O 24 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301D), en diante, resolución de convocatoria.
O artigo 22.1 da resolución de convocatoria refírese ao prazo para presentar a documentación xustificativa, indicando o seguinte:
1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 6 de outubro de 2025, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.
Con posterioridade ao outorgamento das subvencións recibíronse en Augas de Galicia comunicacións dalgún dos concellos que foron beneficiarios solicitando a ampliación do prazo de xustificación.
Así mesmo, debe terse en conta o elevado número de solicitudes presentadas ao abeiro deste procedemento, o obxecto das actuacións subvencionadas que requiren dun tempo de execución maior, así como a tramitación dunha ampliación do crédito inicialmente previsto na resolución de convocatoria, o que tivo como consecuencia que non se puidesen ditar todas as resolucións de concesión no prazo establecido na convocatoria.
O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no que se indica que a ampliación poderá acordarse, de oficio ou a instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.
As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.
A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301D)
Modifícase o número 1 do artigo 22 da Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301D), que queda redactado como segue:
«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 20 de outubro de 2025, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025
A presidenta de Augas de Galicia
P.D. (Disposición adicional segunda da Resolución do 11.2.2025;
DOG núm. 37, do 24 de febreiro)
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia
