DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Sábado, 30 de agosto de 2025 Páx. 47509

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR616C).

BDNS (Identif.): 854093.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/854093

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, polos danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeira para a reparación dos danos causados polos incendios que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR616C).

Terceiro. Persoas beneficiarias

1. Son persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, con exclusión das Administracións ou entidades do sector público. No caso de danos causados á maquinaria e equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión das Administracións ou entidades do sector público.

2. Poderán ser beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e as comunidades de montes veciñais en man común.

Cuarto. Conceptos subvencionables

Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) Liña I-F: a reparación dos danos causados polos incendios en terreos forestais de titularidade privada.

b) Liña II-F: os gastos de reparación dos danos causados na maquinaria e no equipamento forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais ou ocasionados por estes. No caso de que quedasen inutilizados, poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

c) Liña III-F: os gastos de extracción ou eliminación de madeira de corta comercial amoreada ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial na zona afectada polos incendios. Tamén será subvencionable a extracción ou eliminación da madeira non comercial afectada polo incendio.

d) Liña IV-F: os gastos de reposición de forestacións executadas a partir do 1 de xaneiro de 2020 e danadas por incendios forestais, incluíndo a preparación manual do terreo, unidades de planta, implantación vexetal e outras accións incluíbles na forestación.

Quinto. Porcentaxe e contía máxima da axuda

1. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas, atendendo ao carácter extraordinario das mesmas e á súa natureza de concesión directa e non competitiva.

2. A contía da axuda calcularase con base no establecido nas liñas seguintes:

a) Liña I-F: no caso de reparación dos danos causados a infraestruturas, será do 100 % do investimento elixible, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

b) Liña II-F: no caso de maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración nos labores de extinción ou ocasionados por estes, será do 100 % do investimento elixible, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 50.000 euros.

c) Liña III-F: no caso dos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial, será do 100 % do investimento elixible, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 50.000 euros.

d) Liña IV-F: no caso de plantacións substitutorias, será do 100 % do investimento elixible, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 100.000 euros.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural