BDNS (Identif.): 850611.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/850611
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de empresas que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no anexo VIII.
As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por tres empresas e como máximo por seis, e o tamaño da agrupación deberá ser o necesario para garantir unha xestión eficaz. Cada agrupación contará con, polo menos, dúas empresas independentes entre si. Así mesmo, na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 3.3 desta resolución.
Segundo. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da convocatoria Nexos. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos colaborativos empresariais de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades definidas no marco da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 (código de procedemento IN852A).
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2025 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN852A); as axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Importe
O importe total da convocatoria é de 28.000.000 €, coa seguinte distribución anual:
| Aplicación orzamentaria | 2025 (€) | 2026 (€) | 2027 (€) | 2028 (€) | Total (€) | 
| 07.A2.561A.770.0 (CP: 2023-00002) | 520.000 | 7.400.000 | 12.400.000 | 7.680.000 | 28.000.000 | 
As axudas desta convocatoria serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, obxectivo político OP1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e a comunicación; prioridade P1A: transición dixital e intelixente; obxectivo específico RSO 1.1: desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas; tipo de acción, 1.1.4: proxectos de I+D e de innovación aberta individuais e en cooperación entre empresas e entre empresas e organismos de investigación centrados no apoio a pemes.
Respecto aos tipos de intervención, neste tipo de acción prevese o seguinte, coa súa correspondente previsión da axuda Feder: 010. Actividades de investigación e innovación en pemes, incluída a creación de redes, e 011. Actividades de investigación e innovación en grandes empresas, incluída a creación de redes.
A taxa de cofinanciamento pola Unión Europea é do 60 %, computándose o 40 % restante como investimento privado ou público elixible das entidades beneficiarias.
As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada entidade beneficiaria, e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento UE núm. 651/2014 (RGEC), de acordo coa seguinte táboa:
| Categoría predominante do proxecto | Pequena empresa | Mediana empresa | Grande empresa | 
| Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas; como mínimo unha delas debe ser peme e ningunha empresa pode asumir por si soa máis do 70 % dos custos subvencionables | 60 % | 60 % | 60 % | 
| Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas; como mínimo unha delas debe ser peme e ningunha empresa pode asumir por si soa máis do 70 % dos custos subvencionables | 60 % | 50 % | 40 % | 
| Innovación organizativa ou en materia de procesos. No caso de grandes empresas, só cando colaboran de xeito efectivo cunha ou varias pemes, as cales deberán asumir como mínimo o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto. | 50 % | 50 % | 15 % | 
As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos ou outros recursos para a mesma finalidade ou os mesmos custos procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 22 de setembro, debendo cumprirse o prazo mínimo dun mes.
Sexto. Características dos proxectos
Os proxectos de I+D+i estarán en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia 2021-2027, de acordo coa definición que se realiza no anexo VIII desta convocatoria, e deberán enmarcarse nalgún dos seus ámbitos prioritarios detallados no dito anexo.
Así mesmo, os proxectos financiables poderán encadrarse nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos, tal e como se definen no anexo XI: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía, fabricación avanzada. Na solicitude deberá indicarse un único ámbito estratéxico no cal se encadre o proxecto e que se deberá xustificar na memoria técnica. No caso de que o proxecto presentado non se encadre en ningún destes ámbitos estratéxicos, clasificarase en «outros ámbitos».
Os proxectos de I+D+i subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación con pemes e ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e un máximo de 1.500.000 euros, dividido nas distintas actividades que vaia realizar cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por cada membro da agrupación de 75.000 euros.
Poderá incluírse unha grande empresa, cunha participación limitada a un máximo do 30 % do orzamento subvencionable total do proxecto.
Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os membros da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que todas as empresas participantes nun proxecto deberán ter na Comunidade un centro de traballo permanente legalmente constituído onde realicen as actividades descritas na memoria técnica do proxecto.
A duración máxima dos proxectos será de tres anos e deberán estar rematados o 30 de setembro do ano 2028.
Sétimo. Custos subvencionables
Terán a consideración de custos subvencionables exclusivamente aqueles custos que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto, con base na descrición presentada na memoria técnica. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
As categorías de gastos descritas nesta convocatoria son subvencionables conforme a Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
Todos os custos subvencionables estarán exclusivamente financiados a través da metodoloxía de opcións de custos simplificados, conforme o RDC. En concreto, as axudas desta convocatoria adoptarán a modalidade de custos unitarios conforme o disposto no artigo 53.1.b) do RDC e no artigo 13 da Orde HFP/1414/2023.
Para o cálculo dos custos subvencionables, o indicador empregado serán as horas de traballo efectivo realizado polo persoal que participa directamente nas tarefas técnicas do proxecto subvencionado. Aplicarase, así mesmo, un baremo estándar de custo unitario (en diante, BECU) de 28,4 € por hora de traballo efectivo, cun máximo de 1.720 horas efectivas para 12 meses, que se corresponden coa dedicación dun profesional a xornada completa. Os custos subvencionables establécense, polo tanto, como o produto das horas de traballo efectivo realizado polo persoal que participa directamente nas tarefas técnicas do proxecto polo importe do BECU.
4. As categorías de custos cubertos polos custos unitarios correspóndense cos seguintes custos subvencionables, de conformidade cos artigos 25.3 e 29 do Regulamento 651/2014:
a) Custos directos: son os que están directa e inequivocamente vinculados á actividade subvencionada e para os cales é posible demostrar a súa vinculación á devandita actividade.
1. Persoal.
2. Equipamento e material instrumental de nova adquisición.
3. Materiais, subministracións e produtos similares.
4. Adquisición de patentes.
5. Subcontratacións (inclúe servizos tecnolóxicos externos).
6. Outros custos que inclúen:
– O custo derivado do informe de avaliación do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).
– O custo derivado da contratación externa do plan de comunicación e difusión previsto no artigo 14.2 desta convocatoria.
b) Custos indirectos: son aqueles custos que non están vinculados ou non poden vincularse directamente á actividade subvencionada por teren carácter estrutural, pero son necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.
Non se considera subvencionable o imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional.
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación

