BDNS (Identif.): 853853.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/853853
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto a vivenda como o seu enxoval doméstico.
2. De conformidade co disposto no artigo 3.3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, as persoas beneficiarias das axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a reparar os danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico como consecuencia dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025. Para o caso de que os danos ocasionados determinasen a ruína da vivenda, a axuda poderá destinarse tanto á súa reconstrución como á adquisición dunha nova vivenda (código de procedemento VI100B).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas con carácter plurianual.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución outorgarase de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.
Terceiro. Bases reguladoras
As bases reguladoras destas axudas están recollidas coa resolución de convocatoria.
Cuarto. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.25, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025, 2026 e 2027.
2. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao seu carácter extraordinario e á súa natureza de concesión directa e non competitiva.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
2. O prazo rematará o día 28 de novembro de 2025. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
