O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 16 de xuño de 2025, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o Acordo polo que se autorizou a modificación dos artigos 6 e 7 dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos artigos modificados dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio
ANEXO
Estatutos sociais de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
CAPÍTULO II
Capital social. Accións e obrigas
Artigo 6 Capital social
O capital social é de cento trinta e dous millóns setecentos corenta e catro mil novecentos trinta e seis euros con sesenta e seis céntimos de euros (132.744.936,66 €), totalmente subscrito e desembolsado.
A participación directa ou indirecta na sociedade da Administración xeral da Xunta de Galicia e das demais entidades instrumentais reguladas na Lofaxga deberá ser, en todo momento, maioritaria. En todo caso, a totalidade do capital da sociedade será de titularidade pública.
Artigo 7. Accións
1. O capital social estará representado por cento vinte mil seiscentas trece (120.613) accións nominativas, de 1.100,585647 € de valor nominal cada unha delas.
2. As accións estenderanse en libros talonarios, estarán numeradas correlativamente e todas se anotarán nun rexistro especial da sociedade en que se farán constar, igualmente, as sucesivas transmisións e a constitución de dereitos reais sobre aquelas. A inscrición neste rexistro é condición necesaria para acreditar a condición de socio ou a titularidade das accións.
3. Os títulos das accións contarán cos requisitos que determina o artigo 114 da LSC e levarán as sinaturas dos membros do Consello de Administración, que poderán figurar estampilladas.
4. Analogamente, coa sinatura, estampillada ou non, de dous conselleiros ou conselleiras, poderán expedirse extractos de inscrición ou resgardos xustificativos da titularidade das accións, incluso mediante un só documento para cada accionista.
