DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51370

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de setembro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación dos montes Eido, Mulariña, Barco e Portela, solicitados a favor da CMVMC de Salvaterra (Salvaterra de Miño).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 23 de xullo de 2025, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na Resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra o 27.11.2024, pola cal se clasifican como veciñais en man común as parcelas denominadas Eido, Mulariña, Barco e Portela a prol da Comunidade de Montes de Salvaterra.

Segundo. O 23.1.2025, o Concello de Salvaterra de Miño presenta recurso de reposición contra a citada resolución, onde alega que non se consideran suficientemente probados e acreditados os aproveitamentos veciñais das devanditas parcelas. Achega Sentenza do TSXG 14/24, do 2 de abril de 2024, que estima o recurso do Concello de Salvaterra de Miño contra a Sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que recoñecía o carácter veciñal da parcela Bouza do Viso como parte integrante do monte Chan da Ponte, titularidade da Comunidade de Montes de Salvaterra.

Terceiro. En resposta ao citado recurso, a Comunidade de Montes de Salvaterra presenta escrito de alegacións onde salienta a falta de lexitimación do Concello ao non presentar probas da súa propiedade sobre as parcelas clasificadas, que a sentenza achegada se refire a outra parcela e cita outras sentenzas do TSXG en que se aceptou a documentación achegada para probar o aproveitamento dos veciños.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como o artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que manifesta o seguinte:

«As resolucións do Xurado Provincial poderán ser obxecto de recurso de reposición perante o propio xurado, previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei reguladora desta xurisdición».

Segundo. O Concello de Salvaterra de Miño non alega os seus posibles dereitos sobre as parcelas clasificadas, senón que o seu recurso se centra exclusivamente en cuestionar o criterio do Xurado no tocante ao seu aproveitamento veciñal, que considera non suficientemente acreditado. A Sentenza achegada 14/24 do TSXG refírese a outra parcela e con documentación diferente. Ademais, na demanda aludida, a base litixiosa central non foi a suficiencia ou non da acreditación do aproveitamento actual, senón a pertenza ou non da parcela Bouza do Viso ao monte Chan da Ponte. Isto é unha cuestión de lindes non claramente definidos, entende o tribunal, e non a acreditación do uso por parte dos veciños, polo que non pode considerarse unha sentenza aplicable a este caso.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu tegulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado por unanimidade dos seus membros acorda:

Desestimar o recurso de reposición presentado polo Concello de Salvaterra de Miño, que confirma en todos os seus termos a resolución impugnada.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 8 de setembro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra