O Regulamento (UE) 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, sobre a política pesqueira común (PPC), establece no seu artigo 35 a creación dunha organización común de mercados (OCM), de xeito que as actividades da produción pesqueira e acuícola, incluídas a transformación e a comercialización sexan economicamente viables e competitivas, e encomenda ás organizacións profesionais o papel para acadar estes obxectivos.
A organización común de mercados regúlase no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector de produtos da pesca e da acuicultura.
O Regulamento de execución (UE) 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, desenvolve o Regulamento (UE) 1379/2013, en relación cos plans de produción e comercialización (PPeC) das organizacións de produtores pesqueiros e da acuicultura.
O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), establece no seu artigo 26.1.b) o obxectivo específico de «promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e da acuicultura, así como da transformación dos ditos produtos», encadrado na prioridade número dous do FEMPA «Fomentar as actividades sustentables da acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión».
O Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período de programación 2021-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 29 de novembro do 2022, establece os instrumentos financeiros para a aplicación das medidas do FEMPA.
Entre os obxectivos do FEMPA está fomentar as accións levadas a cabo polas organización profesionais de produtores pesqueiros (OPP), especialmente as relacionadas cos seus plans de produción e comercialización para que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo co rol que lles atribúe a organización común de mercados da pesca, co cal fixa un cofinanciamento por parte dos fondos comunitarios do 70 %.
A Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a Orde do 26 de setembro de 2024, establece as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para o período 2021-2027. Códigos de procedemento PE155C e PE155D (DOG núm. 193, do 7 de outubro).
Para desenvolver as bases reguladoras, esta orde recolle a convocatoria de axudas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e das súas asociacións con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, que foron executados durante o ano 2024, coa finalidade de apoiar ao sector pesqueiro, no seu sentido máis amplo, con medidas que deben contribuír a facelo máis competitivo e máis respectuoso coa súa contorna.
Esta convocatoria dá continuidade ao apoio ás organizacións de produtores pesqueiros de Galicia, logo da levada a cabo mediante a Orde do 10 de outubro de 2024 pola que se convocaron axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2023 (DOG núm. 202, do 18 de outubro).
Debe terse en conta a obriga que teñen as organizacións de produtores pesqueiros de presentar, antes do 31 de outubro de cada ano, o seu plan de produción e comercialización para a súa aprobación pola Comunidade Autónoma. O plan aplícase durante o ano seguinte, ano de execución e, unha vez rematado, as entidades deben presentar o informe de actividades referido á súa aplicación antes do 28 de febreiro, para o efecto de dar cumprimento ao establecido no Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.
Coas axudas a que se refire esta convocatoria outórgase apoio financeiro á execución destes plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros de Galicia co obxectivo de que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo o papel que lles asigna a organización común de mercados da pesca.
O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece como propia a competencia exclusiva en «pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura» e o Decreto 210/2022, do 1 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece que corresponde á Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, Servizo de Mercados, o exercicio do «fomento da creación e o control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector, recoñecidas no marco da organización común de mercados».
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, procede convocar as axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organización de produtores pesqueiros e das súas asociacións, de ámbito exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, executados no ano 2024,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta orde é convocar á concesión das axudas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización (PPeC) executados en 2024 polas organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores pesqueiros recoñecidas, con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia
As bases reguladoras destas axudas están recollidas na Orde do 26 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), publicadas no DOG núm. 193, do 7 de outubro, e a corrección de erros publicada no DOG núm. 121, do 26 de xuño de 2025 (en diante, bases reguladoras).
2. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia, dispostos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A concesión das subvencións realízase a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración fixados nas bases reguladoras e no artigo 13 desta convocatoria e adxudicar as axudas co límite do crédito dispoñible fixado no artigo 4 desta convocatoria.
3. A información asociada ao procedemento das axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/), co código de procedemento PE155C.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
Poderán solicitar esta axuda, polos gastos na preparación e aplicación do seu plan de produción e comercialización executado en 2024, aquelas organizacións ou asociacións de produtores pesqueiros recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan as seguintes condicións:
a) Estar dadas de alta no rexistro establecido no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.
b) Ter presentado e aprobado o Plan de produción e comercialización (PPeC), así como o seu informe anual de actividades do ano 2024.
Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias
Para accederen a estas axudas, as entidades beneficiarias deben cumprir cos requisitos xerais e específicos que se dispoñen nos artigos 3 e 24 das bases reguladoras.
Artigo 4. Crédito orzamentario e cofinanciamento europeo
1. Estas axudas faranse efectivas con cargo aos orzamentos da Consellería do Mar, a través das aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, que se especifican no seguinte cadro. A contía máxima será de 2.800.000,00 euros e repartirase do seguinte xeito:
|
Liña de axuda |
Entidades beneficiarias |
Aplicacións orzamentarias |
Proxecto contable |
Importe (euros) |
|
Preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización |
Organizacións sen ánimo de lucro |
2025.16.02.723B.780.0 |
2023 00196 |
2.300.000,00 |
|
Entidades con ánimo de lucro |
2025.16.02.723B.770.0 |
500.000,00 |
||
|
Total |
2.800.000,00 |
|||
2. O importe fixado nesta convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderanse ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos establecidos no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da citada Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.
3. No caso de que sexa necesaria unha alteración na distribución dos créditos orzamentarios establecidos no número 2 deste artigo non será precisa unha nova convocatoria pero si a realización das modificacións que procedan no expediente de gasto e a súa publicación.
4. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea nun 70 % a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 30 % restante.
O cofinanciamento da Unión Europea encádranse no FEMPA a través da:
– Prioridade 2. Fomentar as actividades sustentables de acuicultura, así como a transformación e comercialización dos produtos da pesca e a acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria da Unión.
– Obxectivo específico 2.2. Promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e a acuicultura, así como da transformación dos ditos produtos.
– Tipo de actividade 2.2.1. Mellora da organización do sector. Plans de produción e comercialización.
– Tipo de intervención 2. Promover as condicións para uns sectores da pesca e a transformación economicamente viables, competitivos e atractivos.
5. O período de elixibilidade do actual programa operativo FEMPA 2021-2027 abarca desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2027, como establece o artigo 1 do Regulamento (UE) 2021/1139, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.
Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias destas axudas teñen as seguintes obrigas:
1. Ter executado, dentro do prazo establecido, as actuacións obxecto da subvención para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización referidas ao ano 2024.
2. Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo fin, procedentes de calquera Administración ou ente, público ou privado.
Deberán comunicar ao órgano concedente calquera circunstancia que poida afectar a consecución dos fins para os cales se outorga a axuda.
3. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ser debedora da Xunta de Galicia por calquera outro ingreso de dereito público.
4. Manter o cumprimento das condicións recollidas no artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, logo de presentar a solicitude e durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco (5) anos tras a realización do pagamento final da axuda outorgada.
5. Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión da axuda.
6. Cumprir co disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en relación coa duración das operacións subvencionadas.
7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, conforme o disposto polo artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño do 2021, e en todo caso durante un prazo de cinco (5) anos, contados a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o derradeiro pagamento da axuda á entidade beneficiaria.
8. Levar unha contabilidade separada ou dispoñer dun código contable adecuado ás transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento, e achegar na fase de xustificación do gasto acreditación do cumprimento das obrigas en materia de contabilidade, de conformidade co establecido no artigo 74.1.a) e i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
9. No caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 euros, ter aboados os gastos das operacións comerciais en que incorran nos prazos que se sexan aplicables de acordo co establecido no artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
10. Someterse ás actuacións de comprobación e seguimento que poida levar a cabo o órgano instrutor, así como someterse a calquera outra actuación de comprobación ou de control financeiro que efectúen os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das ditas actuacións.
11. Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor do mercado e presentar a documentación que lles sexa requirida para acreditar tal circunstancia.
12. Se a realización do proxecto da lugar á xeración de residuos deberá dar cumprimento ás condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial que resulte de aplicación.
13. Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, nos termos previstos no artigo 105.1, letra i), da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e, se é o caso, na normativa das comunidades autónomas.
14. Dar a coñecer o cofinanciamento das operacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e, para tal efecto:
a. Se a entidade beneficiaria dispón de web ou contas en redes sociais, realizará unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacará a axuda financeira da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia.
b. Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda financeira da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia de maneira visible.
