Expediente: 781/2021.
Procedemento: procedemento de expropiación, polo sistema de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto de senda peonil en Dornelas, desde o IES de Mos ata ASO.DI.FI.SI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso.
Asunto: acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto de expropiación e se sinalan as datas e se citan os interesados para o levantamento das actas de pagamento e a ocupación dos bens e dereitos afectados polo expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, para a execución do proxecto de senda peonil en Dornelas, desde o IES de Mos ata ASO.DI.FI.SI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso.
Visto o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto de senda peonil en Dornelas, desde o IES de Mos ata ASO.DI.FI.SI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso, e tendo en conta os seguintes:
Antecedentes:
Primeiro. Por acordo da Xunta de Goberno Local, do 16 de decembro de 2021, acordouse a aprobación inicial do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto de senda peonil en Dornelas, desde o IES de Mos ata ASO.DI.FI.SI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso.
Segundo. A taxación foi notificada individualmente aos que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da resolución e da correspondente folla de valoración, así como da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de recepción da notificación referida, tal e como se sinala no artigo 118.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).
Terceiro. Finalizado o prazo de presentación de alegacións constan presentadas alegacións polos titulares dos seguintes predios afectados: 91, 114, 115, 117 e 118; 14; 59, 62 e 72; 63, e 49.
Constan no expediente os informes de resposta as alegacións presentadas polos propietarios afectados.
Fundamentos xurídicos:
Primeiro. O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 118 da LSG, por tratarse dunha expropiación urbanística.
Segundo. O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva exixida polo artigo 118.1 da LSG:
– Delimitación do ámbito territorial cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindes, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación dos seus titulares.
– Fixación dos prezos coa valoración razoada do solo, segundo a cualificación urbanística.
– Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, en que se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.
– Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións.
Terceiro. Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse aos establecidos no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.
Cuarto. Na súa virtude, vista a LSG, o Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e as demais disposicións aplicables, a Xunta de Goberno Local
ACORDOU:
Primeiro. Visto o informe de resposta ás alegacións presentadas polos propietarios dos predios afectados procede:
a) Estimar parcialmente as alegacións formuladas e rectificar os bens e dereitos afectados nos predios 91, 114, 115, 117 e 118, e desestimar a petición de expropiación total do predio 91.
b) Desestimar a alegación formulada en relación co predio 14.
c) Estimar a alegación formulada en relación co predio 72 e modificar o tipo de solo afectado a solo urbanizado, e a inclusión dos bens comprobados.
d) Desestimar a petición expropiación total do predio 63.
e) Desestimar a alegación do predio 49.
Segundo. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto de senda peonil en Dornelas, desde o IES de Mos ata ASO.DI.FI.SI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso, para os efectos previstos polo artigo 118 da LSG.
Esta aprobación definitiva do expediente implica a declaración de urxencia de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación de conformidade co establecido no artigo 118.10 da LSG.
En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida, producirá os efectos previstos nos ordinais 6º, 7º e 8º do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 118.11 da LSG).
Terceiro. Notificar o contido desta resolución de aprobación definitiva do expediente de xeito individualizado a todos os que aparezan como titulares de bens ou dereitos que figuran no expediente, aos que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días, contados a partir do día seguinte ao de recepción da notificación desta resolución. Durante este prazo de vinte días poderán os interesados manifestar por escrito dirixido ao Concello de Mos a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 118.7 da LSG, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade co artigo 118.8 da LSG.
Cuarto. Publicar esta resolución, así como o seu anexo coa relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no DOG e no taboleiro de edictos do Concello de Mos. Así mesmo, publicarase un anuncio no Boletín Oficial del Estado, para os efectos de que sirva de notificación ás persoas propietarias descoñecidas e das cales se ignore o lugar de notificación ou o medio, ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, de conformidade co establecido no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Igualmente, notificaráselle o contido desta resolución ao Ministerio Fiscal, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no procedemento expropiatorio.
Quinto. Convocar os titulares dos bens e dereitos afectados por este expediente expropiatorio para proceder ao levantamento das actas de pagamento e ocupación, que terá lugar no Concello de Mos, os días 17, 18, 19 e 23 de setembro de 2025, nas horas e na orde especificadas no anexo desta resolución.
Segundo establece o artigo 205 do Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, o pagamento do prezo xusto, soamente se fará efectivo, consignándose no caso contrario, a aqueles interesados que acheguen os títulos xustificativos do seu dereito. De existiren outros dereitos sobre o predio expropiado, deberán comparecer tamén os seus titulares.
Para os casos de sucesión dos dereitos derivados do expediente expropiatorio, ademais, achegarán documentos suficientes acreditativos da sucesión alegada e da lexitimidade da persoa interesada para o cobramento das cantidades en cuestión (certificado de defunción, actos de última vontade, liquidación do imposto de sucesións, testamento, operacións particionais, etc.).
Conforme o artigo 206 do citado Regulamento de xestión urbanística, se o expropiado non quixese aceptar o prezo xusto, non achegase títulos suficientes xustificativos do seu dominio, existise contenda respecto á titularidade do ben ou dereito expropiado, ou, en xeral, se concorrese algún dos supostos do artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, a Administración consignará o seu importe na Caixa Xeral de Depósitos.
De conformidade co establecido no artigo 55.1 do Regulamento de expropiación forzosa, expedirase acta de ocupación da cousa ou dereito expropiado a continuación da de pagamento ou consignación. Para proceder ao levantamento destas actas, deberán asistir os titulares persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, con poder suficiente do que achegará copia, provistos, ademais, dos seus documentos orixinais acreditativos da súa titularidade e o documento nacional de identidade, podendo asistir acompañados pola súa conta, se o coidan oportuno, dos seus peritos ou notario. No caso de que o predio ou dereito pertenza a varias persoas é necesario a comparecencia de todas elas por si ou debidamente representadas con poder suficiente.
Para facilitar a confección dos documentos de pagamento e a efectividade destes, os interesados deberán achegar ao Concello de Mos os documentos xustificativos dos seus dereitos con anterioridade ás datas fixadas para o levantamento das actas de pagamento, e certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria.
Sexto. Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado competente segundo o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo.
No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, no lugar do recurso de reposición, poderalle dirixir ao órgano competente no prazo de dous meses o requirimento previo previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días, contados a partir do seguinte ao da recepción da notificación, para manifestala por escrito.
A relación dos propietarios, predios e superficies, datas e horario das actas de ocupación e pagamento é a que figura no anexo aprobado e publicarase na seguinte ligazón da páxina web do Concello de Mos:
https://www.mos.es/documentos/afectadossendapeonildornelas.pdf
Mos, 27 de agosto de 2025
Leopoldo Costas Alonso
Alcalde accidental
