Expediente: IN407A 2025/030-4.
Promotora: Xestión do Solo de Galicia (Xestur, S.A.).
Denominación: LMTS de subestación Lalín ao polígono industrial de Lalín 2000-fase 4.
Concello: Lalín.
Feitos:
1. O 4.2.2025, Xestur, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS de subestación Lalín ao polígono industrial de Lalín 2000-fase 4.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 554.259,08 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a extensión da liña de media tensión para a alimentación eléctrica ao polígono industrial Lalín 2000-fase 4. Para isto, proxéctase unha liña de media tensión subterránea de 3.776 metros desde a contorna da subestación Lalín ata a rotonda proxectada no lugar de Espiño, no polígono industrial de Lalín 2000, no concello de Lalín (Pontevedra).
Estas instalacións eléctricas, unha vez rematadas e antes da súa posta en servizo, serán obxecto de cesión á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Lalín, a Demarcación de Estradas do Estado, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Demarcación de Estradas do Estado e polo Servizo do Patrimonio Cultural.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. O 28.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS de subestación Lalín ao polígono industrial de Lalín 2000-fase 4.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240), en tres actuacións. A primeira é de 374 metros de lonxitude, con orixe no empalme coa LMTS na rúa Penela, fronte ao nº 1, e final no empalme coa LMTS na avenida Montserrat, á beira do nº 108. A segunda é de 292 metros de lonxitude, con orixe no empalme coa LMTS na avenida Xosé Cuiña, N-525, p.q. 289+980, e final no empalme coa LMTS na avenida Xosé Cuiña, N-525, p.q. 290+265. A terceira é de 3.110 metros de lonxitude, con orixe no empalme coa LMTS na avenida Xosé Cuiña, N-525, p.q. 290+310, e final no empalme coa LMTS no lugar de Espiño, na rotonda de acceso ao polígono.
• A liña ten o inicio na rúa Penela, discorrendo polas avenidas de Madrid e Xosé Cuiña e polas rúas Carballeira da Botica, do Río, da Corredoira, rúa 53, Pista das Calzadas e o lugar de Espiño ata a rotonda de acceso ao polígono industrial Lalín 2000, pertencentes ao municipio de Lalín (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar a Xestur, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS de subestación Lalín ao polígono industrial de Lalín 2000-fase 4, expediente IN407A 2025/030-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente no que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios a aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.
• Contrato de cesión entre Xestur, S.A. (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 8 de agosto de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