No caso de elaboración de notas de prensa para a súa publicación nos medios de comunicación, débese indicar na nota de prensa a subvención pública por parte dos fondos da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, gardar as noticias, exemplares, arquivos, vídeos ou cuñas dos medios onde se publiquen.
c. No caso de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen os equipamentos adquiridos e teñan un custo total superior a 100.000 euros: instalarán placas ou valos publicitarios en lugares visibles ao público, onde apareza o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño de 2021, e o da Comunidade Autónoma de Galicia.
d. Para as operacións non incluídas na alínea c) anterior, as entidades beneficiarias exhibirán nun lugar ben visible un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, destacando a axuda financeira da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia.
No momento de xustificar o gasto, a persoa beneficiaria ten a obriga de achegar acreditación do cumprimento das súas obrigas en materia de publicidade, de conformidade co establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
15. A entidade beneficiaria deberá comprometerse a respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea; ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación; evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
16. Ademais de todas as obrigas anteriores, a entidade beneficiaria deberá dar cumprimento, durante os cinco (5) anos seguintes ao pagamento final, ás condicións que se dispoñen no artigo 18 das bases reguladoras.
Durante o período de cinco (5) anos seguintes ao pagamento final, a entidade deberá dispor e achegar a documentación que lle sexa requirida para unha axeitada comprobación do cumprimento destas obrigas, así como a relativa á publicidade a que se refire o punto anterior.
Artigo 6. Gastos subvencionables e acreditación
1. Os gastos subvencionables deberán terse realizado durante o período de execución da actividade subvencionada a que se refire a resolución de aprobación do informe anual de actividades do plan de produción e comercialización da entidade de 2024, polo que a data das facturas debe ser do ano 2024, excepto os gastos do informe de auditor, da auditoría bienal e os gastos para a preparación do plan de produción e comercialización e o informe anual, que serán subvencionables con anterioridade ou posterioridade ao devandito período de execución.
2. O importe máximo subvencionable non poderá superar os 3.000 euros para o informe do auditor, 3.000 euros para a auditoría bienal e 5.000 euros para a preparación do plan de produción e comercialización e do informe anual.
3. Considerarase gasto realizado o efectivamente pagado como máis tarde o 1 de marzo de 2025, excepto o gasto do informe anual, o informe do auditor e a auditoría bienal, que terán como límite a data da solicitude da axuda.
4. As medidas previstas nos PPeC poderán executarse directamente a través do titular, por medio de terceiros ou mediante unha combinación de ambos.
Consideraranse gastos do titular aqueles gastos relativos ao persoal contratado para a supervisión, preparación ou elaboración dos PPeC, ou a execución das medidas recollidas nos plans, así como aqueles gastos de viaxes que procedan en todo ou parte dunha medida aprobada no PPeC.
Consideraranse gastos de xestión aqueles gastos debidos a terceiros e derivados de servizos externos, subministracións, obras, convenios ou outros gastos de viaxes non incluídos no punto anterior, para a preparación ou execución de medidas do PPeC da entidade solicitante.
5. Serán subvencionables os custos indirectos, que serán calculados de oficio polo órgano xestor aplicando unha porcentaxe fixa do 15 % sobre os custos directos de persoal da propia organización.
6. En aplicación do disposto nos números 1.1.1. Gastos de persoal de estrutura e 1.1.2. Gastos de persoal contratado expresamente para a preparación e/ou execución das medidas dos PPeC, a que se refire o artigo 29 das bases reguladoras, que regula a clasificación e desagregación dos gastos subvencionables, para o cálculo dos custos directos de persoal, aplicarase o seguinte custo unitario máximo por hora e grupo profesional:
|
Grupo profesional/estudos requiridos |
euros/hora |
|
I. Titulado superior |
26,62 |
|
II. Titulado grao medio |
22,52 |
|
III. Especialistas encargados/as. Bacharel ou equivalente |
19,37 |
|
IV. Oficial 2ª advo. e oficial de 2ª. Graduado educación secundaria obrigatoria ou equivalente |
16,10 |
|
V. Persoal subalterno e de servizos específicos non titulado |
14,62 |
7. As actuacións subvencionables son aquelas a que se refire o artigo 27 das bases reguladoras e deben cumprir co que se establece para cada tipo de gasto nos artigos 28 e 29 das citadas bases.
O artigo 30 das referidas bases recolle unha relación de gastos que non poderán ser subvencionables.
Artigo 7. Certificación de non inicio e de fin da obra
1. No caso de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, un funcionario designado pola consellería competente en materia de pesca e acuicultura deberá levantar acta de non inicio, sempre por petición da entidade beneficiaria, antes de comezar esta, nos termos establecidos no artigo 33 das bases reguladoras.
2. No caso de non solicitala, a medida non será subvencionable. A Administración determinará a pertinencia ou non da petición, segundo proceda.
3. Unha vez finalizadas as actuacións, a entidade deberá solicitar a correspondente acta de fin de obra.
4. A solicitude da acta de non inicio e da acta de fin de obra deberán dirixirse ao Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
Artigo 8. Prazo de presentación da solicitude
Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día do mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Artigo 9. Presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Poder suficiente, ou outra documentación acreditativa, da persoa física que actúe en nome e representación da organización, salvo que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.
b) Copia da escritura de constitución e dos estatutos da sociedade, así como das modificacións ulteriores debidamente inscritas no rexistro que corresponda.
c) Certificado actualizado da declaración censual de alta nas obrigas tributarias.
d) Certificado de antecedentes penais da persoa xurídica. Obterase a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza e conterá a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de comprobar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP, FEMP ou FEMPA.
e) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na lexislación de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar para cada investimento, como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan.
Se, sendo preceptiva a presentación de varias ofertas, consonte o disposto no número 3 do artigo 29 da Lei de subvencións de Galicia, estas non se achegan ou a adxudicación recae nunha que non sexa a máis favorable economicamente, a entidade deberá presentar unha memoria que xustifique adecuadamente estas circunstancias.
f) No caso de axudas de máis de 30.000 euros, as entidades, para seren beneficiarias destas axudas, deberán presentar a documentación que en cada caso corresponda, para os efectos de acreditar o cumprimento do establecido no artigo 13.3.bis da lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Nos casos de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, as correspondentes solicitudes de actas de non inicio e de fin de obra a que se refire o artigo 7 desta convocatoria. As ditas certificacións, unha vez realizadas pola unidade competente da Consellería do Mar, serán incorporadas ao expediente de oficio pola unidade tramitadora destas axudas.
h) Anexo II: gastos subvencionables, que incluirá o gasto executado e xustificado, tanto de titular como de xestión, desagregado por cada medida incluída no PPeC.
i) Anexo III: relación de xustificantes, en que irán relacionados e clasificados por medida os investimentos da actividade, coa identificación do provedor, o número da factura, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.
j) Anexo IV: resumo gasto por medidas do PPeC, que inclúa o importe aprobado por medida do PPeC, o importe aprobado dos informes anuais e os gastos finalmente executados e xustificados.
k) Anexo V: gastos de persoal, obxecto dos traballos a realizar e tempo de execución expresado en horas do persoal para cada medida.
l) Anexo VI: gastos de persoal propio, en que se expresarán os gastos de persoal propio dedicado á supervisión, control ou elaboración das medidas do PPeC.
m) Anexo VII: gastos de persoal, coa relación de xustificantes de pagamento das nóminas, en que irán relacionados os xustificantes de pagamento das nóminas.
n) Anexo VIII: gastos de viaxes, onde se detalle a xustificación do gasto e a liquidación individual dos gasto de viaxe que sexan subvencionables.
o) A seguinte documentación complementaria de xustificación:
• Xustificantes dos investimentos efectuados. De xeito xeral, consistirán nas facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente, contratos e nóminas (detalladas o máximo posible).
• Xustificantes das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Identificaranse as facturas pagadas, os seus importes e o destinatario.
• Memoria de persoal, que será un documento explicativo composto por tres partes. A primeira, comprenderá unha descrición xeral da estrutura do persoal da entidade coa identificación dos postos de traballo, as persoas que os ocupan e as funcións xerais de cada posto. A segunda parte deberá detallar as tarefas executadas durante a anualidade, a descrición básica das actividades levadas a cabo, a medida a que se lle imputa, a data de inicio e de fin da tarefa e as horas, desagregadas por meses, que requiriu a execución. A terceira parte deberá incluír evidencias básicas que permitan pór de manifesto a realización das tarefas alegadas na segunda parte. O documento deberá ser coherente e estar asinado pola persoa responsable de persoal da OPP.
• Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Deben achegarse os documentos RNT (relación nominal e traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e os modelos 111 (retencións de ingresos á conta do IRPF) e 190 (resumo anual), se é o caso.
• Xustificante do pagamento das nóminas.
• No caso de solicitar axudas polo IVE non recuperable, cando este fose pagado de xeito efectivo e definitivo por beneficiarios distintos das persoas que non son os suxeitos pasivos a que se refire o artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro do 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido, achegarase unha declaración responsable que acredite tal circunstancia e o modelo 390. IVE, declaración resumo anual.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será preciso achegar os documentos xa presentados con anterioridade pola entidade solicitante ante calquera Administración. Neste caso, o interesado deberá indicar en que momento e perante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que se obterán electronicamente a través das redes corporativas ou a través de consulta ás plataformas de intermediación de datos e outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da entidade solicitante.
De xeito excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse de novo a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o faga necesario ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias presentadas pola entidade solicitante, para o que poderá requirir a achega do documento ou da información orixinal.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de maneira presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Sempre que se realice a achega de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, no caso de dispoñer del.
7. Para a achega da documentación complementaria de xustificación, as organizacións de produtores deberán facer uso da aplicación informática OPPGA, que a Consellería do Mar ten habilitada para estes efectos.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse de oficio os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa que actúa como representante.
c) Resolución da axuda outorgada para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado, no caso de axudas outorgadas pola Xunta de Galicia.
d) Concesións de subvencións e axudas.
e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Non ter sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA.
g) Informe acreditativo de non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións emitido pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
h) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infrinxir a normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade competente da Consellería do Mar.
i) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia) obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.
j) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave na política pesqueira común (PPC), do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control.
k) Informe acreditativo de non estar nin ter estado involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, segundo o disposto no artigo 11 do Regulamento (UE) 1139/2021, relativo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.
l) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
m) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
n) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
o) Rexistro Central de Titulares Reais.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. O órgano que tramite as axudas fará calquera outra comprobación exixida pola lexislación vixente, logo de comunicación á entidade solicitante. En todo caso, faralle saber os efectos de manifestar a súa oposición ou, se é o caso, a necesidade de achegar a documentación xustificativa exixida pola normativa correspondente.
Para os efectos de comprobar que os importes subvencionables se axustan aos prezos do mercado, a unidade tramitadora das subvencións poderá requirir, ás entidades solicitantes, a presentación de certificados emitidos por un taxador independente debidamente acreditado e rexistrado no correspondente rexistro oficial, referido a un ou varios gastos incluídos polas entidades solicitantes como gastos subvencionables.
Artigo 12. Comisión de Valoración
1. Na dirección xeral competente en materia de pesca e acuicultura constituirase unha comisión de valoración para examinar e avaliar os expedientes.
2. A Comisión de Valoración estará composta polos seguintes membros:
a) Presidencia: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, ou a competente en materia de OPP, no caso de mudar a estrutura.
b) Secretaría: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Mercados, ou a competente en materia de OPP, no caso de mudar a estrutura.
c) Vogais: dúas persoas funcionarias adscritas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, ou a competente en materia de OPP, no caso de mudar a estrutura, designadas pola persoa que exerza a Presidencia da Comisión de Valoración.
3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos pola persoa que designe a Presidencia. O referido órgano colexiado precisará da asistencia, polo menos, da maioría simple dos membros para levar a cabo a avaliación.
4. As reunións da Comisión de Valoración poderán realizarse tanto de xeito presencial como a distancia, nos termos establecidos na normativa vixente que sexa de aplicación.
5. A Comisión de Valoración poderá propor que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta avaliación das solicitudes de que se trate.
6. A Comisión de Valoración poderá traballar asistida polos asesores que xulgue necesarios, así como solicitar informes a técnicos expertos na materia, externos ou internos.
A Comisión de Valoración reunirase en sesión única para a elaboración das propostas de concesión ao órgano outorgante, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non esgote o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias e emitir propostas parciais de outorgamento en cada unha das sesións.
Artigo 13. Criterios de valoración
1. O Programa operativo para España do FEMPA 2021-2027, aprobado pola Decisión de execución da Comisión Europea do 29 de novembro de 2022, dispón que os estados membros aprobarán criterios xerais para todas as actuacións cofinanciadas, para asegurar que as operacións subvencionadas estean encamiñadas ao logro dos obxectivos FEMPA, e criterios específicos para cada unha das medidas. Para tal efecto, os criterios foron aprobados mediante o Comité de Seguimento do FEMPA e están recollidos nos artigos 9 (criterios xerais) e 31 (criterios específicos) das bases reguladoras.
2. Os criterios de valoración xerais avaliarán a adecuación das medidas executadas nos plans de produción e comercialización de acordo co disposto no documento Criterios de selección do FEMPA, aprobado polo Comité de Seguimento.
Pódese obter un máximo de dez (10) puntos, dispostos como segue:
a) Adecuación das solicitudes de axudas á análise DAFO do programa operativo FEMPA, así como á estratexia, obxectivos e medidas recollidas no citado programa. Máximo de seis (6) puntos.
b) Adecuación dos indicadores de resultado. Máximo de dous (2) puntos.
c) Contribución a outros plans estratéxicos, prioridades e obxectivos específicos. Máximo de dous (2) puntos.
3. Criterios horizontais ambientais e sociais: entenderanse como tales a consecución dos obxectivos de eficiencia enerxética e interese colectivo, tal e como se establece no artigo 31.2, alíneas a) e b), das bases reguladoras. Pódese obter un máximo de catro (4) puntos, distribuídos como segue:
a) Contribución ao obxectivo de eficiencia enerxética cun máximo de dous (2) puntos.
b) Contribución ao obxectivo de interese colectivo cun máximo de dous (2) puntos.
4. Criterios específicos de viabilidade técnica e económica: entenderanse como tal a propia aprobación dos PPeC, mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e como se dispón no artigo 31.2.c) das bases reguladoras.
5. Criterios específicos de tipo de actividade: entenderase como tal a aprobación dos PPeC, así como os seus correspondentes informes anuais de actividade, mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, segundo o disposto no artigo 31.2.d) das bases reguladoras.
6. Sobre o sistema de puntos que se describe nos números anteriores, aplicarase a asignación das porcentaxes descritas no documento Criterios de selección do FEMPA. Corresponde un 30 % aos criterios xerais, un 20 % aos horizontais ambientais e sociais, un 20 % aos específicos de viabilidade técnica e o 30 % que resta aos específicos de tipo de actividade.
7. A Comisión de Valoración emitirá un informe de acordo coa puntuación obtida, segundo a aplicación dos criterios xerais e específicos, en que se avaliarán as solicitudes da seguinte forma:
– Valoración alta: superior a 65 e ata 100 puntos.
– Valoración media: superior a 40 e ata 65 puntos.
– Valoración baixa: superior a 12 e ata 40 puntos.
– Valoración excluída: inferior a 12 puntos.
8. Segundo o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de non alcanzar o orzamento fixado nesta convocatoria para a totalidade dos proxectos subvencionables, ratearase o importe global máximo destinado ás subvencións entre as entidades beneficiarias.
Artigo 14. Tramitación do procedemento
A tramitación destas axudas seguirá o disposto no capítulo I do título I das bases reguladoras.
O órgano competente para a tramitación do procedemento a que se refire o artigo 7 das bases reguladoras será o Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
Artigo 15. Prazo máximo para resolver e notificar a resolución
1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro (4) meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e o prazo límite de concesión é o 31 de decembro de 2025.
Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a facultade de ditar as resolucións de outorgamento das axudas recollidas nesta orde.
No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000,00 euros por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta de Galicia. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.
2. Transcorrido o prazo sinalado no punto anterior sen que se obtivese resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude da axuda por silencio administrativo.
3. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución.
Artigo 16. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as indicadas persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuaranse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Recursos
1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 15, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio negativo, e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.
Artigo 18. Pagamento
A documentación xustificativa da subvención presentarase no momento de presentar a solicitude da axuda, co que o pagamento da axuda poderá realizarse no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda. A solicitude de pagamento entenderase implícita e achegada na solicitude da subvención.
Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada polo beneficiario.
Artigo 19. Publicidade
1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.
2. A Consellería do Mar remitirá á Base de datos nacional de subvencións información sobre as convocatorias e resolucións de concesións ditadas, nos termos establecidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
4. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.
Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 21. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 22. Responsabilidades
É responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento de todos os requisitos e condicións establecidas nas bases reguladoras e nesta convocatoria, e achegar a documentación requirida.
En particular, as entidades beneficiarias deberán actuar de boa fe, executar a totalidade das actuacións e cumprir coas finalidades para as cales se outorga a axuda, así como levar a cabo a axeitada xustificación documental da totalidade das actividades realizadas nos termos establecidos, pola normativa que resulte aplicable.
Artigo 23. Eficacia
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
