En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Boiro na ordenanza 6.2 do parque empresarial de Espiñeira, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 22 de agosto de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2010&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2010
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de ordenación municipal do Concello de Boiro na Ordenanza 6.2 do Parque Empresarial de Espiñeira
O Concello de Boiro solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), en virtude do disposto no artigo 60.16, en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).
Unha vez analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes
1. O Concello de Boiro conta cun plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente polo Concello mediante o Acordo do Pleno do 20 de maio de 2003, ao abeiro da disposición transitoria terceira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
2. O Plan parcial do polígono industrial de Espiñeira fora aprobado definitivamente polo Concello mediante o Acordo do Pleno do 20 de abril de 1998.
3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu un informe o 18.12.2017 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.
4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 24 de xaneiro de 2018 (DOG do 23 de febreiro de 2018) no cal resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco dos procesos de consultas previas informaron, ademais da DXOTU, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal (6.11.2017), a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (23.11.2017), o Instituto de Estudos do Territorio (12.12.2017) e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (27.12.2017).
5. O arquitecto municipal emitiu informes o 17.1.2020 e o 28.2.2020.
6. O secretario xeral municipal emitiu un informe xurídico o 14.7.2022.
7. O arquitecto técnico municipal emitiu un informe o 14.7.2022.
8. O Pleno do Concello de Boiro aprobou inicialmente a modificación puntual o 28.7.2022. Foi sometida a información pública durante o prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 14.10.2022 e La Voz de Galicia do 19.10.2022) e presentouse unha alegación, segundo certificación do secretario municipal.
9. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:
• Da Secretaría Xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital (Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública), do 9.1.2025, favorable.
• Informes do Ministerio de Defensa do 8.4.2020 e 3.11.2022, favorables.
• Da Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), do 4.2.2021 e do 13.4.2023, referidos ao artigo 117.1 da Lei de costas; e do 10.2.2025, referido ao artigo 117.2 da Lei de costas, no cal se indica que o ámbito queda fóra da servidume de protección e da zona de influencia da Lei de costas.
10. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:
• Da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), do 4.11.2022.
• De Augas de Galicia, do 27.2.2023.
• Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 12.12.2022 e do 5.6.2023, desfavorables; e do 22.11.2023, favorable condicionado.
• Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe, do 6.2.2023.
11. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes da Pobra do Caramiñal, Lousame, Porto do Son e Rianxo. Recibiuse resposta do concello de Lousame.
12. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático acordou o 17.11.2023 prorrogar durante un prazo máximo de dous anos a vixencia do informe ambiental estratéxico formulado o 24.1.2018 a partir do 23.2.2024.
13. O arquitecto municipal emitiu informe previo á aprobación provisional o 22.2.2024.
14. O arqueólogo do concello emitiu informe o 21.2.2024.
15. O secretario municipal emitiu informe xurídico o 23.2.2024.
16. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación puntual o 29.2.2024.
17. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio do 20.11.2024 e remitiu o expediente, que tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia o 2.12.2024. Requiriuse documentación o 10.12.2024 e esta entrou no Rexistro o 14.2.2025.
18. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas resolveu non outorgar a aprobación definitiva mediante a Orde do 22.4.2025.
19. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación corrixida o 26.6.2025.
20. O Concello solicitou novamente a aprobación definitiva mediante oficio do 15.7.2025 e remitiu o expediente con entrada no Rexistro o 16.7.2025.
II. Obxecto e descrición da modificación puntual.
1. A modificación puntual ten por obxecto alterar as determinacións da ordenanza 6.2, aplicable no solo urbano industrial do parque empresarial de Espiñeira, proveniente da execución e desenvolvemento do plan parcial correlativo.
2. As determinacións que se modifican nesa ordenanza 6.2 son:
a. A altura máxima pasa de dúas a tres plantas; a altura das cornixas de 9 a 13 metros; e a altura da cuberta de 11 a 16 metros. Os recuamentos laterais en parcelas de longo medio superior a 50 metros pasan de 7 a 5 metros.
b. Nos cerramentos das parcelas a altura máxima dos elementos macizos pasa de 1 metro a 1,50 metros.
c. Nas parcelas menores de 3.000 m2, co obxecto de poder materializar o 80 % da ocupación máxima permitida, as edificacións poderán acaroarse aos laterais e/ou ao fondo da parcela.
d. Non se consideran fóra de ordenación as edificacións adaptadas a licenza que non cumpran os recuamentos mínimos da ordenanza como consecuencia da agrupación de parcelas en que a superficie da parcela resultante implique maiores recuamentos.
e. O concello autorizará a construción por riba da altura máxima se se xustifica por necesidade de produción ou da propia operatividade da actividade, sen se limitar estes elementos singulares ao 10 % da superficie ocupada en planta pola edificación.
f. En canto aos usos, ademais dos definidos no plan parcial, autorízanse: aparcadoiro; comercial, todas as categorías. No caso de seren locais de afluencia de persoas, contarán cunha praza de aparcadoiro dentro da parcela por cada 30 m2 construídos; oficinas: todas as categorías; salas de reunións: categoría 4ª: bares, restaurantes e terrazas. Están excluídos en todo caso os bailes ao aire libre; deportivo: todas as categorías; sanitario: todas as categorías; educativo: todas as categorías, incluíndo gardarías.
III. Análise e consideracións.
1. En relación coas obxeccións formuladas na anterior Orde CVPI do 22.4.2025, o documento que agora se presenta suprime o uso hoteleiro entre os usos posibles nas parcelas industriais.
2. O documento incorpora as determinacións derivadas da aceptación parcial da alegación da entidade urbanística polígono industrial de Espiñeira, e exclúe o uso hoteleiro.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais correspóndelle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual (MP) do PXOM de Boiro na ordenanza 6.2 do parque empresarial de Espiñeira.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
4. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
