DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 2025 Páx. 49499

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2025 pola que se amplía tanto o prazo de execución das actuacións como o de xustificación establecidos pola Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I).

O Acordo do 14 de decembro de 2022, da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado mediante a Resolución do 19 de decembro de 2022, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento no marco do compoñente 14, investimento 1, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e destina 5.500.000 euros a Galicia para o desenvolvemento da actuación de cohesión entre destinos (ACD) aloxamentos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Neste marco, o 19 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 28 de febreiro de 2024 (DOG núm. 48, do 7 de marzo) e pola Resolución do 21 de novembro de 2024 (DOG núm. 230, do 28 de novembro).

O artigo 6.2 das bases reguladoras da Resolución do 21 de decembro de 2023 sinala que os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de setembro de 2025. O artigo 24.1. indica que as persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 30 de setembro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. O artigo 25.1.b.2) indica que en ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (30 de setembro de 2025).

Existe unha porcentaxe alta de persoas beneficiarias que manifestaron dificultade para finalizar as actuacións dentro do prazo previsto na resolución de concesión, debido á complexidade dos proxectos presentados, especialmente os da liña 3, relativos á creación e/ou ampliación e mellora da capacidade de aloxamento da contorna turística para a posta en valor da enogastronomía de Galicia, que actúan en instalacións preexistentes, moitas suxeitas a algún tipo de protección, o cal demorou o inicio das actuacións debido á necesidade de obtención dos preceptivos permisos ou licenzas, o que dificulta a intervención que se vai realizar. Á vista do exposto resulta aconsellable ampliar o prazo de execución das actuacións e de xustificación.

Esta ampliación é conforme o prazo de finalización do investimento 1.2 do compoñente 14, recollido tanto na Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (CID) como na addenda a este. Nos devanditos documentos indícase que os proxectos destinados a promover a sustentabilidade dos destinos turísticos no marco deste investimento deberán estar terminados como moi tarde o 30 de xuño de 2026. Así mesmo, a descrición do fito 221 da C14.I1 é a seguinte: finalización dos proxectos de promoción da sustentabilidade turística en Certificación da execución T2 2026, é dicir, prevese igualmente o segundo trimestre de 2026 como prazo de finalización dos devanditos proxectos.

Dado que, á vista da normativa antes exposta, é posible e que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os artigos 6.2, 24.1 e 25.1.b.2) das bases reguladoras para ampliar o prazo de execución e xustificación ata o 15 de decembro de 2025, o que permitirá unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de execución e xustificación

1. Modificar o artigo 6.2 das bases reguladoras da Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I), que queda redactado da seguinte maneira:

«Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 15 de decembro de 2025».

2. Modificar o artigo 24.1 das bases reguladoras da Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I), que queda redactado da seguinte maneira:

«1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 15 de decembro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 30 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 30 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas».

3. Modificar o artigo 25.1.b.2) das bases reguladoras da Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I), que queda redactado da seguinte maneira:

«b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (15 de decembro de 2025)».

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Terceiro. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia