DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 11 de agosto de 2025 Páx. 43560

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, Territorio Cultura, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT404F).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 27.19 que lle corresponden á Comunidade Autónoma galega a competencia e o fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ten a responsabilidade de promover e fomentar a cultura galega, e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é o ente instrumental en que centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, das empresas e das industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

Con base nisto e ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241, a Axencia Galega das Industrias Culturas desenvolveu nos anos 2022 e 2023 as axudas para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura. A raíz dos excelentes resultados deste proxecto, o Ministerio de Cultura, no Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura que tivo lugar en Avilés o 22 de febreiro de 2024, propuxo a súa continuidade e adquiriu o compromiso de contribuír ao seu financiamento con créditos propios do Ministerio. O obxectivo desta liña continúa a ser o fomento, a dinamización e a diversificación da actividade cultural no medio rural, para seguir consolidando e fortalecendo tanto as iniciativas xa existentes como as xurdidas ex novo mediante o impulso facilitado polas citadas axudas.

O día 7 de maio de 2025, no Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura, aprobáronse os criterios de repartición entre as dezasete comunidades autónomas, a distribución de créditos e as condicións de xestión dos fondos para o fomento da actividade cultural no medio rural, e correspóndelle a súa execución ás CC.AA, a través de convocatorias de axudas en réxime de concorrencia competitiva.

O Pleno considera que esta dotación de recursos económicos específica, e singularmente dirixidos ao fomento da actividade cultural e ao impulso dos axentes culturais que desenvolven a súa actividade nas áreas rurais, permitirá a consolidación das súas actividades e estruturas, fortalecendo o tecido e proporcionándolles ferramentas que faciliten a sustentabilidade dos proxectos a medio-longo prazo para mellorar a súa competitividade e a empregabilidade do sector.

A Agadic, como entidade destinataria dos fondos finalistas do Estado para este fin, e para cumprir co mandato do Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura, deseña esta nova convocatoria de axudas, de carácter plurianual para 2025-2026, cuxa finalidade é continuar co impulso á dinamización da cultura ao longo do territorio, particularmente coa ampliación e diversificación cultural nas áreas non urbanas. Esta actuación permitirá non só contribuír a xerar actividade cultural en espazos máis alá dos grandes núcleos, senón que posibilitará o acceso á cultura das persoas que habitan nas zonas rurais, garantindo os seus dereitos culturais e impulsando a cultura como un motor de desenvolvemento social e territorial sustentable.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, Territorio Cultura, e se convocan para o ano 2025 (Código de procedemento CT404F).

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres anos previos á data de concesión.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto das axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, legalmente constituídas, con sucursal ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia e sempre que cumpran os requisitos seguintes:

a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a creación, organización, xestión, distribución de espectáculos en calquera das disciplinas de ámbito cultural, a investigación cultural, a consultoría cultural ou calquera ámbito relacionado co ecosistema cultural, no suposto de persoas xurídicas.

b) Para o caso das persoas físicas (autónomas), estar de alta no réxime especial de traballadores autónomos en calquera das epígrafes relacionadas co ámbito cultural.

2. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións aquelas asociacións e fundacións, en cuxo obxecto social se recolla a capacidade para desenvolver o obxecto desta axuda.

Porén, non poderán ser persoas beneficiarias  outras formas xurídicas sen ánimo de lucro distintas das anteriores nin as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

Artigo 3. Financiamento

1. Estas axudas financiaranse cun crédito total de 300.000 euros, distribuídos en dúas anualidades, 150.000 euros na anualidade 2025 e 150.000 euros na anualidade 2026, imputables ás aplicacións orzamentarias 13.A1.432B.781.0 e 13.A1.432B.770.0, nos códigos de proxecto 2025 00001 e 2015 00003 da Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. A distribución orzamentaria, por anualidades, aplicación e códigos de proxecto, será a seguinte:

Aplicación

Código de proxecto

Fonte de financiamento

Anualidade 2025

Anualidade 2026

Total

13.A1.432B.770.0

2025 00001

Fondos finalistas do estado

126.637,10 €

126.637,09 €

253.274,19 €

13.A1.432B.781.0

2015 00003

FCA

23.362,90 €

23.362,91 €

46.725,81 €

Total

300.000,00 €

Artigo 4. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras e cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 2 e 4, e deberán ser cualificados conforme os criterios establecidos no artigo 16 das bases reguladoras da subvención.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e este non poderá ter unha duración superior aos cinco meses, contados a partir do día seguinte ao remate da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: industriasculturais.xunta.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Artigo 7. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS daralle traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, Territorio Cultura, e se convocan para o ano 2025
(código de procedemento CT404F)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a ampliación e diversificación da oferta cultural en áreas non urbanas e efectuar a convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT404F).

2. As finalidades destas axudas son as seguintes:

a) Impulsar e diversificar a actividade, a creación, as prácticas e os procesos culturais contemporáneos en estreita vinculación coas comunidades e os seus contextos sociais, territoriais e culturais específicos, contribuíndo á construción de novos relatos, imaxinarios, representacións, estéticas, valores e actitudes para o medio rural no contexto dos retos que suxire o mundo contemporáneo, así como pór en valor, en diálogo co presente, o patrimonio e os coñecementos e saberes tradicionais.

b) Promover, desde un enfoque de dereitos culturais, a inclusión e estimular a participación cidadá activa na actividade cultural como instrumento de participación democrática, benestar, saúde e cohesión social e territorial, con especial atención á incorporación de estratexias de igualdade de xénero, interxeracionalidade e participación infantil e xuvenil.

c) Impulsar a dinamización, modernización e innovación dos sectores e axentes culturais e creativos que operan no medio rural, favorecendo a xeración de emprego, a profesionalización e a creación de redes profesionais, así como axudar á consecución da igualdade de xénero no emprego nestes sectores.

d) Favorecer a diversidade cultural, o diálogo intercultural e o intercambio rural-urbano.

e) Fomentar o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable e a conciencia e sustentabilidade ambientais, así como o establecemento de alianzas con sectores non culturais de especial relevancia no medio rural: agricultura, gandaría, ambiente, transición ecolóxica, reto demográfico, igualdade, educación ou saúde.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres anos previos á data de concesión.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto das axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións, axudas ou patrocinios para o mesmo proxecto de calquera departamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos seus organismos dependentes. Porén, son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto procedentes doutras consellerías da Xunta de Galicia e dos seus organismos dependentes ou de calquera outra Administración pública e entidades públicas ou privadas.

No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.

5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro ingreso derivado do proxecto, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, legalmente constituídas, con sucursal ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia, sempre que cumpran os requisitos seguintes:

a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a creación, organización, xestión, distribución de espectáculos en calquera das disciplinas de ámbito cultural, a investigación cultural, a consultoría cultural ou calquera ámbito relacionado co ecosistema cultural, no suposto de persoas xurídicas.

b) Para o caso das persoas físicas (autónomas), estar de alta no réxime especial de traballadores autónomos en calquera das epígrafes relacionadas co ámbito cultural.

2. Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións aquelas asociacións e fundacións, en cuxo obxecto social se recolla a capacidade para desenvolver o obxecto desta axuda.

3. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria:

a) As agrupacións de interese económico.

b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

c) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, conforme o establecido no anexo II desta convocatoria

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. Estas axudas financiaranse cun crédito total de 300.000 euros, distribuídos en dúas anualidades, 150.000 euros na anualidade 2025 e 150.000 euros na anualidade 2026, imputables ás aplicacións orzamentarias 13.A1.432B.781.0 e 13.A1.432B.770.0, códigos de proxecto 2025 00001 e 2015 00003, da Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. A distribución orzamentaria por anualidades, aplicación e códigos de proxecto será a seguinte:

Aplicación

Código de proxecto

Fonte de financiamento

Anualidade 2025

Anualidade 2026

Total

13.A1.432B 770.0

2025 00001

Fondos finalistas do estado

126.637,10 €

126.637,09 €

253.274,19 €

13.A1.432B.781.0

2015 00003

FCA

23.362,90 €

23.362,91 €

46.725,81 €

Total

300.000,00 €

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda.

4. No caso de que os créditos fosen ampliados, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada aplicación orzamentaria, por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos para ser persoa beneficiaria e outros que impliquen que non se esgotase a contía establecida nunha aplicación, a Dirección da Axencia poderá determinar o incremento da cantidade establecida na outra, logo da realización dos axustes que procedan no expediente de gasto.

6. A contía máxima da axuda será do 80 % do orzamento subvencionable, cun límite mínimo de 10.000,00 € e máximo de 30.000,00 €.

7. As solicitudes que, cumprindo todos os requisitos, non acaden subvención por esgotamento do crédito asignado pasarán a formar unha listaxe de garda respectando a orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

Artigo 4. Proxectos subvencionables. Modalidades e requisitos

1. Os proxectos e actividades culturais que pretendan ser subvencionados ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse no medio rural. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por medio rural:

a) Os municipios que posúan unha poboación inferior a 30.000 habitantes e cuxa densidade por habitante sexa inferior aos 100 habitantes por km², segundo o establecido na Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural.

b) En todo caso, os municipios de poboación inferior aos 10.000 habitantes, con independencia da súa densidade de poboación.

2. Se o proxecto ten carácter supramunicipal, todos os concellos en que se desenvolve o proxecto deberán cumprir a definición de medio rural descrita no punto anterior.

3. Só se poderá presentar un proxecto por persoa solicitante, que deberá ter un orzamento subvencionable total, igual ou superior a 15.125 euros (incluído o IVE).

4. Para os efectos destas bases, financiaranse aqueles proxectos e actividades que supoñan unha contribución relevante e significativa ao ecosistema cultural dos seus respectivos territorios. En particular, financiaranse as seguintes actuacións:

a) Proxectos que, mediante a participación multiaxente –laboratorios de ideas, prototipados de proxectos, iniciativas transdisciplinares ou alianzas transectoriais–, favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e teñan unha concreción práctica no territorio.

b) Proxectos e actividades de educación, transferencia e mediación artística, cultural e patrimonial, incluíndo o uso das novas tecnoloxías.

c) Actividades de difusión, transmisión, revalorización e socialización do patrimonio inmaterial, incluíndo aquelas que promovan a súa hibridación coa cultura e as prácticas contemporáneas.

d) Actividades e eventos artísticos ou culturais, festivais, exposicións e outros proxectos culturais similares dentro dos seguintes ámbitos: artes visuais, cine e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, música, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía, incluídas as actividades artísticas multidisciplinares e aquelas que relacionan a cultura e as artes coa ciencia e/ou os saberes tradicionais.

e) Proxectos destinados á formación, acompañamento, cooperación e reforzo de capacidades dos axentes culturais públicos e privados que operan no medio rural.

Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables, de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable que se realicen en calquera espazo en Galicia, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e sexan realizados e pagados desde o día seguinte á data de presentación da solicitude e ata o 30 de setembro de 2026, ambos incluídos. O período subvencionable, polo tanto, abrangue para o ano 2025 desde o día seguinte á data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2025, e para o ano 2026 desde o 1 de decembro de 2025, ata o 30 de setembro de 2026.

Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou as cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.

2. Para os efectos da presente convocatoria, considéranse gastos subvencionables:

2.1. Proxecto técnico. Enténdese por gastos de proxecto técnico os relativos aos honorarios dos profesionais encargados da redacción do proxecto que se presenta á subvención, como consultoría especializada na xestión cultural.

2.2. Gastos de remuneracións dos espectáculos artísticos ou culturais que formen parte do proxecto. Estes gastos refírense aos cachés dos artistas, compañías, comisariados ou calquera outro profesional do ámbito dos proxectos enmarcados no establecido no artigo 4.3.

2.3. Os custos de deseño, creación, produción, montaxe/desmontaxe e instalación das escenografías dos espectáculos que forman o proxecto. Trátase de gastos relacionados coa creación das escenografías, dende a súa concepción ata a súa exhibición.

2.4. Os gastos por servizos asociados á programación, tales como servizos técnicos e auxiliares e outros de carácter profesional necesarios para levar a cabo o obxecto da subvención.

2.5. Gastos en investigación e innovación. Refírense aos gastos necesarios para analizar o territorio, o seu patrimonio, a súa poboación, hábitos e necesidades, os gastos en novas tecnoloxías ou novos formatos.

2.6. Gastos en formación e mediación. Os referidos a gastos necesarios para o desenvolvemento de talleres ou cursos para a capacitación da comunidade local, así como aqueles precisos para conseguir a participación de diferentes segmentos de poboación, asociacións ou axentes locais.

2.7. Gastos de transporte. Refírese aos gastos nos medios de transporte postos á disposición de xeito gratuíto para as persoas que participan no proxecto e ás residentes en poboacións próximas.

2.8. Gastos de alugamento de espazos para a exhibición dos espectáculos e actividades que forman parte do proxecto, agás os propios da entidade beneficiaria.

2.9. Gastos de difusión en plataformas en liña ou streaming das actividades que conforman o proxecto subvencionado.

2.10. Gastos en comunicación e publicidade en liña ou fóra de liña, entendendo por tales os gastos do deseño, materiais promocionais, insercións publicitarias, etc.

2.11. Gastos de persoal ou servizos profesionais asociados ao desenvolvemento das actividades que conforman o proxecto subvencionado. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teña subscrito un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para realizar as actividades que conforman o proxecto subvencionado, así como os contratos de profesionais de carácter mercantil realizados para a execución das tarefas vinculadas ao proxecto.

2.12. Gastos de persoal con limitacións. Consideraranse tamén como subvencionables os custos de persoal do cadro de persoal da persoa beneficiaria que non teña subscrito un contrato específico para o proxecto obxecto da subvención. Neste caso o importe máximo imputable non poderá superar o 30 % do custo total do proxecto.

2.13. Gastos indirectos. A persoa beneficiaria poderá imputar como gasto do proxecto en concepto de gastos indirectos ata o 7 % do custo total do proxecto, sen que se requira unha xustificación adicional, en aplicación do artigo 42.6 do Decreto 11/2009 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Enténdese por gastos indirectos os relacionados cos gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada, subministracións necesarias, como teléfono, luz, auga, e aqueles outros vinculados indirectamente co proxecto e durante o tempo de execución deste dentro do período subvencionable.

Os custos indirectos, sempre que os impute a persoa beneficiaria á actividade subvencionada, faranse de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

3. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos:

a) Aos xuros debedores das contas bancarias.

b) Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

c) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

4. No caso de que o proxecto teña carácter supramunicipal e suprarrexional, só se considerarán gastos subvencionables para os efectos desta subvención aqueles gastos xerados e efectuados en Galicia.

5. Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propia persoa beneficiaria da subvención).

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. Nestas bases admítese a subcontratación, de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa. Para os efectos desta convocatoria, a persoa beneficiaria poderá subcontratar ata o 50 % das actividades que conforman o proxecto subvencionado.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que perciban outras subvencións para realizar a actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos cales os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtiveran subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No anexo II constan, entre outras, as seguintes declaracións responsables, que se deberán cubrir:

3.1. Declaración responsable das persoas empregadas asignadas ao proxecto e a dedicación de cada unha delas.

3.2. Declaración responsable do compromiso de participación de compañías/artistas galego/as que participarán no proxecto.

Artigo 8. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que, no prazo de 10 días hábiles, contados desde o seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

As persoas solicitantes deberán achegar, xunto coa súa solicitude (anexo II), a seguinte documentación complementaria:

1.1. Documentación administrativa:

1.1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.1.2. Estatutos inscritos e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou ao cal corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.1.4. Alta no réxime xeral de autónomos, se a persoa solicitante é persoa física.

1.1.5. Declaración de axudas (anexo V).

1.2. Documentación técnica:

1.2.1 Ficha resumo-memoria técnica do proxecto e do espazo (anexo III). Esta memoria terá un máximo de 25 páxinas e contará coa seguinte estrutura e contido:

– Índice.

