DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 3 de setembro de 2025 Páx. 48016

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2025 pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da ponte elevada sobre a N-525, punto quilométrico 295+000, intersección co Camiño do Sueste-Vía da Prata-Camiño Mozárabe, punto quilométrico 50+724, Bendoiro-Lalín, de clave 2025/057.

O artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 26 de marzo de 2025, a Axencia de Turismo de Galicia acordou someter ao trámite de información pública o proxecto de construción da ponte elevada sobre a N-525, punto quilométrico 295+000, intersección co Camiño do Sueste-Vía da Prata-Camiño Mozárabe, punto quilométrico 50+724, Bendoiro-Lalín (Pontevedra), así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido (clave 2025/057).

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 21 de xullo de 2025 adoptou o acordo de aprobar definitivamente o proxecto de construción da ponte elevada sobre a N-525, punto quilométrico 295+000, intersección co Camiño do Sueste-Vía da Prata-Camiño Mozárabe, punto quilométrico 50+724, Bendoiro-Lalín (Pontevedra), de clave 2025/057, sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública. O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto de 2025 (DOG núm. 149). A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento de 26 de abril de 1957.

En consecuencia, a Axencia de Turismo de Galicia resolveu convocar aos titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Lalín, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Lalín.

Lugar: Casa do Concello de Lalín.

Data: 15 de setembro de 2025, ás 10.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Lalín e na Área de Obras e Mantemento da Axencia de Turismo (Estrada Santiago-Noia km. 3, A Barcia, 15897 Santiago de Compostela), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da Axencia:

https://www.turismo.gal/canle-institucional/normativa/detalle?content=normativa_0471.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria ás persoas interesadas ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir as persoas titulares afectadas persoalmente ou ben representadas pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, que achegarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, podendo facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa de 26 de abril de 1957, esta axencia, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto, convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Termo municipal de Lalín.

Lugar: Casa do Concello de Lalín.

Data: 8 de outubro de 2025, ás 10.30 horas.

No mesmo acto ofertaránselles ás persoas propietarias as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, advertindo as persoas titulares que na acta figurarán os/as donos/as da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, debendo achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que deberán identificarse co documento nacional de identidade.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia