Durante o verán de 2025 unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en zonas das provincias de Lugo e Ourense, que afectou, entre outros bens, vivendas. Para facerlles fronte, publícase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.
No artigo 7 do citado decreto indícase que serán obxecto de axuda os danos causados polos incendios nas vivendas, nas súas instalacións complementarias e no enxoval doméstico. As contías das axudas variarán, segundo a vivenda resultase en situación de ruína ou sexa susceptible de rehabilitación ou reparación, así como en función de se a citada vivenda teña ou non a condición de residencia permanente e habitual das persoas moradoras.
As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.
Para o caso de que os danos ocasionados determinasen a ruína da vivenda, as axudas poderán destinarse tanto á súa reconstrución como á adquisición dunha nova vivenda, para poder satisfacer de xeito inmediato a necesidade de vivenda das persoas afectadas.
Tendo en conta a natureza destas axudas, que se conceden por razón da existencia dunha emerxencia excepcional e por razóns de interese público, social e humanitario, exímense as persoas beneficiarias, de conformidade co artigo 3.3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria, con carácter plurianual, da concesión das axudas destinadas a reparar os danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico derivados dos citados incendios. As axudas destinadas a atender aos gastos de transportes de persoas que, como consecuencia dos incendios, teñan que abandonar as súas vivendas serán atendidas mediante a formalización dos correspondentes convenios ou acordos con outras administracións públicas ou con organizacións especializadas en auxilio en situación de sinistro ou calamidade pública.
Esta resolución suxéitase ao disposto no Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
I. Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a reparar os danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico como consecuencia dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025. Para o caso de que os danos ocasionados determinasen a ruína da vivenda, a axuda poderá destinarse tanto á súa reconstrución como á adquisición dunha nova vivenda (código de procedemento VI100B).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas con carácter plurianual.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.
Segundo. Natureza das axudas
1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.
2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta resolución concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe deste establecidas nesta resolución.
Terceiro. Recursos contra esta resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigo s 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Cuarto. Remisión normativa
En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.
Quinto. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.
Sexto. Efectos
Esta resolución producirá efectos a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no DOG.
II. Bases reguladoras
Sétimo. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto a vivenda como o seu enxoval doméstico.
2. De conformidade co disposto no artigo 3.3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, as persoas beneficiarias están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Oitavo. Actuacións subvencionables e contías das axudas
As actuacións subvencionables e as correspondentes contías son as seguintes:
1. Serán obxecto de axuda os danos causados polos incendios na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas:
– Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe do 100 % do valor de reposición, sen que en ningún caso o importe da axuda poida superar a contía de 132.000 euros.
– Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe de dita axuda poida superar a contía de 132.000 euros.
2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas residenciais que non sexan permanentes e habituais e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas:
– Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe correspondente ao seu valor catastral, sen que en ningún caso o importe da axuda poida superar a contía de 66.000 euros, excepto naqueles casos en que se pretenda a rehabilitación do inmoble, en cuxo caso se observará o previsto no parágrafo seguinte.
– Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar a contía de 66.000 euros.
Quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estivesen en abandono manifesto con carácter previo aos incendios.
3. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade das vivendas danadas cando non estean incluídos nas axudas que, para o mesmo efecto, poidan aprobar outras administracións:
– No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores, o importe da axuda será o 100 % dos gastos de reposición, cun límite de 16.200 €.
– No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que non sexan permanentes e habituais, o importe da axuda será o 50 % dos gastos de reposición, cun límite de 5.400 €.
– Nos demais supostos, o importe da axuda será de ata o 100 % dos gastos, co límite de 7.600 €, ou do 50 % dos gastos de reparación ou reposición do enxoval, co límite de 3.300 €, en función de que o enxoval sexa da vivenda habitual e permanente ou da vivenda ocasional, respectivamente.
Soamente se concederá unha axuda para o enxoval doméstico por cada vivenda danada.
4. Para os efectos desta resolución:
– Entenderanse incluídas dentro da vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar, tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións etc., sempre e cando estean situados no mesmo predio da vivenda. No mesmo sentido, entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio en que está a vivenda.
– Entenderanse por vivendas ruinosas aquelas que se atopen nos supostos establecidos no artigo 141.2 na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
– Na determinación do custo total das obras poderanse incluír as actuacións preparatorias que se teñan realizado antes da data da presentación da solicitude da axuda, o custo da redacción dos proxectos, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios e os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. O custo total das obras incluirá os gastos derivados de impostos, taxas e demais tributos.
5. Quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estivesen en manifesto abandono con carácter previo aos incendios, así como as vivendas que tivesen orde administrativa ou xudicial de demolición.
Noveno. Solicitudes
1. As solicitudes realizaranse mediante o formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, que deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto dos danos. Unicamente poderá presentarse unha solicitude por vivenda (código de procedemento VI100B).
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No formulario de solicitude deberanse realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración de non ter solicitado ou obtido outras axudas, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma finalidade, vivenda e/ou enxoval. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, ingreso e/ou recurso, deberá indicarse cales son e o seu importe.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.
c) Declaración responsable da persoa solicitante de que é propietaria ou usufrutuaria da vivenda danada e, de ser o caso, do enxoval doméstico para a que se solicita a axuda.
d) Declaración de que a vivenda danada non estaba en manifesto abandono con carácter previo ao incendio.
e) No caso de non ter asegurada a vivenda e/ou o enxoval doméstico danados, declaración responsable de que os danos na vivenda non estaban asegurados.
f) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.
Décimo. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a persoa solicitante non conste como titular catastral.
c) No suposto de que a vivenda danada sexa a residencia habitual e permanente, certificado municipal de residencia ou calquera outro documento que acredite esta condición, para o caso de non estar empadroado/a na vivenda ou non poder comprobar o certificado de empadroamento.
d) No suposto de que a vivenda danada non sexa a residencia habitual e permanente, acreditación por calquera medio do seu uso ocasional.
e) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas copropietarias ou usufrutuarias, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
f) Memoria emitida por persoa técnica competente de conformidade co disposto na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, en que se valore a reposición dos danos acaecidos na vivenda danada, nas instalacións complementarias e no seu enxoval doméstico. Nos casos de rehabilitación ou reparación da vivenda danada, esta memoria conterá o correspondente cronograma da actuación, coa previsión das súas anualidades de execución.
g) Memoria emitida por persoa técnica competente de conformidade co disposto na Lei 38/1999, do 5 de novembro, ou informe municipal de que a vivenda está en situación de ruína como consecuencia do incendio, por concorrer algún dos supostos previstos no artigo 141.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
h) Copia da póliza de seguro da vivenda e/ou o enxoval doméstico danados, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
Décimo primeiro. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo segundo. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de Identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias.
b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
c) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade representante, de ser o caso.
d) Certificado de empadroamento na vivenda danada da/das persoa/s solicitante/s, de ser o caso.
e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a/s persoa/s solicitante/s teñen en propiedade e/ou en usufruto a vivenda.
f) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda, para os efectos do pagamento da axuda.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo cuarto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento
1. A instrución do procedemento é competencia das áreas provinciais do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto do contrato.
2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.
Décimo quinto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda
1. O procedemento de concesión iníciase de oficio mediante a publicación no DOG desta resolución.
2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido nesta resolución.
3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, terase por desistido da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Unha vez recibidas as solicitudes, o órgano instrutor remitirá ao consorcio de compensación de seguros unha relación das persoas que solicitaron a subvención, facendo constar o nome, apelidos e DNI, para os efectos de coñecer as posibles indemnizacións que as persoas interesadas puidesen recibir neste concepto.
5. O órgano instrutor poderá solicitar os informes que xulgue pertinentes e, en especial, os informes relativos á ruína das vivendas danadas. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que en dereito proceda.
Décimo sexto. Resolución e recursos
1. A resolución estimará, desestimará ou inadmitirá a axuda solicitada. Na resolución estimatoria indicarase a persoa beneficiaria, o concepto (ruína, rehabilitación ou reparación e/ou indemnización do enxoval doméstico), o importe da axuda concedida e, de ser o caso, a súa distribución de anualidades e o prazo concedido para reparar os danos na vivenda e nas súas instalacións complementarias.
2. O prazo para resolver e notificar a resolución será dun mes, contado desde a data de presentación de solicitudes. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
3. As resolucións ditaranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada das solicitudes. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que conste como validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.
4. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo para a interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Décimo sétimo. Modificación da resolución
As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar de inmediato, mesmo durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar tal recoñecemento ou que puidese determinar a perda sobrevinda do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio, de ser o caso, dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen cobrarse indebidamente.
