DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 20 de agosto de 2025 Páx. 45279

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 6 de agosto de 2025 pola que se actualiza o modelo de papeleta de conciliación para presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR812A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

Como normativa estatal básica, o Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, polo que o Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación asume parte das funcións que ten encomendadas, establecía, na súa sección IV, o procedemento para levar a cabo a conciliación obigatoria en caso de conflito individual, previo para a tramitación de calquera procedemento laboral.

No artigo sexto do referido Real decreto 2756/1979 establecíase, así mesmo, que a referida conciliación se promovería mediante papeleta e se fixaba o contido mínimo desta.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a dita conciliación desenvólvese a través das seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) dos servizos de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social dos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A Orde do 17 de outubro de 2013 pola que se dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación para presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia ofreceu a posibilidade de presentar a solicitude de conciliación previa á vía xudicial a través de medios telemáticos, dando así cumprimento ao establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso da cidadanía aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

A disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece que os modelos normalizados aplicables na tramitación de procedementos, para a súa utilización en papel ou en formato electrónico, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e atribúe a esta consellería a competencia nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, correspóndelle, entre outras, a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de relacións laborais e saúde laboral.

Cabe mencionar que esta orde se axusta aos principios de boa regulación contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, xa que persegue o interese xeral ao facilitar a tramitación dos procedementos e a súa celeridade.

O proxecto de orde foi consultado ao Consello Galego de Relacións Laborais e obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas, de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto actualizar o modelo da papeleta de conciliación para presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de celebrar o acto de conciliación previo á tramitación de calquera procedemento laboral sobre un conflito individual (código de procedemento TR812A).

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. A papeleta de conciliación presentarase preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O devandito anexo I de solicitude de conciliación previa fará as veces de papeleta de conciliación.

Naqueles casos en que haxa varios demandantes cubrirase tamén o anexo II.

Naqueles casos en que haxa varios demandados cubrirase tamén o anexo III.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores, así como para aquelas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actividade profesional.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas obrigadas a presentar a solicitude electronicamente a presenta presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (http://sede.xunta.gal/chave365)

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Documento acreditativo da representación, no caso de que a persoa solicitante actúe por medio de representante.

– Anexo II, naqueles casos en que haxa varios demandantes.

– Anexo III, naqueles casos en que haxa varios demandados.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa demandante.

– NIF da entidade demandante

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar no formulario, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 17 de outubro de 2013 pola que se dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación para presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file