– Obxectivos que persegue o proxecto, destacando as súas capacidade de innovación e transformación.

– Espazo/s onde se vai desenvolver, indicando a/s localidade/s onde se sitúa/n.

– Calendarización e previsión de desenvolvemento.

– Equipo técnico e persoal implicado no proxecto, sinalando a súa relación laboral ou profesional e a vinculación co proxecto.

– Programa de actividades cunha breve descrición de cada unha, indicando a disciplina, a compañía ou profesional que participa e a súa procedencia, o lugar onde ten lugar e o público a que se dirixe.

– Indicadores que permitan a avaliación do proxecto.

– Outros axentes implicados no proxecto: asociacións, fundacións, redes, xunto coas cartas de compromiso asinadas dixitalmente por ambas as dúas partes.

– Emprego de novas tecnoloxías.

– Indicación dos medios de transporte gratuítos dispoñibles para facilitar a mobilidade e a participación no proxecto, ou a asistencia ás súas actividades, de persoas residentes noutras poboacións próximas.

– Calquera outra información relevante que permita avaliar o proxecto conforme os criterios establecidos nas bases.

1.2.2. Plan económico-financeiro/orzamento (anexo IV), en que se describan os conceptos de gasto con e sen IVE, así como previsión de ingresos e as fontes de financiamento que permitirán levar a cabo o proxecto. Este documento debe permitir comprobar a viabilidade técnica e económica do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

– Consulta de concesión pola regra de minimis.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificación das resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificación entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirirlles ás persoas solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídos outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación administrativa necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, nomeada polo director da Agadic, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas presentes bases. Para a súa composición terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Para a valoración dos criterios automáticos, serán designados dous profesionais pertencentes ao cadro de persoal da Agadic de entre os grupos I, II e III, dos cales un exercerá como presidente e terá voto de calidade en caso de empate.

Para a valoración dos criterios técnicos, serán designados dous profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos musical e/o cultural en xeral,

A secretaría, con voz pero sen voto, será desempeñada por unha persoa do cadro de persoal da Agadic distinta dos vogais.

2. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e este/a non pode actuar por delegación nin ser substituído/a en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas ou entidades solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

3. Para a composición da Comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

4. A Comisión de Valoración, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta en que contrete os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de xeito coherente e homoxéneo. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixarase constancia documental das puntuacións.

5. Unha vez rematada a avaliación, a Comisión emitirá un informe preceptivo que relacione os proxectos por orde de prelación, con indicación da puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado, e levantarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da Comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos criterios establecidos a seguir:

Criterios automáticos

60 puntos

1. Nº de habitantes do concello onde se desenvolve a actividade (ou a parte principal, no caso de varios concellos).

6

a) Ata 5.000 habitantes

6

b) Entre 5.001 e 15.000 habitantes

4

c) Entre 15.001 e 30.000 habitantes

2

2. Emprego. Valórase o emprego directo vinculado á entidade beneficiaria para o proxecto obxecto desta subvención

6

a) Ata 3 persoas traballadoras

2

b) Desde 4 ata 10 persoas traballadoras

4

c) Máis de 10 persoas traballadoras

6

3. Axentes implicados. Valorarase o fomento da cooperación e o traballo en rede con outras entidades do sector cultural e co tecido institucional, asociativo e económico local

4

Ata tres axentes

2

Máis de catro axentes

4

4. Actividade en máis dun concello en galicia

6

a) Actividade entre 2 e 4 concellos de menos de 5.000 habitantes

5

b) Actividade en máis de 4 concellos de menos de 5.000 habitantes

6

c) Actividade entre 2 e 4 concellos entre 5.001 e 15.000 habitantes

2

d) Actividade en máis de 4 concellos entre 5.001 e 15.000 habitantes

3

e) Actividade en máis de 4 concellos onde o 75 % sexan concellos de menos de 5.000 habitantes

4

f) Actividade, máis de 2 concellos de máis de 15.001 habitantes

1

5. Proxecto de máis dunha disciplina. Valórase a multidisciplinariedade do proxecto

4

a) Proxecto con ata 2 actividades

1

b) Proxecto, entre 3 e 5 actividades

2

c) Proxecto con máis de 5 actividades

4

6. Participación de compañías e artistas galegos/as

8

a) Entre o 20 % e 40 % do total das compañías e artistas programados/as

3

b) Entre o 41 % ao 60 % do total das compañías e artistas programados/as

6

c) Máis do 60 % do total de compañías e artistas programados/as

8

7. Porcentaxe da axuda solicitada con respecto ao proxecto presentado

8

a) Ata o 30 %

8

b) Máis do 30 % ata o 50 %

5

c) Máis do 50 % ata o 79 %

3

8. Público a que se dirixe

6

a) Comunidade escolar e/ou público xuvenil

2

b) Persoas con discapacidade

2

c) Terceira idade

2

9. Realización do proxecto. Valórase a vinculación do proxecto co patrimonio cultural e o patrimonio natural con declaración recoñecida

6

a) Execución do proxecto nun elemento do patrimonio inmoble (ou a súa contorna inmediata) con algunha das proteccións recoñecidas na Lei do patrimonio cultural de Galicia

2

b) Execución do proxecto nun espazo natural que conte con algunha das proteccións de reserva da biosfera, parque nacional, parque natural, monumento natural ou paisaxe protexida segundo a normativa sectorial de aplicación

2

c) Proxecto vinculado ao patrimonio inmaterial declarado en Galicia segundo a Lei do patrimonio cultural de Galicia

2

10. Carácter suprarrexional do proxecto. Valórase a realización do proxecto noutras CC.AA., ademais de en Galicia

4

a) Se o proxecto se realiza en 3 CC.AA., ademais de en Galicia

2

b) Se o proxecto se realiza en más de 3 CC.AA., ademais de en Galicia

4

11. Facilita, mediante a posta á disposición de medios de transporte gratuítos, a mobilidade e a participación no proxecto, ou a asistencia ás súas actividades, de persoas residentes noutras poboacións próximas

2

Si

2

Non

0

Criterios técnicos

40 puntos

a) Memoria técnica en que se describa a relevancia, o grao de innovación e a consistencia da proposta, para valorar o interese do proxecto, a súa calidade técnica, singularidade, o seu carácter innovador e o valor engadido que poida achegar ao ecosistema cultural do seu territorio

Ata 9

b) Proxecto innovador e transformador. Valorarase a capacidade do proxecto de xerar sinerxías entre diferentes axentes que favoreza alianzas transectoriais e con servizos públicos: desenvolvemento rural, sector primario, agroecoloxía, ambiente, transición ecolóxica, educación, saúde, reto demográfico, etc.

Ata 8

c) Viabilidade técnica e económica do proxecto que permita valorar a coherencia entre os medios e os obxectivos, marcado así como o peso no orzamentos doutras fontes de financiamento, sexan públicas ou privadas

Ata 7

d) Incorporación de ferramentas de medición e avaliación dos distintos impactos do proxecto: cultural, económico, social, demográfico, territorial, calidade de vida, sustentabilidade ambiental e outros.

Ata 6

e) Grao de adecuación do proxecto ás finalidades e aos obxectivos establecidos nestas bases

Ata 10

2. A puntuación mínima que acadarán os proxectos en ambas as categorías para ser subvencionables é de 50 puntos.

Artigo 17. Audiencia

1. Unha vez efectuada a valoración, a Comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución debidamente motivada e que deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidos polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 18. Resolución da convocatoria

1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución, que elevará á Presidencia do Consello Reitor, que indicará o número de solicitudes propostas para ser subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas coa distribución de anualidades que corresponda.

O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto das solicitudes.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Na resolución informaráselles por escrito ás persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 13.12.2023, serie L).

Artigo 19. Aceptación e renuncia da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicaranlle á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer electronicamente, axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daquelas outras específicas que se indican nesta convocatoria, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e gozo da subvención.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Efectuar o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

e) Subministrarlle á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control e inspección que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal efecto, a persoa beneficiaria deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan precisos para garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Comunicarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas.

Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia, dispoñible na ligazón web https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade, asi como o do Ministerio de Cultura na ligazón web https://www.cultura.gob.es/imagenes/logotipos.html

j) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo III).

2. Así mesmo, cando a Agadic o solicite, as persoas beneficiarias estarán obrigados a facilitarlle copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, portadas e outros materiais).

3. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 27destas bases.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, a Agadic ten a facultade de revisar e modificar a resolución de concesión.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os requisitos seguintes:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da entidade beneficiaria nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables da axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecte custos de persoal, que non se supere o límite do 10 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. A persoa beneficiaria ten o deber de solicitarlle á Administración a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado.

Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación, deberán ser previamente aceptadas pola Administración. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

5. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos no artigo 2 da presente resolución.

6. No que atinxe ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

7. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

8. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e noticaráselle ao/á interesado/a.

9. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado na subvención, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada sempre respectando as limitacións establecidas no artigo 35.5 do Decreto 11/2009.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. O prazo para a xustificación da subvención determínase como segue:

Para a anualidade 2025, o día 30 de novembro de 2025.

Para a anualidade 2026, desde o día 1 de decembro de 2025 ata o día 30 de setembro de 2026.

De non presentarse a xustificación no prazo establecido ante a Agadic, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

2. Só serán computados para os efectos de xustificación os gastos que foran efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinataria a persoa beneficiaria e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola persoa beneficiaria. As facturas e os documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberá presentarse copia das facturas ou documentos xustificativos, acompañados da copia da documentación acreditativa do seu pagamento, en concreto, os extractos e certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos pola persoa beneficiaria.

Así mesmo, presentará a xustificación sobre o método de imputación dos custos indirectos.

3. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumpra o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, no caso de habelas, e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A documentación xustificativa da subvención (anexo VI) incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria breve e avaliación das actividades realizadas.

b) Relación e copia de documentos e materiais realizados, así como dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) utilizados para a difusión e promoción do proxecto.

c) Plan económico-financeiro/orzamento (anexo IV).

d) Relación dos gastos realizados.

e) Copia de facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

f) Copia dos documentos xustificativos do seu pagamento pola entidade beneficiaria, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

g) Declaración de subvencións ou axudas percibidas (anexo V).

h) Os tres orzamentos que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, que establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren.

Artigo 23. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto (anexo VI. Documentación xustificativa).

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Será requisito necesario para o pagamento da subvención a achega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxectos das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos (anexo V).

4. Pagamentos anticipados.

A Agadic, conforme as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboarlles a aqueles que obtiveron a condición de persoa beneficiaria, en concepto de pagamento anticipado, ata o 50 % da subvención concedida nos supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e terá que ser solicitado cunha antelación mínima dun mes da data de xustificación da anualidade correspondente.

Para facer efectivo o pagamento, a persoa beneficiaria deberá enviar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos (anexo V) e unha memoria do estado de execución do proxecto.

5. Pagamentos á conta.

Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos, conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

6. Constitución de garantías.

As entidades beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo da autorización do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

7. O pagamento da subvención realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

8. Previamente ao pagamento, as entidades beneficiarias acreditarán que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

9. Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen obteña esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2.

10. Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, estas serán requiridas para que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Producirase a perda do dereito á cobranza da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda concedida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

6. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

7. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 25. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá o reintegro da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos do proxecto con respecto ao gasto previsto.

2. Deberase efectuar o reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, a inexactitude ou a omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 20 destas bases reguladoras.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou a concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 26. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de efectuar ou efectuado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son casos de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 2 %.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que efectúe a devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para efectuar o pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 27. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 28 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicaráselle á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración da perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro as persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sin prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 28. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, as comprobacións e as solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, proporase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Axencia Galega das Industrias Culturais ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro del, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf”

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 30. Normativa aplicable

1. Será de aplicación a normativa seguinte:

1.1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, Territorio Cultura, e de convocatoria para 2025, e adicionalmente:

1.2. A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e suplementariamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.3. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.4. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.5. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.6. Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 32. Recursos administrativos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpondo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file