A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días desde o momento en que se produza a dita modificación.
Décimo oitavo. Causas de denegación
1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.
2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.
Décimo noveno. Inicio e prazo de execución das obras
1. As actuacións de rehabilitación poderán estar iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude ou da resolución de concesión, sempre que se conserven fotografías e calquera outro documento que acredite o estado en que quedase a vivenda, as instalacións complementarias ou o enxoval por causa dos incendios.
2. No suposto de actuacións de rehabilitación na vivenda danada e/ou nas súas instalacións complementarias, o prazo para a execución das obras non poderá ser superior a vinte e catro meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda.
Vixésimo. Xustificación da subvención
1. As axudas concedidas para o caso de ruína da vivenda entenderanse concedidas en atención á situación, produto da circunstancia de emerxencia excepcional, na cal se encontra a persoa beneficiaria. Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade ou usufruto do inmoble previamente á concesión, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.
2. Nos supostos de axudas concedidas para o caso de actuacións de rehabilitación ou reparación, logo da concesión da subvención e realizado o gasto, a persoa beneficiaria deberá achegar, dentro do prazo concedido na resolución de concesión, o anexo III acompañado da seguinte documentación xustificativa do gasto realizado:
A. Para o caso de xustificación parcial da subvención:
a) Anexo IV, de memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar e que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa solicitante. Nesta memoria explicaranse as obras e os gastos realizados.
b) Fotografías que amosen as obras realizadas.
c) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación sexa igual ou supere a contía de 40.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) No suposto de que a entidade das obras así o requira, proxecto técnico e licenza de obras ou, de ser o caso, autorización municipal correspondente.
B. Para a comunicación final das obras presentarase o anexo III e a documentación prevista nos puntos anteriores, salvo que xa fose achegada con anterioridade, xunto cos seguintes documentos:
a) Certificado de finalización da obra ou memoria dos danos reparados, de ser o caso.
b) Relación detallada doutros ingresos que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.
3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 15 de decembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión.
4. Os prezos das partidas de obras deberán axustarse aos prezos medios de mercado, debendo ser acreditada expresamente esta circunstancia pola persoa redactora do proxecto ou da memoria, segundo corresponda.
5. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.
6. No caso de que non se presentase a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin se procedese a un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Vixésimo primeiro. Pagamento das subvencións
A persoa titular da Área Provincial do IGVS, á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
O aboamento da subvención realizarase nun único pagamento no caso das vivendas en situación de ruína.
No caso de actuacións de rehabilitación na vivenda, o aboamento realizarase en función das anualidades contidas na resolución de concesión, sen prexuízo dos pagamentos á conta e anticipados previstos nesta resolución. Estes pagamentos realizaranse mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria indicada na solicitude.
Vixésimo segundo. Pagamentos anticipados e á conta
De conformidade cos artigo s 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 3.4 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, poderán realizarse anticipos ou pagamentos á conta, ata o 100 %, os cales estarán exentos da obriga de constituír garantías.
Vixésimo terceiro. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias, ademais das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes:
1. Destinar as axudas percibidas ao obxecto concreto para o cal foron concedidas e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Comunicar ao IGVS a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse de forma inmediata ao seu coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
3. Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.
4. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigo s 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o IGVS, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
6. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.
7. Ceder ao IGVS todas as accións de que dispoña a persoa beneficiaria para a reclamación das cantidades achegadas polo IGVS ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito da persoa beneficiaria a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan a indicada axuda.
8. As demais obrigas que derivan desta resolución.
Vixésimo cuarto. Perda e reintegro da subvención
1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro das subvencións, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento da actuación nos termos establecidos nesta resolución.
c) Incumprimento, de ser o caso, da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, así como o incumprimento de calquera outra que resulte da normativa aplicable.
2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento, calculados aplicando o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Vixésimo quinto. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo sexto. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Vixésimo sétimo. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Vixésimo oitavo. Datos de carácter persoal
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
III. Convocatoria
Vixésimo noveno. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
2. O prazo rematará o día 28 de novembro de 2025. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Trixésimo. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.25, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, 2026 e 2027.
2. De conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe a posibilidade de ampliación do crédito por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
3. A determinación do importe total das axudas se efectuará unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao carácter extraordinario das mesmas e a súa natureza de concesión directa e non competitiva.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
