O Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade indica que á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, órgano da Consellería de Política Social e Igualdade con relación xerárquica directa coa persoa titular da consellería, corresponderanlle as seguintes funcións:
a) Exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, á infancia e á adolescencia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.
b) Protexer e tutelar as persoas menores en situación de risco ou desamparo de acordo co establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación do Código civil e da Lei de axuizamento civil, na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, así como executar as medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.
c) Exercer as políticas destinadas a favorecer e impulsar o crecemento demográfico, á renovación xeracional e a reverter o envellecemento poboacional.
d) Promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral como medio para garantir un ambiente favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias.
e) Elaborar as propostas normativas no ámbito da familia, infancia e adolescencia, así como para o desenvolvemento normativo da Lei 3/2011, do 30 de xuño; da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 4/2001, do 31 de maio.
f) Exercer a potestade sancionadora no ámbito das súas competencias, de conformidade coa normativa de aplicación.
g) Elaborar o anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento do órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.
h) Elaborar as estatísticas nas materias da súa competencia.
i) Impulsar a aplicación da perspectiva de xénero nas materias da súa competencia.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «En caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada.
Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade no ámbito do apoio á familia:
a) A emisión de certificados en que conste a información sobre os títulos de familia numerosa outorgados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) A emisión de certificados en que conste a información sobre os certificados de familias monoparentais emitidos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) A emisión de certificados en que conste a información sobre o certificado galego de asimilación á condición de familia numerosa emitidos con efectos soamente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) A emisión de certificados en que conste a información sobre o certificado galego de asimilación á condición de familia monoparental emitidos con efectos soamente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) A emisión de certificados en que conste a información sobre acollemento familiar.
f) A emisión do «Informe Menor» que se pode obter a través da plataforma de Interoperabilidade, PasaXe!, ao abeiro do convenio 2022-1621 de colaboración entre a Fiscalía Xeral do Estado e a Xunta de Galicia, asinado o 21 de decembro de 2022, para o acceso á información dos expedientes de menores.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE FAMILIA, INFANCIA E DINAMIZACIÓN DEMOGRÁFICA» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE FAMILIA, INFANCIA E DINAMIZACIÓN DEMOGRÁFICA» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2025
|
Jacobo José Rey Sastre Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica |
Julián Cerviño Iglesia Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia |
