DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Sábado, 30 de agosto de 2025 Páx. 47506

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR616A).

BDNS (Identif.): 854095.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/854095

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, polos danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeira para a reparación dos danos causados polos incendios que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR616A).

Cuarto. Conceptos subvencionables

Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) Liña I-G: os gastos de reparación dos danos causados nos edificios agrarios, maquinaria, equipamentos e medios de produción das explotacións agrícolas e gandeiras. No caso de que quedasen inutilizados, poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

b) Liña II-G: a perda de ingresos ocasionada pola destrución total ou parcial da produción agrícola.

c) Liña III-G: o valor dos animais mortos ou das colmeas destruídas e queimadas ou afectadas pola perda do enxame, como consecuencia dos incendios forestais nas zonas afectadas.

d) Liña IV-G: o valor da alimentación complementaria que hai que subministrarlles aos animais e colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de seis meses, calculado en función do número de animais, e a súa categoría ou idade, ou colmeas. Consideraranse tamén subvencionables os gastos de urxencia realizados polas persoas interesadas para adquirir alimento complementario para os animais ou as colmeas tras o inicio do incendio forestal que lles afectase, e antes da publicación desta orde.

Quinto. Porcentaxe e contía máxima da axuda

1. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas, atendendo ao carácter extraordinario das mesmas e á súa natureza de concesión directa e non competitiva.

2. A contía da axuda calcularase con base no establecido nas liñas seguintes:

a) Liña I-G: no caso de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, o 100 % do investimento elixible, cun límite máximo de 200.000 euros.

b) Liña II-G: no caso de danos derivados da perda total ou parcial da produción agrícola, a axuda será do 100 %, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 75.000 euros.

c) Liña III-G: no caso de morte de gando ou de destrución ou afectación de colmeas, os importes correspondentes aos baremos que figuran no anexo VI desta orde, sen que exista nesta liña ningún límite máximo por persoa beneficiaria.

d) Liña IV-G: no caso de adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas, o 100 % do custo calculado deste para un máximo de seis meses, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural