A Orde do 17 de decembro de 2024 (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2025) estableceu, para o ano 2025, a convocatoria de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques e entre as súas finalidades estaban as de realizar investimentos:
– Que melloren a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo dos traballadores, sen aumento de capacidade (procedemento PE120B sen aumento de capacidade).
– Que incrementen a calidade, o valor engadido e a seguridade alimentaria dos produtos pesqueiros (procedemento PE120E).
A devandita orde establece no seu artigo 4 que o importe fixado na dita convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, se poderá ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Tendo en conta que este ano, polo número e contía deste tipo de axudas, o crédito orzamentario non foi suficiente para atender as solicitudes que cumpren cos requisitos, procede ampliar o crédito orzamentario para a concesión das axudas para as liñas de investimentos que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo e para as que melloren as condicións laborais e de seguridade a bordo sen aumento de capacidade.
Por todo o anterior, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único
Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2024 en:
3.673.442,99 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723A.770.3 (código de proxecto 2024.00147) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, polo que o importe total da convocatoria de 2025 para o procedemento PE120B sen aumento de capacidade ascende a 4.749.636,99 euros.
E en:
2.315.061,44 euros, con cargo á aplicación 16.02.723A.770.5 (código de proxecto 2024.00149) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, polo que o importe total da convocatoria de 2025 para o procedemento PE120E ascende a 3.038.172,44 euros.
Segundo. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
