1. O 14 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento VI501A).
En virtude do ordinal primeiro da citada resolución, este programa comprende as seguintes modalidades de adquisición:
– Modalidade A: adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
– Modalidade B: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
– Modalidade C: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
A súa concesión tramítase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.
2. O punto primeiro do ordinal cuarto da dita resolución establece que As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 3.850.000,00 euros, distribuídos entre as tres modalidades da seguinte forma:
a) Á modalidade A correspóndelle un importe de 2.300.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.0.
b) Á modalidade B correspóndelle un importe de 500.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.2.
c) Á modalidade C correspóndelle un importe de 1.050.000,00 euros, con cargo á aplicación 11.81.451B.780.4.
3. De acordo co punto segundo do dito ordinal, o financiamento desta convocatoria aprobouse nos seguintes termos:
– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2025 do programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.
– Nas modalidades B e C, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.
4. Por outra banda, o punto cuarto do mesmo ordinal prevé que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser ampliada mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Tendo en conta que o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obter a axuda nas modalidades B e C supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente na convocatoria e que o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co ordinal noveno da Resolución do 30 de decembro de 2024, remata o 15 de outubro de 2025, resulta necesario proceder á ampliación da dotación orzamentaria prevista na citada resolución para as ditas modalidades.
6. De conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co ordinal cuarto da Resolución do 30 de decembro de 2024, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Polo exposto,
RESOLVO:
Único. Ampliar, para a convocatoria de 2025, a dotación orzamentaria das modalidades B e C do Programa de adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 900.000,00 euros, distribuídos da seguinte forma:
|
Modalidade |
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2025 |
|
Modalidade B |
11.81.451B.780.2 |
300.000,00 euros |
|
Modalidade C |
11.81.451B.780.4 |
600.000,00 euros |
|
Total |
900.000,00 euros |
|
Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
