Ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, publícase como anexo a esta resolución o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de agosto de 2025, polo que se aproba o proxecto industrial estratéxico para a creación dunha industria de manipulación e envasado de peixe plano, no concello de Rianxo (A Coruña), promovido por Stolt Sea Farm, S.A
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025
Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de agosto de 2025, polo que
se aproba o proxecto industrial estratéxico para a creación dunha industria
de manipulación e envasado de peixe plano, no concello de Rianxo (A Coruña),
promovido por Stolt Sea Farm, S.A., ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial
Feitos:
1. Mediante o Acordo do 11.1.2025, o proxecto dunha industria de manipulación e envasado de peixe plano foi declarado polo Consello da Xunta de Galicia proxecto industrial estratéxico (PIE). A dita declaración ten os efectos establecidos no artigo 79.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
2. De conformidade co artigo 80.1 do citado Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, logo da declaración do proxecto industrial estratéxico, con data 12.1.2024 desde a Subdirección Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria requiríuselle ao promotor a presentación de toda a documentación exixida pola normativa aplicable, en virtude das exixencias legais derivadas da instalación e das infraestruturas proxectadas e, en particular, para efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Con datas 29.2.2024 e 5.3.2024 recibiuse a documentación do promotor.
3. De acordo co artigo 80.3 do citado texto refundido, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 59, do 22 de marzo de 2024), o Anuncio do 15 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se somete a información pública o proxecto dunha industria de manipulación e envasado de peixe, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 11 de xaneiro de 2024, que se implantará no concello de Rianxo (A Coruña).
O citado anuncio e toda a documentación técnica antes sinalada estivo dispoñible no Portal de transparencia da Consellería de Economía, Industria e Innovación, para a súa consulta pública, polo tempo legalmente establecido.
Certificado de información pública:
– Subdirección Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria: 19.5.2025.
Non se presentaron alegacións durante o trámite de información pública.
4. De acordo co artigo 80.4, simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano responsable da tramitación efectuou a petición de todos os informes ás administracións e órganos sectoriais afectados, exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial.
O 22.3.2024 foi solicitado informe ao Concello de Rianxo, que emitiu informe con data 13.12.2024.
O 19.3.2024 foi solicitado á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade informe sobre a tramitación ambiental do proxecto. O 9.4.2024, a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental remitiu os informes do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación e do Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, nos cales se conclúe que o proxecto está sometido a unha avaliación de impacto ambiental simplificada e que non require de autorización ambiental integrada.
O 10.4.2024, a Subdirección Xeral de Proxectos requiriulle ao promotor a presentación do documento ambiental, que foi presentada o 16.4.24.
5. O 19.4.2024, a Subdirección Xeral de Proxectos remitiu á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a solicitude de inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, xunto coa documentación asociada presentada polo promotor.
Logo de varios requirimentos relativos á documentación ambiental achegada, o 27.9.2024 o órgano ambiental notificoulle ao órgano substantivo o inicio do período das consultas que establece o artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Os organismos consultados, en relación co documento ambiental, foron os seguintes:
Dirección Xeral de Saúde Pública: informes do 6.11.2024 e o 18.12.2024.
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior: Informe do 10.10.2024.
Dirección Xeral de Patrimonio Natural: Informe do 21.11.2024.
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: Informe do 30.10.2024.
Subdirección Xeral de Cambio Climático e Ordenación do Litoral: Informe do 15.10.2024.
Instituto de Estudos do Territorio: Informe do 28.10.2024.
Augas de Galicia: Informe do 20.11.2024.
Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación: Informe do 4.10.2024.
Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular: Informe do 9.10.2024.
Concello de Rianxo: Informe remitido o 15.11.2024.
Asemade, consultáronse a Federación Ecoloxista de Galicia e a Sociedade Galega de Historia Natural, non constando resposta.
O documento ambiental estivo tamén dispoñible para o público en xeral na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Como resultado desa dispoñibilidade para a participación pública, non consta a recepción de ningún escrito ou alegación ao respecto.
6. Pola Resolución do 22.01.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou o informe de impacto ambiental do proxecto de planta de manipulación e envasado de peixe no parque empresarial de Rianxo (A Coruña), promovido por Stolt Sea Farm, concluíndo que non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto as avaliación de impacto ambiental ordinaria. O informe de impacto ambiental publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 24, do 5.2.2025.
7. Para continuar co procedemento previsto no artigo 80 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o 11.2.2025 requiríuselle ao promotor a presentación de documentación adicional. En resposta ao requirimento, o 6.5.2025 o promotor achegou a documentación definitiva para a aprobación.
Descrición do proxecto:
O obxecto do proxecto é a instalación e explotación dunha planta para o procesado, envasado e despacho para a venda da produción de peixe plano (linguado e rodaballo) procedente das granxas acuícolas de que a empresa promotora Stolt Sea Farm, S.A., dispón en Galicia e Portugal, para responder á demanda de novos formatos de comercialización e transformar a empresa dun produtor primario a unha empresa de alimentación integrada.
