O 23 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (códigos de procedementos ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D).
A citada orde establece, no seu artigo 19, que «o importe máximo inicial do crédito destinado aos programas e subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que iso implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver».
O crédito da Axencia Galega de Innovación previsto na citada orde non resulta suficiente para atender o elevado número de solicitudes que superaron o proceso de avaliación establecido nela. Dado que hai remanentes doutros programas e convocatorias xestionados pola Axencia e que se cumpren os requisitos establecidos nas bases reguladoras, existe crédito dispoñible que fai posible considerar o incremento da dotación orzamentaria, en aplicación do artigo 19 da convocatoria, para a modalidade C da convocatoria –proxectos de persoal con traxectoria excelente (procedemento IN607D)–, tendo en conta que esta modalidade de axuda é a que ten menor dotación económica na convocatoria e que ademais interesa impulsar os seus grupos de investigación xa que se trata de investigadores/as cunha traxectoria excelente que previamente foron avaliados/as positivamente nunha convocatoria de concorrencia competitiva de ámbito nacional, o que lles permitiu incorporarse aos organismos de investigación de Galicia.
Polo que antecede e en uso das atribucións que teño conferidas,
ACORDO:
Artigo único. Incremento de crédito
Con base no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acórdase ampliar o crédito dedicado ao financiamento das axudas da Axencia Galega de Innovación no procedemento IN607D (proxectos de persoal con traxectoria excelente), previstas na Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025.
O importe total do citado incremento é de 567.902,24 €, consignados na aplicación orzamentaria 07.A2.561A.781.0, código de proxecto 2015 00016, coa seguinte desagregación por anos:
|
Modalidade |
Aplicación orzamentaria |
Crédito (en euros) |
|||||
|
2025 |
2026 |
2027 |
2028 |
2029 |
Total |
||
|
Mod. C), proxectos de excelencia, liña traxectoria emerxente |
07.A2.561A.781.0 |
68.463,00 |
124.820,81 |
124.716,81 |
124.959,81 |
124.941,81 |
567.902,24 |
A publicación desta orde non supón apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
