No Diario Oficial de Galicia número 46, do 7 de marzo de 2025, publicouse a Orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, do 25 de febreiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia no ano 2025 (código de procedemento CT215D).
De conformidade co artigo 19.1 da dita orde, o órgano competente para resolver é a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e por proposta do órgano instrutor, segundo o previsto no artigo 18.
Así mesmo, a resolución seralles notificada ás persoas interesadas de acordo co artigo 19.2, e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións do procedemento, por ser de concorrencia competitiva, deben ser obxecto de publicación, que producirá os efectos de notificación.
Polo exposto, tras a presentación das solicitudes, unha vez finalizada a instrución e a fiscalización, e ditada o día 7 de agosto a resolución que pon fin ao procedemento,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do contido íntegro da Resolución do 7 de agosto de 2025 de concesión das axudas convocadas ao abeiro da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D), que se xunta como anexo desta resolución.
Segundo. Comunicar que a Resolución do 7 de agosto de 2025, que pon fin a este procedemento, esgota a vía administrativa e que contra ela se poderá interpor potestativamente un recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025
Anxo M. Lorenzo Suárez
Director xeral de Cultura
ANEXO
Resolución de concesión das subvencións para a participación
de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia
Vista a proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, órgano instrutor, da concesión das axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D), e de acordo cos seguintes
Antecedentes de feito:
1. O 7 de marzo de 2025 publicouse no DOG núm. 46, a Orde do 25 de febreiro de 2025 que estableceu as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e procedeu á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D).
2. A finalidade da dita orde é subvencionar as estadías para que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.
3. Unha vez que o órgano instrutor comprobou que as solicitudes se axustaron aos requisitos establecidos nas bases reguladoras, foron avaliadas pola Comisión de Valoración, tendo en conta os criterios de adxudicación, para finalmente proceder á repartición económica do orzamento previsto, de acordo coa seguinte fundamentación xurídica.
Fundamentos xurídicos:
1. O artigo 5 da orde de convocatoria recolle os seguintes requisitos para poder ser beneficiarios:
-Persoas físicas sinaladas no artigo 1 (profesionais da creación literaria galega) que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro, que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
-Ademais, deben cumprir os requisitos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o resto de requisitos establecidos na orde de convocatoria.
2. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos na Orde do 25 de febreiro valoraranse de acordo cos seguintes criterios establecidos no artigo 17:
• Perfil da persoa creadora candidata, así como carta de motivación: máximo de 30 puntos.
• Perfil da entidade ou institución para a cal se solicita a estadía: máximo de 20 puntos.
• Proposta de proxecto creativo que se vai desenvolver durante a súa residencia: máximo de 25 puntos.
• Alcance do programa respecto ás prestacións técnicas, aspectos formativos e práctica creativa e/ou de investigación: máximo de 10 puntos.
• Coherencia formal e eficiencia económica da solicitude presentada: máximo de 10 puntos.
• Compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dalgunha editora legalmente constituída: máximo de 5 puntos.
3. O artigo 16 da Orde do 25 de febreiro establece o procedemento para a concesión das subvencións en réxime de concorrencia competitiva en concordancia co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do dito procedemento e a formulación da proposta de resolución, despois de que as solicitudes sexan valoradas pola Comisión de Avaliación.
4. Valoradas as solicitudes, procédese á repartición do orzamento, que é de 20.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta os artigos 6 e 7 da orde de convocatoria.
Así, a contía da axuda determinarase sobre os límites máximos de gastos subvencionables previstos no artigo 6 (gastos de viaxe, transportes internos, aloxamento e manutención, subscrición dunha póliza de seguro de viaxe e de seguro médico). Ademais, cómpre ter en conta o disposto no artigo 7, asegurando que o importe final adxudicado a cada persoa beneficiaria sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria, co límite máximo de 5.000 € por persoa e estadía.
5. Realizada a repartición do orzamento, o artigo 19 e a disposición derradeira primeira da orde de convocatoria establecen que o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Polo exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Aceptar a proposta de resolución do órgano instrutor e concederlles, aos profesionais da creación literaria galega e aos seus proxectos que se relacionan no anexo I, os importes das axudas correspondentes a cada un, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.3.
Segundo. A efectividade desta resolución está condicionada a que as persoas creadoras a acepten.
Terceiro. Non lles conceder as axudas solicitadas aos profesionais da creación literaria galega que non cumpren os requisitos establecidos nos artigos da orde de convocatoria e que figuran no anexo II.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor o recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben impugnarse directamente a través do recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza o rexeitamento presunto do recurso de reposición.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, P.D. (Orde do 25.2.2025; DOG núm. 46, do 7.3.2025), Anxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura
ANEXO I
Subvencións para a participación de profesionais da creación literaria
galega en residencias literarias fóra de Galicia
Código de procedemento CT215D.
Persoas beneficiarias:
|
Proxecto |
Proposta de concesión |
||||
|
Beneficiario/a |
Proxecto |
Total puntos |
Residencia literaria/datas |
Importe solicitado |
Concesión (80% do solicitado) |
|
Ramón Caride Ogando |
Os amores imprevistos |
79 |
Residencia Literaria Xixón (Asturias), nas datas especificadas na solicitude |
2.615,00 € |
2.092,00 € |
|
Raquel Senra Fernández |
Illas Corpo |
76 |
Stokkøya Strandhotell Strandbaren, nas datas especificadas na solicitude |
2.569,59 € |
2.055,67 € |
|
Nerea Pallares Vilar |
Augas sonoras |
69 |
Residencia literaria Fundación Valparaíso, Mojácar (Almería), nas datas especificadas na solicitude |
2.100,00 € |
1.680,00 € |
|
José Luis Baños de Cos |
Teño que deixarte cada día |
65 |
Residencia artística San Juan Juquilla Vijanos. Villa Alta, Oaxaca (México), Instituto Estatal de Educación Pública de Oaxaca, nas datas especificadas na solicitude |
2.807,00 € |
2.245,60 € |
|
Mirian Couceiro Castro |
As cartas da Matrioska baleira |
51 |
Residencia Literaria Xixón (Asturias), nas datas especificadas na solicitude |
1.995,00 € |
1.596,00 € |
|
Ana Belén Gutiérrez Puente |
Dentro do silencio |
42 |
Residencia Abierta de Creación Artística (Traductores del Viento), Madrid |
980,00 € |
784,00 € |
Adxudícase o 80 % do importe solicitado segundo o artigo 7 da Orde do 25 de febrero de 2025.
ANEXO II
Subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega
en residencias literarias fóra de Galicia
Código de procedemento CT215D.
Persoas excluídas:
|
Solicitante |
Proxecto |
Motivos de exclusión |
|
Marta Seoane |
Excluída por incumprimento do artigo 1, artigo 8.1 e artigo 8.2 da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D) (DOG núm. 46, do 7 de marzo). |
|
|
Estíbaliz Espinosa Río |
- |
Excluída por desistencia da solicitude ao abeiro do artigo 14 da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D) (DOG núm. 46, do 7 de marzo). |
|
Edmundo Molinero Alonso |
Afterpunk |
Excluído por incumprimento do artigo 1 e artigo 8.1 da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D) (DOG núm. 46, do 7 de marzo). |
