DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51373

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de setembro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación dos montes chamados Lameiros e Paraños (Outeiro da Muruxa), solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Xeve (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 23 de xullo de 2025, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, Francisco Abilleira González, vogal representante dos veciños da CMVMC de Santa María de Xeve e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 28.6.2018, a avogada Belén Raposo Pérez, en representación da CMVMC de Santa María de Xeve (Pontevedra), presenta unha solicitude de clasificación como monte veciñal en man común das parcelas denominadas Candendo ou Reguiña, Lameiros e Paraños ou Outeiro da Muruxa.

Achega como documentación un informe técnico con planimetría e documentación histórica e outra documentación para demostrar a xestión recente e actual pola Comunidade de Montes.

O 19.9.2018, a CMVMC de Santa María de Xeve presenta unha nova documentación, consistente nos informes de validación catastral e ficheiros dixitais coa medición xeorreferenciada das tres parcelas.

O Servizo de Montes indica que os datos achegados pola comunidade solicitante permiten identificar plenamente as parcelas Candendo ou Reguiña, Lameiros e Paraños ou Outeiro da Muruxa, que a primeira está incluída nun 90 % no Monte da Ría Lobada e Fens clasificado en 1987 e que as outras dúas parcelas non están clasificadas.

A parcela Lameiros está formada por dúas parcelas catastrais, unha a nome da CMVMC de Santa María de Xeve e a outra en investigación, mentres que a parcela Paraños ou Outeiro da Muruxa está formada por tres parcelas a nome de particulares e linda polo vento norte coa parcela da CMVMC de Santo André de Xeve.

Segundo. Na sesión do 26.3.2019, o Xurado acordou incoar un expediente de clasificación das parcelas Lameiros e Paraños ou Outeiro da Muruxa e non incoar o expediente da parcela Candendo ou Reguiña, por estar xa clasificada a prol da CMVMC de Santa María de Xeve.

O 3.4.2019 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do RMVMC.

Con data do 31.7.2019 recíbese o informe preceptivo do Servizo de Montes, que recolle que a parcela Lameiros está «delimitada... por cerramentos de granito... para despois seguir por un muro de pedra antigo... abarca un camiño asfaltado, que comunica coa estrada PO-0018. A vexetación existente é subarbustiva sen interese, excepto por dous castiñeiros...». Pola súa parte, a parcela Paraños ou Outeiro da Muruxa «está totalmente delimitada por un muro de pedra antigo, cerramento de pedra e arame... e un cerramento de arame duns dous metros. A vexetación existente é arbustiva de toxos e xestas e subarbustiva de fentos, con escasa masa arbórea que consiste nalgúns pés novos de castiñeiro, carballo, piñeiro do país e eucaliptos».

O 17.9.2019 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta un escrito no que achega as declaracións xuradas de sete veciños da zona que acreditan que as parcelas Lameiros e Paraños ou Outeiro da Muruxa son comunais e foron usadas desde sempre polos veciños para pasto de animais e para recollida de toxo e estrume.

Terceiro. O 19.8.2019 o Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra certifica que non figura inscrita ningún predio coas características descritas.

O 18.9.2019 notifícase a apertura do trámite de audiencia á CMVMC de Santa María de Xeve e ao Concello de Pontevedra; neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto. Ao tempo, solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra, que a realiza o 21.10.2019.

O 14.10.2019 publícase no DOG o anuncio do acordo de iniciación do expediente de clasificación e abriuse o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do RMVMC.

O 18.10.2019 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta un escrito de alegacións no que reitera o aproveitamento veciñal das parcelas e manifesta que o terreo comunal lindeiro coa parcela Paraños ou Outeiro da Muruxa atribuído á CMVMC de Santo André de Xeve en realidade pertence á CMVMC de Santa María de Xeve, polo que entende que se trata dun erro.

O 6.11.2019 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta novo escrito de alegacións no que achega un contrato de venda de madeira da parcela Paraños ou Outeiro da Muruxa, con data do 31.7.2017.

O 12.11.2019 o Concello de Pontevedra presenta un escrito de alegacións no que achega un informe técnico sobre o posible carácter municipal da vía pública asfaltada que atravesa a parcela Lameiros.

Con data do 15.1.2020 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta un escrito no que manifesta que, diante das alegacións do Concello de Pontevedra, acepta que a vía pública incluída na parcela Lameiros sexa excluída da clasificación.

O 22.1.2020 o Concello de Pontevedra remite unha certificación da exposición pública do edicto na casa do concello.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto deste expediente responde á seguinte descrición:

Concello: Pontevedra.

Parroquia: Santa María de Xeve.

Nome do monte: Lameiros.

Cabida: 1.737 m2 (excluídos os camiños públicos).

Referencia catastral: 36900A236000550000LY.

Referencia catastral: 36900A236000570000LQ.

Informe de validación gráfica: con CSV: FA47RWSP17PHS5AD.

Estremas:

Polígono

Parcela

Titular/es

Norte

236

61

Sabino Torres

236

60

Ramiro Dios Solla

Sur

236

54

José Lorenzo

Leste

236

58

Arturo Bega

236

59

José López Fontán

Oeste

236

56

José Lorenzo e estrada asfaltada

Nome do monte: Paraños ou Outeiro da Muruxa.

Cabida: 6.860 m2.

Referencia catastral: 36900A258001350000LO.

Referencia catastral: 36900A258002410000LJ.

Referencia catastral: parte da subparcela f da parcela 36900A258001470000LZ.

Informe de validación gráfica: con CSV: 3P5R6WX45JT17YAY.

Estremas:

Polígono

Parcela

Titular/es

Norte

257

77

Depósito de auga

Sur

258

147

Dolores Sanmartín Fontán

258

134

Josefina Fontán González

Leste

258

136

Josefina Fontán González

258

137

Dorinda Monteagudo Fariña

Oeste

258

133

José Luis e Luisa Fontán Martínez

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).

Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. Do informe do Servizo de Montes dedúcese unha situación das parcelas compatible co aproveitamento comunal.

A existencia de abondosa documentación histórica e recente (facturas por traballos realizados, denuncias diante das administracións públicas por intentos de apropiación, escrituras de parcelas lindeiras, declaracións xuradas de veciños...) son indicios do carácter veciñal e da xestión por parte da CMVMC de Santa María de Xeve.

Cuarto. O informe preceptivo tamén manifesta que as parcelas están cerradas por todos os ventos, conforme a planimetría presentada pola Comunidade de Montes e recoñecendo de feito erros na planimetría catastral.

Quinto. O Concello de Pontevedra presentou unha alegación opoñéndose unicamente á inclusión dunha vía pública na parcela Lameiros, por se fose de titularidade municipal. Esta alegación foi admitida pola Comunidade de Montes, que acepta a citada exclusión.

Non constan alegacións de particulares que acreditasen un uso privativo destas parcelas, polo tanto, pode aceptarse que existe un aproveitamento en común público, pacífico e continuado por parte dos veciños da parroquia de Santa María de Xeve.

Polo exposto, o xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común os montes Lameiros e Paraños ou Outeiro da Muruxa a prol dos veciños da CM de Santa María de Xeve (Pontevedra) de acordo coa descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o mesmo xurado no prazo dun mes; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 8 de setembro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra