DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 3 de outubro de 2025 Páx. 52235

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de outubro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga indefinida convocada pola organización sindical Facultativos de Galicia Independientes (O´MEGA), que afectará o persoal médico do Servizo de Radioloxía da Área Sanitaria de Vigo, a partir do 6 de outubro de 2025.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

A organización sindical Facultativos de Galicia Independientes (O´MEGA) comunicou a convocatoria dunha folga indefinida que afectará todo o persoal médico do Servizo de Radioloxía da Área Sanitaria de Vigo e que se desenvolverá, a partir das 8.00 horas do día 6 de outubro de 2025.

Con base no que antecede e, logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

A folga convocada comprende todo o persoal médico que desempeña o seu labor profesional no Servizo de Radioloxía da Área Sanitaria de Vigo e desenvolverase con carácter indefinido.

O Servizo de Radioloxía é un servizo central e estratéxico dentro da Área Sanitaria de Vigo, que desempeña un papel fundamental na realización e interpretación de probas de imaxe, imprescindibles para o proceso diagnóstico e o seguimento clínico dos pacientes. Así mesmo, realiza tratamentos percutáneos guiados por estas probas, contribuíndo de forma decisiva ao tratamento e á recuperación dos pacientes.

O servizo atende de xeito continuado pacientes procedentes do servizo de Urxencias, das salas de hospitalización, das consultas do propio hospital e dos centros integrados na área de influencia sanitaria, o que evidencia a súa importancia transversal e o seu impacto directo na atención sanitaria global da poboación.

Cómpre destacar que dentro do propio Servizo de Radioloxía existen áreas específicas altamente especializadas que dan resposta a distintas necesidades asistenciais: área de imaxe abdominopélvica, área de imaxe cardiotorácica, área de imaxe musculoesquelética, área de imagen oncolóxica e imaxe funcional-molecular, área de mama, radioloxía de urxencias, radioloxía intervencionista, neurorradioloxía, entre outras.

Ademais, como servizo central, o Servizo de Radioloxía está interconectado cos sistemas de información que permiten achegar os resultados das probas e intervencións ao resto do sistema sanitario e aos propios pacientes, garantindo os máis altos niveis de rapidez na resposta, calidade asistencial e eficiencia.

Polo exposto, a adopción de servizos mínimos durante a folga é imprescindible para garantir a continuidade asistencial, a seguridade dos pacientes e o mantemento dos estándares de calidade no servizo sanitario. Estes servizos mínimos permitirán que o Servizo de Radioloxía siga prestando atención aos casos máis urxentes e vitais, minimizando o impacto da folga na atención sanitaria da poboación.

Para a determinación dos servizos esenciais tivéronse en conta factores como o carácter central e transversal deste servizo dentro da atención sanitaria; a súa implicación directa na realización e interpretación de probas de imaxe clave para o diagnóstico, o seguimento e o tratamento dos pacientes; a existencia de áreas altamente especializadas que requiren continuidade asistencial; a atención prestada a pacientes procedentes de urxencias, hospitalización e consultas externas; a súa integración cos sistemas de información que garanten a continuidade asistencial; e, especialmente, o carácter indefinido da folga, que podería comprometer gravemente a prestación dos servizos sanitarios se non se aseguran uns servizos mínimos axeitados.

Polo exposto, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, co fin de evitar prexuízos graves á cidadanía. Ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desatendida, dadas as características do servizo.

Por iso, mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible aos doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente e os servizos sanitarios que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Para a fixación dos servizos mínimos, óptase nesta orde por reiterar os criterios reitores de carácter xeral que xa foron aplicados por esta consellería en anteriores folgas do persoal facultativo no ámbito hospitalario, pero adaptados ás peculiaridades propias da especialidade de Radioloxía e ás circunstancias concretas desta convocatoria, como é a súa duración.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, determinan que, para fixar os servizos mínimos, se adopten os seguintes criterios reitores:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención das persoas usuarias que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

– Laboratorios de urxencias.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades, por non ser unha actividade programable, e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos.

3. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial, procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización de pacientes, establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das pacientes hospitalizados/as e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, segundo o criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas dos/das pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático e os/as pacientes desprazados/as polo mesmo motivo.

6. Garantirase a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos/das pacientes con neoplasias malignas.

Con base nos criterios anteriores, o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga é o seguinte:

Luns a venres

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

FEAS Radioloxía

Servizos centrais

10

5

5

Sábados-domingos

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

FEAS Radioloxía

Servizos centrais

5

5

5

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

A relación de persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimo, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e notificada aos/ás profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade