1. O día 13 de xullo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).
2. No parágrafo segundo do punto 1 do ordinal vixésimo oitavo da citada resolución establécese que as axudas para o colectivo das vítimas de violencia de xénero, con cargo ás anualidades 2022, se financiarán con cargo aos fondos procedentes do Pacto de Estado, na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3.
Segundo se indica no mesmo parágrafo, as anualidades seguintes financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que está dotada con fondos propios da Comunidade Autónoma (FCA), e con fondos finalistas procedentes do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025. Así mesmo, prevé a posibilidade de que os importes das anualidades de 2024, 2025 e 2026 poidan ser reaxustados cos importes que, de ser o caso, se fixen anualmente no correspondente acordo entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a consellería competente en materia de igualdade.
3. O día 13 de maio de 2025 asinouse un novo acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade, que exerce actualmente as competencias en materia de igualdade, e o IGVS, co obxecto de establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre as citadas entidades para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero (en diante, PECVX), que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas da violencia de xénero (medida 167 do documento refundido final do PECVX).
Co citado acordo, o IGVS comprométese a continuar xestionando unha liña de axudas destinada a facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de alugueiro para as vítimas de violencia de xénero a través do programa do bono de alugueiro social, financiada con fondos do PECVX, mentres que a Consellería de Política Social e Igualdade asume o compromiso de achegar ao orzamento do IGVS a cantidade de 3.150.000 euros para a anualidade 2026, co obxecto de contribuír ao financiamento dos gastos necesarios para o cumprimento do devandito acordo.
4. O punto 2 do ordinal vixésimo oitavo da Resolución do 1 de xullo de 2022 prevé que a contía establecida nesa convocatoria poderá ser ampliada mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.
5. De conformidade co anterior, a competencia para ditar esta resolución corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Polo exposto,
RESOLVO:
Ampliar en 3.150.000 euros a dotación orzamentaria da convocatoria das axudas do bono de alugueiro social para a anualidade de 2026, para o colectivo das vítimas de violencia de xénero, cos fondos procedentes do PECVX.
En consecuencia, a contía máxima das subvencións que se poderán conceder no exercicio 2026 para este colectivo con cargo aos fondos procedentes do PECVX será a seguinte:
| Aplicación orzamentaria | Anualidade | Crédito inicial | Ampliación do crédito | Crédito total | 
| 11.81.451B.480.3 (Proxecto 2019 00009) | 2026 | 0 € | 3.150.000 € | 3.150.000 € | 
Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