Terá unha capacidade media de ata 68,80 T/día (16.505 T/ano) nun horizonte de 10 anos, cunha capacidade intermedia para o ano 5 de 54,40 T/día (13.047 T/ano).
Nestas instalacións e coa finalidade de incrementar o valor engadido do peixe que se comercializará levaranse a cabo procesos de fileteado, procesado, recuperación e aproveitamento da carne das espiñas resultantes do fileteado, etc.
Localización xeográfica:
As instalacións proxectadas localízanse no parque empresarial de Rianxo, no termo municipal de Rianxo (A Coruña), sobre as parcelas (adquiridas pola empresa promotora) P-37, P-38, P-46 e P-47, lindeiras e que constituirán unha parcela agrupada, e a parcela P-45.
O proxecto prevé o seu desenvolvemento en dúas fases, sendo obxecto desta aprobación unicamente a primeira fase:
– Fase I: sobre a parcela agrupada executarase un complexo industrial destinado ao proceso produtivo de 21.240,87 m2 construídos, nos cales se inclúen unha zona de proceso de 11.973,97 m2 e un edificio auxiliar para servizos industriais de 550,98 m2. Conxuntamente, executarase a obra civil precisa para dar servizo ás instalacións. Na parcela P-45 situaranse a depuradora e a zona de aparcadoiro.
– Fase II: nas parcelas P-45 e a P-31 (propiedade da empresa dentro do mesmo polígono) prevese a construción de dúas naves para facer fronte ás necesidades de ampliación e almacenaxe da instalación industrial.
Respecto á fase I, ao longo da tramitación do proxecto, o promotor formulou modificacións técnicas de alcance limitado no proxecto motivadas, fundamentalmente, pola busca dunha maior eficiencia no proceso industrial e na loxística asociada a el. Unha vez examinadas pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, concluíuse que os ditos axustes non supoñían unha modificación relevante a nivel industrial, nin modificaban o informe de impacto ambiental emitido.
Cronograma: a empresa promotora prevé que o proxecto estará executado a finais do ano 2027.
Orzamento: o orzamento total do proxecto ascende a 44.816.488,17 €.
8. O 15.7.2025 remitiuse a solicitude de informe á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co previsto no artigo 80.5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial. Achéganse xunto coa solicitude a documentación do expediente, o informe de tramitación actualizado e o informe sobre as modificacións emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
O 22.7.25 remitiuse documentación adicional á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en particular:
• Informe da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial do 22.7.2025, como órgano competente en solo empresarial, no que se conclúe que non existe obxección á tramitación do proxecto.
• Análise de compatibilidade estratéxica definitivo, achegado pola empresa promotora o 22.7.2025
9. O 30.7.2025, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético resolveu aprobar o Plan de vixilancia e seguimento ambiental presentado pola empresa o 21.07.2025, tras a conformidade manifestada polo Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético o 22.7.2025.
10. O 29.7.2025, asinouse o certificado do acordo adoptado polo Pleno da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 29.7.2025, no que se acordou emitir informe favorable sobre o proxecto industrial estratéxico (PIE) Stolt Sea Farm, S.A.
Consideracións legais e técnicas:
1. Réxime xurídico aplicable.
O réxime xurídico aplicable ao suposto de referencia vén constituído polo capítulo III do título III do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial (DOG núm. 128, do 9 de xullo).
O procedemento de aprobación dos proxectos estratéxicos está regulado no artigo 80 da dita norma, no que se establece:
«1. Logo da declaración polo Consello da Xunta do proxecto industrial estratéxico, a consellería competente por razón da materia requirirá á empresa interesada a presentación de toda a documentación exixida pola normativa aplicable, en virtude das exixencias legais derivadas da instalación e das infraestruturas proxectadas e, en particular, para efectos do previsto no artigo 27 da Lei 9/2021, do 8 de xaneiro:
a) No caso de existiren modificacións sobre o proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial tido en conta para a declaración, presentarase o proxecto que as inclúa. Estas modificacións non serán substanciais, no sentido de que non poderán afectar as razóns que determinaron a súa declaración como proxecto industrial estratéxico.
b) A documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa reguladora dos actos de control integrados no procedemento, se é o caso.
c) A memoria descritiva detallada das características técnicas das infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto.
d) As medidas necesarias e suficientes para garantir a adecuada conexión do ámbito cos sistemas xerais exteriores existentes e, de ser o caso, a ampliación ou o reforzo dos devanditos sistemas, resolvendo os enlaces coas estradas ou vías actuais e coas redes de servizos de abastecemento de auga e saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións, gas e outros.
e) De resultar preciso, o documento ambiental necesario para a avaliación ambiental do proxecto, segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma básica estatal que a substitúa.
f) A relación detallada dos bens e dereitos afectados, describíndoos na forma que determina o artigo 17 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, no caso de se solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, en concreto, da instalación.
3. O órgano responsable da tramitación, recibida a documentación completa exixida no punto 2, someterá a información pública polo prazo de trinta días hábiles o proxecto de execución e, asemade, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no Portal de transparencia e goberno aberto.
No caso de se solicitar a declaración de utilidade pública ou interese social, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.
4. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano responsable da tramitación efectuará a petición de todos os informes ás administracións e aos órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial como dos exixidos para os efectos da tramitación ambiental.
En particular, no caso de que sexa preceptivo, de acordo co establecido na normativa de prevención e control integrados da contaminación, o informe urbanístico do concello ou concellos afectados, este informe terá en conta a declaración de prevalencia sobre o planeamento urbanístico vixente establecida na letra c) do artigo 79.4.
Cando o proxecto afecte terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, exixirase o informe favorable do organismo que teña a competencia sectorial por razón do valor obxecto de protección.
5. A persoa titular da consellería competente por razón da materia, logo do informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, elevará o expediente ao Consello da Xunta, que decidirá se procede a aprobación do proxecto industrial estratéxico».
2. Motivación da proposta presentada.
Consta neste expediente toda a documentación exixida polo artigo 80.1 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, remitida pola entidade promotora Stolt Sea Farm, S.A., para a aprobación dun proxecto industrial estratéxico.
Pola Resolución do 22.1.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou o informe de impacto ambiental do proxecto dunha planta de manipulación e envasado de peixe, promovido por Stolt Sea Farm, concluíndo que non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente (DOG núm. 24, do 5 de febreiro).
A continuación recóllese a información exixida no artigo 47 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do informe de impacto ambiental (IIA) das instalacións do proxecto Stolt Sea Farm, S.A., formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2025:
a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular o informe de impacto ambiental do proxecto dunha planta de manipulación e envasado de peixe no parque empresarial de Rianxo (A Coruña), promovida por Stolt Sea Farm, S.A. , concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no informe de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo da resolución, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto na IIA.».
b) No número 4 do IIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas na documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
4. Condicións ambientais.
4.1. Condicións da atmosfera, poboación e saúde.
4.2. Protección das augas.
4.3. Protección do solo e infraestructuras.
4.4. Residuos.
4.5. Patrimonio natural.
4.6. Patrimonio cultural.
4.7. Integración paisaxística.
4.8. Protección fronte a accidentes graves ou catástrofes.
4.9. Medidas de eficiencia enerxética.
4.10. Outras condicións.
Consta neste expediente o informe favorable da Subdirección Xeral de Proxectos, en que se indica que se cumpriu co procedemento legalmente establecido nos números 1 ao 4 do artigo 80 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
Consta neste expediente o certificado do acordo adoptado polo Pleno da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 29.7.2025, en que se acordou emitir informe favorable sobre proxecto industrial estratéxico promovido por Stolt Sea Farm, S.A., de acordo co previsto no artigo 80.5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
Á vista do anterior, conclúese que a tramitación do expediente como proxecto industrial estratéxico realizouse conforme o establecido nos artigos 78, 79 e 80 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
De acordo con todo o sinalado anteriormente, proponse a adopción do seguinte acordo por parte do Consello da Xunta de Galicia:
1. Aprobar, ao abeiro do establecido no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, o proxecto industrial estratéxico dunha planta de manipulación e envasado de peixe promovido por Stolt Sea Farm, S.A., no concello de Rianxo (A Coruña).
2. A aprobación do proxecto industrial estratéxico terá os efectos regulados no artigo 81 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
De conformidade co previsto nos artigos 79.4.c) e 81.2 do texto refundido, as determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 79.4.d), os proxectos declarados estratéxicos non están suxeitos aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal.
Esta aprobación axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. De acordo co establecido no artigo 88 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico, e ata a súa posta en marcha, a persoa promotora do proxecto deberá remitir con carácter semestral á consellería competente en materia de industria un informe do estado do proxecto, no cal deberá indicar o estado de execución das obras ou actuacións necesarias para a dita posta en marcha, así como a previsión da súa finalización. Este informe deberá ser remitido igualmente, de forma extraordinaria, para o caso de que durante as actuacións xurdiren incidencias salientables que fagan variar de modo significativo a data prevista das obras e actuacións e, polo tanto, a de inicio da actividade industrial obxecto do proxecto industrial estratéxico.
2. A promotora deberá cumprir a todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do proxecto, do 22.1.2025, na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental, aprobado pola Resolución da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético do 30.7.2025.
3. O prazo de execución será o indicado no proxecto aprobado e comezará a contar desde o momento en que se dispoña de todos os permisos necesarios para iniciar a execución, sen prexuízo do establecido na lexislación ambiental para a caducidade do informe de impacto ambiental.
4. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
5. De acordo co establecido no artigo 87 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellería competente en materia de industria dará traslado do seu contido ao concello afectado, para o exercicio das competencias que procedan.
6. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
