I. Mediante o Acordo do Pleno Municipal, do 28 de xullo de 2025, aprobouse definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto de humanización da estrada Pereiras-Tameiga, levado a cabo pola Administración local en calidade de administración expropiante, conforme o previsto no artigo 118 e seguintes da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
II. De conformidade co artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o acordo de aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implica a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados, e o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida produce os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que se continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto.
Polo anterior, procede fixar as datas en que se levantarán as correspondentes actas de pagamento e ocupación, de conformidade cos artigos 49 e 55 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
III. Segundo establece o artigo 205 do Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, o pagamento do prezo xusto soamente se fará efectivo, consignándose no caso contrario, a aqueles interesados que acheguen os títulos xustificativos do seu dereito. De existiren outros dereitos sobre o predio expropiado, deberán comparecer tamén os seus titulares.
Conforme o artigo 206 do citado Regulamento de xestión urbanística, se o expropiado non quixese aceptar o prezo xusto, non achegase títulos suficientes xustificativos do seu dominio, existise contenda respecto á titularidade do ben ou dereito expropiado, ou, en xeral, se concorrese algún dos supostos do artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, a Administración consignará o seu importe na Caixa Xeral de Depósitos.
IV. De conformidade co establecido no artigo 55.1 do Regulamento de expropiación forzosa, expedirase acta de ocupación da cousa ou dereito expropiado a continuación da de pagamento ou consignación. Para proceder ao levantamento destas actas, deberán asistir os titulares persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, con poder suficiente do que achegará copia, provistos ademais dos seus documentos orixinais acreditativos da súa titularidade e o documento nacional de identidade, podendo asistir acompañados pola súa conta, se o coidan oportuno, dos seus peritos ou notario.
Para facilitar a confección dos documentos de pagamento e a efectividade destes, os interesados deberán achegar ao Concello de Mos os documentos xustificativos dos seus dereitos con anterioridade ás datas fixadas para o levantamento das actas de pagamento, e certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria.
V. En consecuencia, convócanse os titulares de bens e dereitos afectados por este expediente para proceder ao levantamento das actas de pagamento e ocupación o día 11 de setembro de 2025, que terá lugar nas dependencias de Secretaría do Concello de Mos (rúa Reguengo, s/n, 36475 Mos), nas horas e orde que se sinalan no documento anexo.
VI. Notifíquese esta resolución a todos os titulares dos bens e dereitos que figuran no expediente expropiatorio, con indicación a cada un deles da data, hora e lugar en que se procederá ao levantamento das actas de pagamento e ocupación. Publíquese a resolución no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do Concello de Mos e nun diario dos de maior circulación da provincia. A publicación desta resolución servirá de notificación aos propietarios descoñecidos, dos que se ignore o seu domicilio, ou ben, tentada a notificación, esta non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Mos, 27 de agosto de 2025
Leo Costas Alonso
Alcalde accidental
ANEXO
Horario da convocatoria
|
Predio |
Referencia catastral |
Nome |
Apelidos |
Día |
Hora |
|
1 |
36033A05500104 |
Manuel |
Rodríguez Álvarez |
11.9.2025 |
9.00 |
|
Mª Concepción |
Rodríguez Álvarez |
||||
|
2 |
36033A05400649 |
Manuel |
Rodríguez Álvarez |
11.9.2025 |
9.30 |
|
3 |
36033A05400652 |
Manuel |
Rodríguez Álvarez |
11.9.2025 |
10.00 |
|
Mª Concepción |
Rodríguez Álvarez |
