O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu na súa reunión do 23.7.2025 aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de Gradín e Cuñas (Ponte Caldelas), con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas:
Primeiro. O 30.9.2022 o presidente da CMVMC de Gradín, presenta solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Gradín e a CMVMC de Cuñas, ambas no concello de Ponte Caldelas.
Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC de Gradín (ID Monte: 3060) da CMVMC de Gradín.
– MVMC de Cuñas (ID Monte: 3059) da CMVMC de Cuñas.
Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG):
• Acta do apeo do deslindamento do 19.2.2022.
• Acta de conciliación número 67/2022, do 14.10.2022, do Xulgado de Paz/Rexistro Civil de Ponte Caldelas.
• Certificado do secretario do 22.2.2024 da CMVMC de Gradín coa conformidade do presidente da aprobación na Asemblea Xeral do 13.11.2022.
• Certificado do secretario do 15.4.2024 da CMVMC de Cuñas coa conformidade do presidente da aprobación na Asemblea Xeral do 28.2.2024.
• Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 23.9.2022 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 954 do COETF de Galicia.
• Informe de validación gráfica catastral con CSV: 0N9AVRN9TX2B1QBJ.
Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 2.771 metros, e está composta polos seguintes puntos:
1 540.902,45 4.697.005,92
2 540.768,10 4.696.381,85
3 540.613,08 4.695.959,85
4 540.679,88 4.695.567,84
5 540.725,04 4.695.338,21
6 540.581,22 4.694.700,96
7 540.603,00 4.694.532,10
8 540.605,75 4.694.481,44
9 540.607,64 4.694.453,40
10 540.614,84 4.694.373,98
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC, detéctase que existe condición de lindeiros entre ambos e considérase que non afecta terceiros propietarios.
A liña de deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación. A CMVMC de Gradín recolle no expediente de revisión de esbozo RE22068 o deslinde coa CMVMC de Cuñas e coa CMVMC de Paradela. Achégase un axuste para continuar os puntos de inicio e fin do deslinde co resto do esbozo da CMVMC de Cuñas.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón a aprobación polo Xurado do deslindamento segundo a liña presentada.
Cuarto. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
Á vista do exposto, este xurado
RESOLVE:
Aprobar o deslindamento parcial entre as CMVMC de Gradín e Cuñas, ambas no concello de Ponte Caldelas, nos termos antes indicados.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da LPAC; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.
Pontevedra, 8 de setembro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
