DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Sábado, 30 de agosto de 2025 Páx. 47512

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís derivados dos incendios forestais que afectaron Galicia durante o verán de 2025, e se efectúa a súa convocatoria (código de procedemento IG100A).

Durante o verán de 2025, unha vaga de incendios forestais ocasionou graves danos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ao afectar a diversos bens de titularidade pública e privada, incluidos determinados establecementos nos cales se desenvolve algunha actividade económica.

Para facer fronte a esta situación, aprobouse o Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

No citado decreto indícase que, logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias, do 25 de agosto de 2025, declarouse como de emerxencia de natureza excepcional a situación producida polo episodio dos incendios que asolaron o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o verán de 2025.

No decreto establécese que serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos danos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

Tamén se dispón que non serán subvencionables as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, agás aquelas instalacións de xeración de enerxía eléctrica incluídas no propio establecemento.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nas presentes bases reguladoras.

O citado decreto faculta os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para ditar os actos e as medidas necesarios para a súa aplicación.

A Consellería de Economía e Industria, segundo o disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, ten encomendada a promoción e a dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao tecido empresarial galego.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión de 29 de agosto de 2025, tomou razón das bases reguladoras das axudas do Igape para sufragar os gastos de reparación sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025.

As bases obxecto de aprobación ampáranse no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, en particular, na sección 8 relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025, e efectuar a súa convocatoria.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.770.25 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

De conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe a posibilidade de ampliación de crédito por Resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo de declaración da súa dispoñibilidade.

A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao carácter extraordinario das mesmas e a súa natureza de concesión directa e non competitiva.

Cuarto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases reguladoras anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

María Jesús Lorenzana Somoza
Presidenta do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios forestais que afectaron Galicia no verán de 2025

Durante o verán de 2025, unha vaga de incendios forestais ocasionou graves danos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en diversos bens de titularidade pública e privada, incluidos determinados establecementos nos cales se desenvolve algunha actividade económica.

Para facer fronte a esta situación, publicouse o Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

No citado decreto indícase que, logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias do 25 de agosto de 2025, se declarou como de emerxencia de natureza excepcional a situación producida polo episodio dos incendios que asolaron o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o verán de 2025.

No decreto establécese que serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos danos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

Tamén se dispón que non serán subvencionables as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, agás aquelas instalacións de xeración de enerxía eléctrica incluídas no propio establecemento.

A Consellería de Economía e Industria, segundo o disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, ten encomendada a promoción e a dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao tecido empresarial galego.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nas presentes bases reguladoras.

O citado decreto faculta os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para ditar os actos e as medidas necesarios para a súa aplicación.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión de 29 de agosto de 2025, tomou razón das bases reguladoras das axudas do Igape para sufragar os gastos de reparación sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025.

As bases obxecto de aprobación ampáranse no Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, en particular, na sección 8 relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nestas bases reguladoras concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

En todo caso, o beneficiario da axuda cederalle á Administración autonómica todas as accións de que dispoña para a reclamación das cantidades achegadas por esta ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito dos beneficiarios a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan da indicada axuda.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse por orde de presentación da solicitude nos termos e condicións que se establecen nas presentes bases, amparadas no previsto na sección 8 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen os danos derivados dos incendios ou da súa extinción.

2. De conformidade co disposto no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, as persoas beneficiarias das axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Actuacións subvencionables e contía das axudas

1. Serán obxecto de axuda os danos orixinados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025. Para os efectos da determinación dos danos, teranse en conta os ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías depositadas nos establecementos, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

2. Non serán obxecto destas axudas os danos producidos en explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.

3. De acordo co Decreto 76/2025, do 29 de agosto, tampouco serán subvencionables as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, agás aquelas instalacións de xeración de enerxía eléctrica incluídas no propio establecemento.

4. A porcentaxe de axuda será do 100 % do importe dos danos causados polos incendios conforme a valoración levada a cabo no informe de taxación de danos, cos seguintes límites:

a) 600.000,00 euros por persoa beneficiaria. Excepcionalmente, este importe poderá incrementarse ata o límite de 1.500.000,00 euros, atendendo aos danos sufridos e ao seu impacto socioeconómico na actividade afectada e, en especial, á posible repercusión no mantemento do emprego.

b) A suma da axuda concedida, xunto con outras axudas e/ou indemnizacións que aproben outras administracións públicas ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma actuación, non poderá exceder o 100 % do importe dos danos causados polos incendios conforme a valoración do informe de taxación de danos.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia. O formulario será accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido outras axudas, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, ingreso e/ou recurso, deberá indicarse cales son e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, que lle sexa concedido para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración da persoa solicitante de que é a titular do establecemento comercial, industrial, turístico ou mercantil e de cal é a súa relación co inmoble afectado (propiedade, alugueiro, outra).

d) Declaración da persoa solicitante de que acepta a intervención dun taxador oficial independente designado polo Igape para a valoración dos danos producidos aos bens afectados polos incendios.

e) Declaración de que as copias dixitalizadas presentadas no expediente constitúen unha reprodución exacta dos seus orixinais.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

g) Declaración do compromiso de manter a actividade prexudicada polos danos de acordo co prazo establecido no artigo 13.c).

h) Declaración responsable de que os danos no establecemento danado non estaban asegurados, no caso de non ter seguro.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os requisitos seguintes:

a) As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificado dixital, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Título ou documento admisible en dereito que acredite a titularidade da persoa solicitante co establecemento afectado.

c) Título ou documento admisible en dereito que acredite a vinculación da titular do establecemento co inmoble danado.

d) Copia da póliza de seguro, no caso de ter seguro.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá efectuarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando o exixa a relevancia do documento no procedemento ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal, sen que isto poida supor a alteración da data de presentación do expediente completo.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, e advírteselles que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste caso, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda e a solicitude estea completa.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

d) NIF da entidade solicitante.

e) NIF da entidade representante.

f) Imposto de actividades económicas (IAE).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes, sen que isto poida supor a alteración da data de presentación do expediente completo.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

Artigo 10. Instrución dos procedementos

O órgano instrutor do procedemento de concesión da axuda será a Área de Competitividade do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade é o órgano competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área.

A competencia para ditar a resolución, que porá fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 11. Resolución, notificación e recursos

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Será causa de denegación da axuda o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, así como o esgotamento do crédito.

2. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

3. O prazo para resolver e notificar a resolución será dun mes, contado desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, desde que a solicitude sexa completada tras un requirimento de emenda. Finalizado o dito prazo sen que se dite e se notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. As solicitudes resolveranse por rigorosa orde cronolóxica de presentación no rexistro ata o esgotamento do crédito. No caso de que se realice un requirimento de emenda no expediente, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda e a solicitude estea completa. No caso de esgotamento de crédito, agás ampliacións de crédito, as solicitudes posteriores serán denegadas por causa do esgotamento deste.

5. A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderám interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición:

– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento.

– Ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

En ambos os casos, o prazo para interpor o recurso será un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

Artigo 12. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas, fóra dos casos permitidos nestas bases, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

a) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse de forma inmediata ao seu coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) Aceptar a intervención dun taxador oficial independente designado polo Igape para a taxación dos bens afectados polos incendios cuxos danos e o seu valor constitúen o obxecto destas axudas.

c) Comprometerse a manter a actividade prexudicada por un mínimo dun ano a partir da concesión da axuda, agás que esta supere os 600.000 euros, caso en que o dito período será de 3 anos. Para o caso de que a actividade cese antes do período correspondente, o Igape poderá declarar o incumprimento parcial desta obriga e iniciar o procedemento de reintegro de xeito proporcional ao período de tempo non mantido.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o Igape, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Cederlle ao Igape todas as accións de que dispoña a persoa beneficiaria para a reclamación das cantidades achegadas polo Igape ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito da persoa beneficiaria a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan a indicada axuda.

f) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Pagamento da subvención

1. As axudas entenderanse concedidas en atención á situación, produto da situación de emerxencia excepcional en que se encontre a persoa beneficiaria, polo que, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade do establecemento danado, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar este aspecto.

2. O aboamento da subvención realizarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria indicada na solicitude dentro dos quince (15) días hábiles seguintes ao da notificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Resistencia, excusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación ou control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismo internacional.

d) Incumprimento da obriga de manter a actividade prexudicada polo período mínimo exixible de acordo co establecido no artigo 13.c). Para o caso de que a actividade cese antes do período correspondente, o Igape poderá declarar o incumprimento parcial desta obriga e iniciar o procedemento de reintegro parcial de xeito proporcional ao período de tempo non mantido.

e) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, así como o incumprimento de calquera outra que resulte da normativa aplicable.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Remisión normativa

En todo o non recollido nestas bases reguladoras aplicarase o disposto no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan Galicia durante o verán de 2025; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

missing image file
missing image file
missing image file