Expediente: IN407A 2023/039-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTA, LMTS, CT e ITC en Lantañón.
Concello: Meis.
Feitos:
1. O 31.1.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA, LMTS, CT e ITC en Lantañón.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Técnicos Industriais de Vigo, e no que figura un orzamento total de 178.790,99 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade resolver os problemas de subtensión na zona. Para isto están previstas as seguintes actuacións no lugar de Lantañón, na parroquia de Paradela, no municipio de Meis (Pontevedra):
A instalación dun centro de transformación rural de 160 kVA/20 kV de potencia, compacto de manobra exterior en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT.
No circuíto aéreo da liña de media tensión TIB805, no tramo TIB8057080 proxéctase substituír o apoio de formigón existente 9XB35GW6//62 por un apoio tipo celosía C-1000/12, a instalar baixo a traza da liña aérea de media tensión existente, substituíndo o van entre o apoio existente 9XC9JDRF//61 e o apoio C-1000/12 proxectado e retensando o van augas abaixo.
Desde o apoio existente 9XC9JDRF//61, desmóntanse 84 metros en condutor LA-80 e téndense 84 metros en condutor LA-110 ata o apoio proxectado C-1000/12, que será frecuentado e no que se instala un ITC.
Para alimentar o novo CT proxectado, proxéctase unha liña de media tensión subterránea (LMTS) cunha lonxitude de 880 metros.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Meis, a Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Meis e o Servizo do Patrimonio Cultural.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante escritos do 10.3.2023, este departamento territorial púxolles de manifesto este procedemento ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
Como non foi posible efectuar a notificación a todas as persoas afectadas, este departamento publicou os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 7 de xuño de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 13 de xuño, co fin de realizar a notificación por comparecencia.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 10 de marzo de 2023 publicada nos seguintes medios:
DOG (Diario Oficial de Galicia): 3.4.2023.
Xornal Faro de Vigo: 27.9.2023.
Taboleiro de anuncios do Concello de Meis.
Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria (antes Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación).
5. O 26.4.2023, José Silva Janza alegou que se opón á ocupación e imposición de servidume no seu predio pola instalación eléctrica, por non considerala de utilidade pública nin necesaria.
6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa contestación UFD manifestou que a substitución do apoio existente na parcela do interesado aféctao minimamente, ademais non se modifica o trazado existente e non se afecta a terceiros.
7. O 13.2.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 84 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9XC9JDRF//61 da LMT TIB8057080 e final apoio proxectado C-1000/12. O apoio proxectado C-1000/12 substitúe ao apoio 9XB35GW6//62 da LMT TIB8057080, nel instálase un interruptor telecontrolado e realízase un paso aéreo subterráneo.
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 880 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-1000/12 e final no centro de transformación proxectado.
– Centro de transformación (CT) a 160 kVA con R.T. 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36028C503003010000FB.
A instalación está situada en Lantañón, na parroquia de Paradela, no municipio de Meis (Pontevedra).
4. Con respecto ás alegacións presentadas, exponse que, conforme os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real Decreto 1955/2000, se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso.
O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000 recolle que, para o recoñecemento en concreto da utilidade públicas destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que considere de necesaria expropiación.
A finalidade desta instalación eléctrica vén recollida no proxecto presentado coa solicitude e é resolver as subtensións existentes na zona. Cabe destacar que o proxecto respecta o trazado existente. Ademais, o alegante non presentou argumentos ou datos que poidan ser valorados por este departamento territorial para concluír que a instalación eléctrica non é necesaria.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA, LMTS, CT e ITC en Lantañón, expediente IN407A 2023/039-4.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1º. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2º. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3º. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4º. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 5 de agosto de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados
Concello de Meis.
|
Nº |
Lugar |
Terreo |
Referencia catastral |
Titular |
Afeccións |
|||
|
Pleno dominio (m2) |
Servidume |
|||||||
|
ml sub. |
m2 sub. |
|||||||
|
1 |
Lantañón Paradela |
Urbano |
36028C503003010000FB |
José Ramón Muñiz Saavedra e Mª Beatriz Busto Martínez |
CT |
14,86 |
2,17 |
8,94 |
|
2 |
Lantañón Paradela |
Rústico |
36028C503003990000FG |
Dolores Núñez Cousido |
0,98 |
0,90 |
||
|
3 |
Lantañón Paradela |
Rústico |
36028C503003980000FY |
José Silva Janza |
Apoio |
1,21 |
0,86 |
1,93 |
