DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 6 de outubro de 2025 Páx. 52468

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2025 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 26 de xuño de 2025 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III_2025) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

O programa de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III) para o ano 2025 está regulado polo Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, para contribuír á descarbonización do sector do transporte e, pola súa vez, vincula o novo Moves III_2025 ao seu predecesor, o Moves III xa regulado polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril. A convocatoria desta axudas no ámbito territorial de Galicia formalizouse mediante a Resolución do 26 de xuño de 2025, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III_2025) (DOG núm. 123, do 30 de xuño).

O artigo 10.10 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, establece que poderá destinarse á adquisición de vehículos eléctricos ata un oitenta por cento do orzamento (programa de incentivos 1). O artigo 10.13 do citado real decreto prevé a posibilidade de reasignar o orzamento entre os programas de incentivos a criterio da comunidade autónoma, durante os dous meses seguintes á finalización da vixencia das correspondentes convocatorias, se algunha das partidas destinadas a un programa de actuación non se esgota e outra ten lista de agarda, queda, polo tanto, sen efecto as porcentaxes máximas establecidas inicialmente no anterior número 10 para a repartición entre estas, e liberándose as reservas de orzamento que se puideron establecer. Poderán tamén incorporarse os remanentes correspondentes ao orzamento que non se puidese destinar aos investimentos directos.

O artigo 3.2 da convocatoria do Moves III_2025 prevé a posibilidade de redistribuír o crédito transcorrido un mes desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, co fin de adaptalo á evolución da demanda de axudas en cada unha das epígrafes. Esta redistribución, de levarse a cabo, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 durante toda a vixencia da convocatoria. Unha vez finalizada a vixencia o orzamento poderá ser redistribuído nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, podendo, se é o caso, incorporarse os remanentes de orzamento que non puidesen ser destinados ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma.

Iniciado o prazo de presentación de solicitudes, o pasado 8 de xullo de 2025, e case tres meses despois non se rexistraron solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles na epígrafe correspondente ao Programa de incentivos 2 e, porén, non se dispón de dispoñibilidade orzamentaria suficiente na epígrafe correspondente ao Programa de incentivos 1, onde existe unha listaxe de agarda de máis de 6 M€ .

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que, cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible e coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recurso públicos,

RESOLVO:

Primeiro. Redistribuír os fondos destinados ao Moves III_2025, modificando a táboa do artigo 3.2 da Resolución do 26 de xuño de 2025, do seguinte xeito:

«2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total (€)

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos (80 %)

15.709.572,28

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (20 %)

3.927.393,07

Total

19.636.965,35

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia