A base décimo primeira da Resolución do 19 de decembro de 2023, desta dirección xeral, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso nas categorías de grupo técnico da función administrativa e grupo de xestión da función administrativa (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 21 de decembro) dispón que cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O artigo 121.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, indica: «As resolucións e actos a que se refire o artigo 112.1, cando non poñan fin á vía administrativa, poderán ser recorridos en alzada ante o órgano superior xerárquico do que os ditou. Para estes efectos, os tribunais e órganos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas e calquera outros que, no seo destas, actúen con autonomía funcional, consideraranse dependentes do órgano a que estean adscritos ou, na súa falta, do que nomease ao presidente deste».
Mediante a Resolución do 21 de febreiro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 43, do 4 de marzo) esta Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nomeou os membros dos tribunais, titulares e suplentes, que xulgan os procesos selectivos de diversas categorías de persoal estatutario de xestión e servizos, entre as cales figura o grupo técnico da función administrativa, convocadas mediante as resolucións do 19 de decembro de 2023.
A través da Resolución do 7 de xullo de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm.135, do 16 de xullo), publicouse o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario, entre elas a do grupo técnico da función administrativa.
Á vista da estimación parcial dun recurso administrativo presentado fronte a referida resolución do 7 de xullo de 2025 e de conformidade coas bases da convocatoria, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. A resolución dun recurso de alzada presentado fronte á Resolución do 7 de xullo de 2025, pola que se publica o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario de xestión e servizos, entre elas a do grupo técnico da función administrativa, considerou parcialmente anular por ser idénticas as preguntas E61 e E70 do exercicio da parte específica, debendo ser substituídas polas preguntas de reserva E108 e E109, respectivamente.
Deste xeito, para dar cumprimento á resolución do recurso de alzada, debe modificarse en tal sentido o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición da categoría do grupo técnico da función administrativa.
Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición da categoría do grupo técnico da función administrativa.
Terceiro. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida, de conformidade coa base oitava da convocatoria.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e deberán dirixirse á sede do tribunal para o efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, aprecia algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante, poderá proceder á súa corrección.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde
