En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 23 de xullo de 2025, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia; Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia; Francisco Abilleira González, vogal representante dos veciños da CMVMC de Santa María de Xeve, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico Administrativo, adoptou a seguinte resolución:
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 11.9.2018, a avogada Belén Raposo Pérez, en representación da CMVMC de Santa María de Xeve (Pontevedra), presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada Lagarteiro, de 633 m².
Achega como documentación un informe técnico con planimetría e documentación histórica.
O 1.10.2018, a CMVMC de Santa María de Xeve presenta nova documentación, consistente nun informe de validación catastral e un ficheiro dixital coa medición xeorreferenciada da parcela Lagarteiro.
O 11.10.2018 o Servizo de Montes indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente o monte Lagarteiro, que non está clasificado e que está integrado por anacos de nove parcelas catastradas a nome de particulares.
Segundo. Na sesión do 26.3.2019, o Xurado acordou incoar o correspondente expediente de clasificación do antedito monte a prol da CMVMC de Santa María de Xeve.
O 3.4.2019 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do RMVMC.
Con data do 22.5.2019 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta escrito e achega copia de escritura ante notario do 19.9.1991 en que se describe que unha parcela lindeira pertencente a un particular linda con monte comunal polo vento sur.
O 15.7.2019 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta escrito e achega declaracións xuradas de catro veciños da zona acreditando que o monte Lagarteiro é comunal e foi usado desde sempre polos veciños para pasto de animais e para recollida de toxo e estrume.
Con data 22.7.2019 a CMVMC de Santa María de Xeve presenta escrito e achega máis declaracións xuradas de seis veciños da zona acreditando que o monte Lagarteiro é comunal e foi usado desde tempo inmemorial polos veciños do xeito indicado polos anteriores.
Con data do 1.8.2019 recíbese o informe preceptivo do Servizo de Montes, que recolle que o monte Lagarteiro corresponde con varias parcelas catastrais de particulares e non linda con ningunha outra parcela comunal. Está «delimitado totalmente por cerramento de pedra e arame dunha vivenda unifamiliar e cerramento de pedra antigo na banda do arboredo. A vexetación é de pasto con rebrotes de acacia e algún piñeiro novo do país».
Terceiro. O 19.8.2019 o Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra certifica que non figura inscrito ningún predio coas características descritas.
O 17.9.2019 notifícase a apertura do trámite de audiencia á CMVMC de Santa María de Xeve e ao Concello de Pontevedra, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto. Ao tempo, solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra.
O 14.10.2019 publícase no DOG o anuncio do acordo de iniciación do expediente de clasificación abrindo o período dun mes para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do RMVMC.
O 22.1.2020 o Concello de Pontevedra remite certificación da exposición pública do edicto na Casa do Concello.
Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto deste expediente responde á seguinte descrición:
Concello: Pontevedra.
Parroquia: Santa María de Xeve.
Nome do monte: Lagarteiro.
Cabida: 628 m².
Informe de validación gráfica con CSV: F226MW6BEHPNSMAV.
Estremas:
|
Titular/es |
|
|
Norte |
María del Pilar Morgade González e outros propietarios descoñecidos |
|
Sur |
Circundado da Antiga Casa de Odulia, María Luísa Solla González e camiño público que lle dá acceso desde a estrada PO-224 |
|
Leste |
María del Pilar Morgade González e María Luisa Solla González |
|
Oeste |
Circundado da Antiga Casa de Odulia |
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).
Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceiro. Do informe do Servizo de Montes dedúcese unha situación das parcelas compatible co aproveitamento comunal.
A existencia dunha escritura de parcela lindeira recollendo este dato e as declaracións xuradas de dez veciños son tamén indicios deste carácter veciñal e da xestión da CMVMC de Santa María de Xeve.
Cuarto. O informe preceptivo tamén manifesta que a parcela está murada por todos os ventos, conforme a planimetría presentada pola Comunidade de Montes e recoñece, de feito, o erro da planimetría catastral.
Quinto. O Concello de Pontevedra non presentou alegacións contrarias á clasificación, nin constan alegacións de particulares que acreditasen un uso privativo destas parcelas. Polo tanto, pode aceptarse que existe un aproveitamento en común público, pacífico e continuado por parte dos veciños da parroquia de Santa María de Xeve.
Polo exposto, o xurado
ACORDA:
Clasificar como veciñal en man común o monte Lagarteiro a prol dos veciños da CM de Santa María de Xeve (Pontevedra) de acordo coa descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o mesmo xurado no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 8 de setembro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
