A través da Orde do 7 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro) convocáronse para o ano 2025 as subvencións destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de concorrencia competitiva.
O artigo 2 da parte dispositiva da Orde do 7 de xaneiro de 2025, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinarán para a anualidade de 2025 a cantidade de 3.032.718,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.732A.760.0. No punto 3 deste artigo, prevese a posibilidade de incrementar a dotación desta partida en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, feito que non implica a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Dada a dispoñibilidade de crédito procedente das aplicacións orzamentarias doutro proxecto da mesma consellería, considérase necesario aumentar a partida orzamentaria na cantidade de 2.582.743,30 € co fin de atender as necesidades de tramitación da orde. Polo anterior, procedeuse á oportuna modificación orzamentaria incorporando o dito importe na aplicación 09.03.732A.760.0.
Por outra banda, no artigo 21.1 das bases da mencionada orde, establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2025 para presentar a documentación xustificativa da subvención.
Tendo en conta tanto a data de resolución das devanditas axudas motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas e a ampliación de beneficiarios consecuencia da citada ampliación de crédito, como a problemática existente nestes momentos na subministración de materiais de construción que ocasiona atrasos ás empresas construtoras na execución das obras; e co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario
Modifícase o artigo 2 da parte dispositiva da Orde da Consellería de Economía e Industria do 7 de xaneiro de 2025 no referente ao importe total do crédito orzamentario e increméntase en 2.582.743,30 €, de maneira que a anualidade de 2025 pasa a ser 5.615.461,30 €.
Artigo 2. Ampliación do prazo de execución e xustificación
Modifícase o artigo 21.1 das bases da Orde da Consellería de Economía e Industria do 7 de xaneiro de 2025 ampliando ata o día 14 de novembro de 2025 (inclusive) o prazo para a xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Orde do 7 de xaneiro de 2025.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
