DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Martes, 2 de setembro de 2025 Páx. 47779

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Silleda (expediente IN407A 2025/001-4).

Expediente: IN407A 2025/001-4.

Promotora: Hidroeléctrica de Silleda, S.L.

Denominación: LMTS 20 kV de SET Silleda a CD Fonteboa, CD Campo e CT1 fase II Área 33.

Concello: Silleda.

Feitos:

1. O 2.1.2025, a empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, así como a declaración de impacto ambiental simplificada, da instalación eléctrica denominada LMTS 20 kV de SET Silleda a CD Fonteboa, CD Campo e CT1 fase II área 33.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo, colexiado 1350 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e no que figura un orzamento total de 2.111.922,50 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dunha liña de media tensión subterránea entre a subestación Silleda, o centro de distribución Fonteboa, o centro de distribución Campo e o centro de transformación fase II área 33, no concello de Silleda (Pontevedra).

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Silleda, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Demarcación de Estradas do Estado, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Deputación Provincial de Pontevedra e polo Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme ao disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Conforme o artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, o 14.3.2025, este departamento territorial solicitou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o informe de avaliación de impacto ambiental simplificada en base ao estudo de impacto ambiental simplificado para o proxecto de liña de media tensión subterránea SET Silleda-CT1 Fase II Área 33, no concello de Silleda (Pontevedra), promovido por Hidroeléctrica de Silleda, S.L.

4. O 31.3.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu un informe no que conclúe que, á vista da documentación achegada, así como do disposto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, e na Lei de solo e rehabilitación urbana, o proxecto da liña de media tensión subterránea SET Silleda-CT1 fase II área 33, promovido por Hidroeléctrica de Silleda, S.L., non cumpre cos criterios para ser sometido ao trámite de avaliación ambiental simplificada, xa que o trazado principal discorre soterrado ao longo de viarios existentes considerados como solo urbanizado.

5. O 22.5.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS 20 kV de SET Silleda a CD Fonteboa, CD Campo e CT1 fase II área 33.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

–Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, 3×240 Al, en tres tramos. O primeiro tramo é de 3.400 metros de lonxitude, dende o centro de distribución (CD) Fonteboa ata o centro de distribución Campo. O segundo tramo é de 5.050 metros de lonxitude, dende a subestación Silleda ata o centro de distribución Campo. O último tramo é de 6.550 metros de lonxitude, dende a subestación Silleda ata o centro de transformación (CT) 1 fase II área 33.

– A instalación está situada nos lugares de Escuadro, Fonteboa, Campo e no Polígono Área 33, no concello de Silleda (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS 20 kV de SET Silleda a CD Fonteboa, CD Campo e CT1 fase II área 33, expediente IN407A 2025/001-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de agosto de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra