DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 1 de setembro de 2025 Páx. 47596

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2025 pola que se convoca e se regula a concesión de axudas para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, ás organizacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para organizar congresos internacionais e encontros en materia de consumo (código de procedemento CO400G).

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa das persoas consumidoras e usuarias protexendo, mediante procedementos eficaces, a súa seguridade, a súa saúde e os seus lexítimos intereses económicos.

O artigo 30.1, parágrafo 4, do Estatuto de autonomía, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de defensa da persoa consumidora e usuaria.

Esta competencia será levada a cabo polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, e no artigo 4.1.k) do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, dedica o capítulo VII do título I ao dereito básico dos consumidores á formación e á educación en materia de dereitos dos consumidores e destaca que neste ámbito do consumo a formación e a educación deben ser entendidas nun contexto global onde o coñecemento sobre os dereitos dos consumidores ten que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non se pode prescindir á hora de adquirir bens ou servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

O artigo 4.1.a) do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, establece como un dos obxectivos deste orientar, formar e informar as persoas consumidoras e usuarias sobre os seus dereitos e a forma de exercelos e de difundir o seu coñecemento.

Por outra banda, segundo o artigo 51.1 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, a Administración autonómica en materia de consumo impulsará a difusión da información aos consumidores en colaboración de maneira especial coas organizacións de consumidores.

Na actualidade, as novas tecnoloxías, a dixitalización e a intelixencia dixital inflúen nos mercados ao achegaren novas formas de comercialización e prestación de servizos que poden xerar novos e diferentes conflitos e incidencias no ámbito das relacións de consumo.

Ante este escenario futuro, as institucións públicas teñen que velar polos dereitos das persoas consumidoras e usuarias dado que acceden a diario aos diversos e crecentes servizos, co fin de protexelas ante este complexo e variado conxunto de situacións. Isto fai que se requira, cada vez máis, un coñecemento en constante actualización e profundidade do seu funcionamento e operativa.

Por isto, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, considera de máximo interese potenciar actuacións de formación, sensibilización e divulgación entre as persoas consumidoras e usuarias co fin de que a dita formación e información lles permita ter unha visión real e esclarecedora do mercado que as axude a obter pautas de consumo responsable.

Desde a dita consellería, considerase que os congresos e, noutra orde de coñecemento, as distintas formas de reunións de expertos son mecanismos idóneos para promover o intercambio e a difusión de ideas e coñecementos actuais máis avanzados nas distintas problemáticas relacionadas co consumo, así como aumentar a visibilidade da materia. Contribuír e potenciar as ditas actividades dentro da nosa Comunidade Autónoma de Galicia resulta de grande interese público e especialmente potenciando a súa calidade, rigorosidade e actualización mediante a participación de persoal de todo tipo e especialidade, nacional ou estranxeiro.

A estratexia de protección ás persoas consumidoras para o período 2020/2025 ten por obxecto lograr un alto nivel de protección na nosa comunidade autónoma e enmárcase na Nova axenda europea do consumidor 2020-2025. Neste senso, comparte os obxectivos recollidos nela e encádrase dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma en materia de protección das persoas consumidoras. O obxectivo que persegue a nova estratexia é a de reforzar a resiliencia da persoa consumidora para unha recuperación sostible.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de axudas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ás organizacións de persoas consumidoras e usuarias da Comunidade Autónoma de Galicia para a organización de congresos internacionais e encontros en materia de consumo durante o ano 2025 e efectuar a súa convocatoria (código de procedemento administrativo CO400G).

Artigo 2. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. Cada organización poderá presentar unha única solicitude (anexo II) e para un único evento.

3. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo seguinte.

Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para presentar as solicitudes iniciarase no décimo día natural contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará ao mes desde a apertura do devandito prazo. A sede electrónica para presentar a solicitude abrirase ás 9.00 horas e o final do prazo será ás 14.00 horas do día de vencemento.

3. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses. O prazo empezará a computar a partir do día seguinte á presentación da solicitude.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través dos seguintes medios:

a) Na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica que pode consultar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

b) Na páxina web oficial do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, http://consumo.xunta.gal

c) Nos teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) No enderezo electrónico igc.xerencia@xunta.gal

e) De xeito presencial nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na avenida Gonzalo Torrente Ballester, 3, 1-5, baixo, Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025

Gabriel Alén Castro
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para o ano 2025 ás organizacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para a organización de congresos internacionais e encontros en materia de consumo (código de procedemento CO400G)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto establecer as bases para a concesión de axudas para a organización, por parte das asociacións ou federacións de persoas consumidoras inscritas na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia, de congresos internacionais e encontros en materia de consumo de carácter presencial que se desenvolvan na nosa Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2025, coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.

2. Para os efectos da presente convocatoria, considérase:

– Congreso internacional. Aquel evento académico de grande envergadura, de carácter internacional que se desenvolva de xeito presencial e periodicamente, que teña unha duración mínima de 11 horas, no cal participen persoas nacionais e estranxeiras, e no cal teñan lugar relatorios, carteis, sesións de preguntas e respostas, simposios e obradoiros en que o obxectivo sexa intercambiar e compartir todo tipo de información que estea relacionada ou poida afectar as persoas consumidoras e usuarias como tales. Deberán dispor dun Comité Organizador como mínimo que garanta a cualificación dos relatores e presentacións, e deberá mediar unha chamada pública á participación mediante unha inscrición na cal deberá figurar a Xunta de Galicia como entidade que subvenciona o dito congreso.

O seu orzamento deberá ser superior a 10.000 euros.

– Encontro. Aquel conxunto de actividades que conten coa participación de varios profesionais e que teñan como obxectivo principal promover o intercambio de información en materia de consumo entre expertos e participantes, tales como conferencias, simposios, seminarios, mesas redondas, foros ou xornadas. Estes encontros deberán contar cunha convocatoria e a súa duración mínima será de 5 horas, e non terán carácter de periodicidade.

O seu orzamento será como máximo de 10.000 euros.

3. Quedan excluídos da convocatoria todo encontro, reunión ou similar que non sexan considerados congreso internacional ou encontro, en virtude da definición de tales establecida no número 2 deste artigo 1.

4. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos susceptibles de axuda

1. Os congresos internacionais e encontros obxecto da axuda definidos no artigo 1 destas bases deberán ter comezo no período entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 20 de novembro de 2025.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2025 e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

Poderán terse en conta xustificantes de gastos devindicados correspondentes ao período de vixencia da axuda que na súa data de xustificación aínda non fosen efectivamente pagados, sempre e cando se refiran aos gastos relacionados con obrigas tributarias dos traballos efectuados.

As actividades obxecto desta axuda constitúen gastos de carácter inmaterial dado que a súa finalidade é a xeración e transferencia de coñecemento, formación e proxección institucional, sen que derive delas a adquisición de bens inmobles, axustándose á natureza dos investimentos inmateriais.

3. A tipoloxía dos gastos subvencionables segundo o tipo de evento de que se trate, é a que se recolle a continuación:

a) Os gastos derivados da organización do evento, como alugamentos de espazo alleos á organización solicitante, creación de páxinas web ou servicios de apoio informático, gastos de imaxe e son para o evento, tradución, márketing e sinalética.

b) Os gastos de difusión e publicidade do evento.

c) Os gastos correspondentes a viaxes, aloxamento e manutención dos relatores incluídos no programa do evento.

d) As gratificacións ou honorarios aos relatores inscritos no programa do evento, por participar na actividade subvencionada.

e) Material didáctico, que deberá contar, en todo caso, co logotipo da Xunta de Galicia, segundo as especificacións establecidas no seu manual de identidade corporativa.

4. Cando o importe do tipo de gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

5. Non serán subvencionables en ningún caso:

a) Gastos sociais, comidas e aloxamentos de asistentes.

b) Actos lúdicos, servizos de cátering e similares.

c) Os destinados a outorgar premios.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia concederalles axudas ás asociacións de persoas consumidoras de Galicia por un importe total de 35.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.613A.781.0 do orzamento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2025, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis axudas. Tal incremento de crédito poderá provir de xeracións, ampliacións ou incorporacións de crédito.

2. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A contía das axudas concedidas, poderá financiar ata o 80 % dos gastos obxecto de financiamento e non poderá superar, en calquera caso, a contía de 18.000 euros (IVE incluído) para o caso de congresos internacionais e 5.000 euros (IVE incluído) no caso de encontros.

4. O importe da subvención regulada nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as organizacións de persoas consumidoras, tanto asociacións como federacións, que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia, a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente as súas obrigas legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

3. Para que as organizacións de consumidores poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar incursos en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. As persoas beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva (anexo III) na cal se faga constar a descrición xeral e as características do evento:

– Características xerais.

– Relevancia do evento.

– Datos do último evento realizado, de ser o caso.

– Organización do evento.

b) Programa do evento (anexo IV), no cal figurará de xeito detallado o programa de actividades de que constará o evento, por xornada.

c) Memoria económica (anexo V) na cal se especificará unha previsión do orzamento de gastos subvencionables por categorías e total (tendo en conta o establecido no artigo 2 destas bases) do evento e a cantidade solicitada como axuda.

d) Documentación acreditativa da representación suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da entidade solicitante, se é o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos parágrafos anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.

f) Concesión de subvencións e axudas.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo II) e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderaselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas aos que fan referencia estas bases será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e correspóndelle á Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditar a resolución da concesión.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no correlativo artigo 31.4 da mesma lei, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade tramitadora, atendendo ao disposto no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano xestor publicará no DOG e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 3.3 das bases, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atender todas coa intensidade da axuda solicitada, o crédito asignarase en función do número de entrada da solicitude e respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.3 das bases.

2. Conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e na presente resolución, o/a interesado/a será requirido/a para que, nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7.1 resulta que o/a solicitante non se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Audiencia

1. Unha vez instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, á vista da proposta de resolución e logo da fiscalización limitada previa, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvencionan e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 3 meses. O prazo empezará a computar a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima as persoas interesadas para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A dita resolución será publicada na web http://consumo.xunta.gal e notificada á persoa adxudicataria, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda.

3. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue será ditado polo órgano concedente, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados, nos termos previstos no artigo 11 destas bases.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o/a interesado/a comunicase expresamente a súa renuncia á axuda, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

A renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da mesma lei.

Artigo 17. Obrigas da persoa beneficiaria

Son obrigas da persoa beneficiaria as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Realizar a actividade nas condicións que fundamentaron a concesión da axuda.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se lles facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta axuda é compatible con outras axudas outorgadas para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das axudas concedidas non supere o coste total da actividade.

d) Por á disposición do IGCC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto da actuación de comprobación e control.

f) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Incluír os logotipos e a imaxe corporativa da Xunta de Galicia, segundo o establecido no Manual de identidade da Xunta de Galicia, na cartelaría e medios que se empreguen tanto para publicitar a actividade como en posteriores publicacións.

h) Garantir a participación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia no acto de inauguración ou clausura e nalgún dos relatorios ou actos dos que se compoña o congreso internacional ou encontro.

i) Visibilizar, no desenvolvemento dos contidos do programa, o labor e a actividade do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

j) Usar imaxes non sexistas nos contidos visuais e na sinalética que publicite o evento e no material que se difunda durante a realización.

k) Uso de linguaxe non sexista na documentación presentada xunto coa solicitude de axuda, así como nos demais documentos elaborados.

l) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos) e demais normativa concordante. Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas trataraos a Xunta de Galicia-Instituto Galego do Consumo e da Competencia na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para tramitar o procedemento. A base lexitimadora do tratamento é a realización dunha misión de interese público e o consentimento das persoas interesadas, que poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Contacto delegado de protección de datos e máis información en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal deberá solicitar o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes.

