BDNS (Identif.): 855444.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/855444
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidos no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.
Segundo. Obxecto e réxime
O obxecto é a concesión de subvencións para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención ou ao seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística e/ou da marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento TU970A).
O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e, no caso en que a persoa beneficiaria destas axudas realice unha actividade económica, quedará suxeita ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 27 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou o mantemento da marca Q de Calidade Turística e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TU970A).
Cuarto. Gastos subvencionables
Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade e sustentabilidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do ICTES, correspondentes ao ano 2025 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2025. Concretamente serán subvencionables:
• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTES para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación correspondente ao ano 2025, da marca de Calidade Turística Q e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística.
Non se terán en conta as xustificacións de gasto das auditorías internas realizadas polas entidades solicitantes no servizo/recurso turístico nin as cotas de adhesión destas ao ICTES no ano 2025, e quedan excluídos tamén os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra a persoa ou entidade solicitante durante o proceso de implantación do correspondente referencial de Q de calidade e/ou S de sustentabilidade. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría externa realizada no ano 2025.
• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q e/ou da marca S no ano 2025, unha vez acadada a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTES ao establecemento.
En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e as sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Quinto. Importe
As subvencións relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 210.000 €, dos cales 50.000 € corresponderán á categoría 1ª (concellos), con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005; e 160.000 € corresponderán á categoría 2ª (entidades privadas), con cargo á aplicación 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que implicará a posibilidade de atender novas solicitudes.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Sétimo. Prazo de xustificación da subvención
O prazo de xustificación das axudas concedidas rematará o 28 de novembro de 2025.
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
