Expediente: IN407A 2024/303-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Adecuación LMTA CRN703A. Soterramento do tramo CRN703A e CRN710 entre o apoio AQLND9GO//D6 e os CCTT 15CP16 e 15CHVX (Narón).
Concello: Narón.
Feitos:
1. O día 3.10.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. O proxecto ten a súa orixe na situación perigosa dun apoio da liña existente, orixinada por movementos de terras.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Adecuación LMTA CRN703A. Soterramento do tramo CRN703A e CRN710 entre o apoio AQLND9GO//D6 e os CCTT 15CP16 e 15CHVX (Narón), asinado o día 19.9.2024 por Rubén Fervenza Nicolás, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñaría Eléctrica, nº de colexiado 4.684 de Vigo (COITIVigo). Así mesmo, presentan emenda ao requirimento formulado por este departamento territorial, asinada polo mesmo enxeñeiro o 18.6.2025.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas e Concello de Narón. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 24.7.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no concello de Narón e as súas características técnicas son as seguintes:
Actuacións nas liñas 15 kV CRN703A (Freixeiro 3) e CRN710 (Asilo 10):
– Instalación dun novo apoio de celosía de tipo C-7000-18 na liña de media tensión (LMT) 15 kV DC (CRN703A e CRN710), no cal se instalará un reconectador telecontrolado e dous pasos de aéreo a soterrado (PAS).
– Desmantelamento dun tramo aéreo da DC (CRN703A e CRN710) entre o novo apoio proxectado e o apoio 6 para desmantelar. Desmantelamento dun tramo aéreo CRN710 entre o apoio 6 e o apoio ARkAYT9J para desmantelar. Desmantelamento dun tramo aéreo da CRN703A entre o apoio 6 e o apoio 10 para desmantelar. Desmantelamento dun tramo soterrado da CRN703A entre o PASS do apoio 10 e o CS Gadis Freixeiro (15CHVX).
Novos tramos de soterrados da CRN703A:
– Tramo de 90 metros, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240), entre o apoio proxectado e empalmes para realizar en liña actualmente fóra de servizo.
– Tramo de 224 metros, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240), entre o apoio proxectado e o CS Asilo (15CP16).
– Novo tramo soterrado de 613 metros, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240), entre o CS Gadis Freixeiro (15CHVX) e os empalmes para realizar en liña actualmente fóra de servizo.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 24 de xullo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
