caso de considerarse que existen indicios de responsabilidade penal, a posta en coñecemento da Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) No caso de indicios de responsabilidade administrativa, a comunicación aos superiores xerárquicos dos presuntos responsables e ás autoridades que teñan atribuídas as competencias de supervisión e control na materia concreta.
e) A aplicación do disposto no artigo 66 do Regulamento de réxime interior co inicio de actuacións complementarias.
f) A remisión á Sección de Prevención da Corrupción para os efectos da súa toma en consideración, para extraer conclusións, ou identificar aspectos que deban ser considerados nas futuras revisións dos plans.
g) A toma en consideración deses feitos de cara á elaboración dos plans anuais de traballo.
h) O arquivamento das actuacións, por concorrer as circunstancias recollidas na letra b) do artigo anterior, ou non resultar procedente a aplicación de ningunha das actuacións recollidas nos puntos precedentes do presente artigo.
Recibida a citada proposta, logo da achega, se é o caso, da documentación complementaria solicitada ao denunciante, e a elaboración da nova proposta polo persoal do departamento, na cal se tome en consideración esta documentación, o conselleiro ou conselleira do departamento responsable, remitirá á Sección de Fiscalización unha proposta de resolución para sometela á súa conformidade. De ser recibida esta conformidade, elevarase ao Pleno para sometela á súa aprobación.
De non recibir a conformidade da Sección de Fiscalización ou a aprobación do Pleno, o órgano que rexeite a proposta ordenará as actuacións que se seguirán no propio acordo de rexeitamento.
Artigo 7. Comunicación e remate das actuacións
Poñerase en coñecemento do comunicante ou denunciante, a decisión adoptada e finalizará deste xeito a relación do comunicante ou denunciante co Consello de Contas de Galicia, en execución do disposto no artigo 65 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, e no artigo 1 deste acordo.
Artigo 8. Prazo das actuacións
De acordo co disposto no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o acordo adoptarase nun prazo de tres meses contados desde a data en que a comunicación ou denuncia tivese entrada no Rexistro deste consello de contas. Por solicitude do conselleiro ou conselleira responsable, este prazo poderá ampliarse, por acordo do Pleno, ata un período de corenta e cinco días, de acordo co disposto no artigo 32 da lei citada.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación ás comunicacións e denuncias presentadas con anterioridade e pendentes de tramitación.