Artigo 18. Xustificación

1. Para cobrar a axuda concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación a través da Carpeta cidadá, tal como se establece no artigo 6 das bases reguladoras, trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes, e tendo de prazo límite para presentala ata o 10 de decembro (inclusive) de 2025, que non sexa necesario esgotar o prazo máximo:

a) Certificación do/da secretario/a da organización, co visto e prace do/da presidente/a, de que o programa de actividades ou evento realizado foi executado conforme o indicado na solicitude.

b) Xustificación dos asistentes ás actividades que leven a cabo, polos medios que se consideren máis oportunos, ou certificación do/da secretario/a da organización co visto e prace do/da presidente/a do número total de asistentes ao evento.

c) Memoria final de avaliación (anexo VII) en que se reflictan os obxectivos esperados e acadados e na cal se incluirán estatísticas que reflictan a participación e o desenvolvemento xeral do evento, así como os resultados das enquisas de satisfacción.

d) Un exemplar das actas do congreso internacional ou encontros ou equivalentes, no caso de que se elaboren.

e) Relación de gastos clasificada en que se relacionan os gastos e investimentos do evento subvencionado, con identificación do provedor, concepto, importe, data de emisión e data de pagamento (anexo VIII).

f) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada e por cada unha das actividades subvencionadas.

No caso de axudas para gastos de viaxe, deberán achegarse billetes con prezo ou factura.

g) As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado polo Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

h) Os pagamentos poderanse realizar polos seguintes medios:

– Transferencia bancaria.

– Cheque nominativo co seu xustificante de movemento de fondos.

– Pagamentos en efectivo. Condicións para a correcta acreditación do pagamento: debe presentar un recibo asinado e selado polo provedor en que estea suficientemente identificada a empresa que recibe o importe e no cal consten o número e a data de emisión do xustificante de pagamento, así como o nome e o NIF da persoa que o asina. No suposto de que o pagamento se acredite mediante xustificante de recepción consignado no mesmo documento xustificativo do gasto, este deberá conter a sinatura lexible con indicación da persoa que o asina, o seu NIF e o selo do provedor. A xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do provedor só poderá aceptarse para gastos de escasa contía, segundo o establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, polas distintas administracións públicas, segundo o modelo anexo IX.

j) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

k) Declaración responsable, debidamente actualizada, de que non están incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo do anexo IX.

l) Todos os materiais producidos no desenvolvemento desta actividade deberán remitirse ao IGCC xunto coa xustificación en soporte dixital en formato PDF. No caso de haber imaxes, o formato será JPG. Poderase facilitar inserindo unha ligazón electrónica ou link na memoria que permita visualizar o seu contido.

m) Reportaxe fotográfica do desenvolvemento do evento para o cal solicitou a axuda. Esta reportaxe fotográfica deberá xustificar o día e o lugar de realización das actividades.

n) Programa de actividades levado a cabo no cal se poña de manifesto o cumprimento do contido mínimo do evento.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presentase a documentación solicitada, seralle requirida para que no prazo improrrogable de dez días a presente. Ante a falta desta presentación da xustificación, una vez feito o dito requirimento, poderase entender que renuncia á axuda. Neste caso, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. En virtude do establecido no artigo 10 destas bases reguladoras, a concesión das subvencións faise en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito, o que implica que as solicitudes presentadas logo do esgotamento do crédito sexan inadmitidas, e non se poderá conceder a dita axuda para a organización de congresos internacionais ou encontros e que queiran levar a cabo outras asociacións. Por iso, a non xustificación das solicitudes concedidas nunha porcentaxe superior ao 50 % implicará a imposibilidade de presentar outras solicitudes nas dúas vindeiras convocatorias para este procedemento CO400G.

Artigo 19. Pagamento

1. Pagamento anticipado. Poderaselles realizar o pagamento anticipado, ata un máximo do 50 % do importe da axuda concedida, aos beneficiarios que así o soliciten expresamente na súa solicitude de axuda (anexo II) e xustifiquen a necesidade do anticipo para realizar a actividade subvencionada, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O pagamento anticipado realizarase automaticamente tras a resolución de concesión da axuda, sen necesidade de resolución adicional, sempre que se cumpra o previsto no parágrafo anterior.

2. No caso de non solicitar pagamento anticipado ou para o pagamento da totalidade da axuda concedida, no caso de si solicitalo e unha vez recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, antes de efectuar o seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

3. As axudas minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxectivo.

4. De conformidade co establecido no artigo 65.4 e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non están obrigadas a constituír garantía.

Artigo 20. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da axuda, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O importe da devolución incluirá os xuros de mora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Fiscalización e control

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas.

2. Ademais do anterior, a concesión das axudas reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda.

Non obstante o anterior, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo e de acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file