DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 19 de setembro de 2025 Páx. 50414

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2025, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado dos traballos de minoración da xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume, de clave AC/22/108.09.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (Orde do 7 de setembro de 2017; Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vista a documentación recibida durante o trámite de información pública, ditou o 9 de setembro de 2025 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado dos traballos de minoración da xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume, de clave AC/22/108.09.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O obxecto da actuación é a xustificación e definición das obras que se van realizar para minorar a xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume, á altura do punto quilométrico (p.q.) 35+500 da AG-64, ao seu paso polo termo municipal das Pontes de García Rodríguez. Estas augas acidificadas desembocan no río Eume, polo que a finalidade da actuación é reducir estas na súa orixe, e implantar un tratamento pasivo para minimizar a xestión a longo prazo destes caudais ácidos e evitar problemas ambientais.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 127, do 4 de xullo de 2025, publicouse o Anuncio do 17 de xuño de 2025 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado dos traballos de minoración da xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume, de clave AC/22/108.09, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

Terceiro. Durante o período de información pública e petición de informes ás administracións afectadas, non se recibiron nin alegacións de particulares nin informes das administracións consultadas. A dirección do proxecto, co visto e prace da Área de Deseño de Infraestruturas, emite, o 9 de setembro de 2025, o informe de resposta ás alegacións e a proposta de resolución para a aprobación definitiva do expediente de información pública e do proxecto de trazado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. Someteuse ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra, durante un período de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa.

De acordo con todo o exposto, e logo do informe emitido e dos certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública dos traballos de minoración da xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume, de clave AC/22/108.09.

Segundo. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado dos traballos de minoración da xeración de efluentes ácidos na contorna do desmonte dos Airíos e o viaduto do Eume, de clave AC/22/108.09, sen modificacións respecto á relación de bens e dereitos afectados recollidos no documento sometido á información pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas